Segundo ciclo dos estudos universitarios, posterior á graduación, orientado á especialización académica ou profesional dos alumnos
Unha vez completado o grao, se interesa adquirir unha formación máis especializada, as universidades ofrecen a posibilidade de continuar cos estudos de posgraduado, entre deles, o mestrado. A canda esta palabra, nos últimos anos fíxose cada vez máis recorrente o emprego do anglicismo máster, tanto na conversa xeral coma nos espazos e publicacións oficiais das universidades e outras institucións do ámbito académico; finalmente, máster vén de ser sancionado pola RAG, pasando a integrar, o mesmo ca mestrado, o léxico normativo, polo que terá de ocupar o seu propio lugar como entrada do Dicionario.
As dúas voces, tanto o préstamo anglófono coma mestrado son, ao cabo, evolucións do latino magister, que se espallou, moi recoñecible, pola maioría das linguas europeas: pensemos no maître francés, o mastro italiano, o Meister xermánico ou o meester neerlandés, por citar algúns. Dentro da Península, alén da forma compartida galega e portuguesa, mestre, están o catalán magisteri, castelán maestro e éuscaro maisu (feminino maistra). O significado do étimo ten que entenderse como un superlativo, usado para denominar a persoa que detén o poder ou o control sobre algo, a que manda, dirixe ou guía, como evolución da raíz indoeuropea *mag- ‘grande’.
Sobre esa base que comentamos arriba, déronse, xa en época latina, diferentes evolucións, que afectaron de xeito distinto aos sons da palabra: podemos velo a través das voces que hoxe empregamos, como maxisterio, maxestade, máximo, maiúsculo ou magno, todas elas vinculadas á mesma raíz. A evolución máis patrimonial deu como resultado as palabras mestre –a, mestrado ou mestría.