Eufemismos: palabras discretas

Se somos ben dados, que de todo hai polo mundo, cando establecemos unha comunicación con alguén pretendemos ser amables e cordiais, e non ferir. Ademais tentamos ser decorosos porque a educación dítanos que hai termos considerados tabús (‘situación, obxecto, lugar, tema de conversación, palabras etc., que o costume social xulga dolorosos ou ofensivos’) e evitamos empregalos.

Así mesmo, hai tempo que se asentou unha modalidade de discurso que se basea en dicir moitas cousas sen dicir nada, procurando que quen o recibe non chegue á cerna da cuestión. É o que se deu en chamar o politicamente correcto. Outra variante, máis recente, consiste en utilizar termos inventados ou forzados que axudan a suavizar a comunicación de determinadas decisións políticas.

Todos estes vocábulos e modos denomínanse eufemismos, é dicir, ‘expresións suavizadas dun concepto que, dito de maneira clara e directa, podería molestar a alguén’. Imos ver sete exemplos contundentes que nos poden axudar a manexármonos e entendérmonos nestes tempos de desaceleración (crise), agardando que non se axuste o noso cadro de persoal (que non nos despidan) ou que as nosas parellas non decidan un cesamento temporal da relación (que se separen de nós). Aínda que hai días…

1

traseiro

Familiarmente, cu

Somos iguais, temos a mesma anatomía e témola moi vista, mais a todas e a todos nos custa falar abertamente da zona do noso corpo comprendida entre o embigo e os xeonllos e andamos ás voltas para ver de fuxirmos dos nomes destas nosas partes.

Por iso, en vez de dicirmos cu, que se considera vulgar, empregamos por metonimia traseiro, isto é, o termo que nos indica onde este se atopa, na parte traseira do corpo.

Outro modo diferente de restarlle intensidade á palabriña é usar o diminutivo. Isto facémolo, sobre todo, cando falamos con nenos e por iso nos vemos en situacións quizais moi finas pero algo ridículas dicíndolle a un bebé: “imos quitar o cueiro e limpar ese cuíño!“

2

moreno, a

Mulato ou negro

Xa empezamos dicindo que é de xente de ben tentar ser correctos e non ferirmos ninguén cando abrimos a boca; mais hai moitas veces que, tamén, é bo pensar que ten de malo empregar certos termos que se evitan ou se silencian cando nos poñemos politicamente correctos. Porque parece ter pouco sentido dicir que alguén é moreno ou ‘de cor’ só cando a cor é negra e non branca ou amarela; ou falarmos de persoas ‘de idade’ cando a idade pasa dos setenta se ata hai ben pouco ninguén se ofendía por seren os vellos da casa, os avós e propietarios da herdanza, xa que chegar con ben á maior idade posible era a mellor sorte.
E se seguimos polo camiño das correccións políticas pasamos da intención de non ferir á outra bastante menos loable, a de tomar o pelo. Só podemos explicar, deste xeito, que se escoiten cousas como: desaceleración económica por crise, ‘sen papeis’ para as traballadoras e traballadores ilegais, que nos digan que os salarios moderan o seu crecemento cando a nómina cae en picado ou que falen de mobilidade exterior para non recoñecer que os nosos mozos e mozas teñen que ir gañar a vida polo mundo outra vez.

3

gases

Acumulación de residuos gasosos no intestino, producidos na dixestión.

Ás veces froito dunha mala dixestión, de comer apurado ou dunha enfermidade do intestino, este produce unha acumulación de gases que deben ser expulsados se non queremos pasalo moi mal. Mais ao seren desagradables, por fedorentos e se cadra ruidosos, procuramos non só non botalos onda hai xente senón tampouco nomealos directamente. Así falamos de gases, ventosidades, flatulencias ou, nunha viraxe nostálxica á infancia malia que xa peiteemos canas, de puns ou purrúns. Todo por evitarmos dicir peido ou bufo.

Neste mesmo ámbito, o das palabras designadoras daquilo que expulsamos do corpo e coas que substituímos as escatolóxicas, tamén temos caca e pipí, outra vez a teima no infantil. Nun nivel xa máis culto ou técnico falamos de feces ou urina, para substituíren os coloquiais merda e mexo.

4

partes, as

Zona exterior do corpo correspondente aos órganos xenitais.

Outra das razóns que nos provocan dificultades para nomear zonas do noso corpo é a función que estas realizan, pois damos con outro dos temas que nos produce certo aquel: a sexualidade. Cústanos falar abertamente do sexo e a súa anatomía, e así aos nosos penes ou vaxinas chamámoslles “as partes”. A explicación vén de vello xa que en determinadas sociedades o sexo cinguíase só á reprodución, e todo o que non acabase en embarazo considerábase un acto luxurioso. Nin que dicir ten o que ao longo dos séculos as distintas igrexas insistiron nesta idea coas súas doutrinas e o resultado é que, non só nos limitamos a ter eufemismos para a denominación dos órganos sexuais, senón tamén para o acto en si. Por iso facer o amor ten para alén da acepción máis tradicional de cortexar ou galantear, a de ‘ter relacións sexuais, realizar o acto sexual’, e daquela xa non estamos falando do mesmo…

5

descansar

Estar enterrado.

Na cultura tradicional a morte estaba moito máis naturalizada e asumida como parte indisoluble da vida e mesmo nalgúns países é obxecto de culto, como a Santa Morte mexicana. Mais entre nós, na actualidade, todo aquilo que a rodea tende a converterse nun tabú. Logo de morrer téñennos que enterrar e este intre tan doloroso disimulámolo co verbo descansar, coma se nos consolase pensar que o defunto queda tranquilo e en paz.
Sobre o concepto de ‘deixar de existir’ hai verbos amortecedores como apagarse ou quedarse, cun aquel poético e literario que case consegue disfrazar a realidade. Outros que, pola súa forma culta, atenúan a carga emocional do verbo morrer son expirar, falecer, fenecer, finar, ficar e perecer, que veñen batendo no mesmo. E onde, sen dúbida, gozamos dunha enorme variedade eufemística é na paradoxalmente vizosa fraseoloxía mortuoria: abandonar este mundo, chamar Deus a un, chegarlle a hora, entregar o folgo derradeiro, arrefriárselle o ceo da boca, fuxir a vida dun, marchar para o outro mundo

6

amigo

Persoa con quen alguén mantén relacións amorosas consideradas non lícitas pola moral tradicional ao estaren fóra do matrimonio.

Amigas e amigos temos todos, especialmente desde que é tan fácil apañalos a golpe de solicitude no FB, e por iso acabou sendo un termo tan ambiguo que vai desde o nada ou case nada das redes sociais ata os que son coma irmáns ou mesmo os que teñen dereito a rozadura, especialmente cando se produce sen coñecemento nin consentimento da parella oficial. Nestes casos, o terceiro en discordia pasa de ser o amante (‘persoa con quen outra mantén relacións sexuais consideradas social ou moralmente non lícitas’) ou o querido (‘persoa coa que alguén mantén relacións fóra do matrimonio ou da súa parella estable’) a un simple e discreto amigo, pero, as cousas como son, amigos e amigas destas ninguén as querería para a súa parella.

Pero este eufemismo éche de uso moi antigo porque xa na Idade Media no esplendor da literatura trobadoresca aparecen as cantigas de amigo, onde a muller e voz poética invoca ao amigo que é o seu amante.

7

alegre

Que está baixo os efectos do alcohol.

A saúde é outro dos ámbitos nos que tendemos a ser coidadosos no falar, por delicadeza co enfermo ou por simple temor. Hai enfermidades que pola súa dureza non se nomean como é o caso do cancro, que pasa a ser unha “enfermidade de longa duración”. Nun nivel coloquial mesmo escoitamos frases do tipo: “fulano ten o bicho” ou “calquera pode ter o bicho”.

As adiccións a substancias diversas comezan a ser tratadas tamén como enfermidades e non como simples vicios, e por unha cousa ou pola outra xorden eufemismos para falar delas. Tomar un vaso de viño á comida é cardiosaudable, pero baixar a botella a diario é excesivo. As borracheiras continuadas son un grave problema, e cando temos unha persoa coñecida con esta incapacidade de autocontrol podemos tender a disfrazalo dicindo que vai alegre, antes de admitir que a persoa está borracha ou caneca perdida ou, simplemente, bebida. A xenialidade popular creou distintas designacións do estado alcohólico: achegarse ás paredes, cargar o carro, coller unha tranca ou pillar unha chea.

Algo semellante sucede con aqueles termos que non se refiren a enfermidades propiamente ditas, senón a estados ou circunstancias do corpo: invidentes para evitar o termo cegos, persoas obesas, no canto de gordas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir