Filgueira en sete palabras

Expoñer en sete palabras todo o percorrido vital e profesional dunha persoa é un reto difícil, máis aínda cando se trata de alguén como Filgueira Valverde, cunha vida e obra prolíficas.

No camiñar de Filgueira entre os anos de case un século completo (1906-1996), hai ben máis luces das que soubemos recoller neste Setestrelo, mais entre todas –as que citamos e as que non– forman unha das posibles visións deste personaxe poliédrico. A memoria colectiva componse de milleiros de palabras nas que se expresa a nosa visión dos feitos históricos e os personaxes ilustres, e todas elas varían dependendo de onde poñamos o foco. Para falar do protagonista do Día das Letras 2015, hoxe, escollemos estas sete.

1

vedra

Vella, antiga

Fotografia do Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra

Compostela e Pontevedra (a ponte vedra sobre o Lérez) foron esteos de Filgueira. Na primeira formouse e publicou diversos traballos dedicados ao Camiño e a tradición cultural, así como guías dos monumentos, a iconografía do Apóstolo ou os gremios artesanais. Pontevedra foi o epicentro da súa traxectoria. Nela exerceu como director do Instituto ao longo de tres décadas, converténdoo nun dos máis prestixiosos do país. En 1927, promoveu a fundación do Museo, do que chegou a ser director e ao que estivo intensamente vinculado deica a súa morte, aumentando as súas instalacións e o seu catálogo, por exemplo coa adquisición do legado de Castelao.

Antigamente, era de uso común na nosa lingua o adxectivo vedro –a para caracterizar o que ten moitos anos, partindo da forma latina veter, veteris, de idéntico significado. O cualificativo non sobreviviu na lingua moderna, e xa os lexicógrafos do XIX o consideran só como topónimo. Certamente, son numerosos os nomes de lugares nos que se conserva este adxectivo, ben de xeito autónomo (como no concello de Vedra, preto de Compostela, ou en lugares como As Rozas Vedras ou Bouzas Vedras, nos concellos de Xermade e A Peroxa, respectivamente) ben como constituínte por aglutinación, tal é o caso de Pontevedra, e moitos outros exemplos da microtoponimia (Eiravedra, Fontevedra, A Portavedra etc.) e a onomástica (Vilavedra, Iravedra). Na lingua de hoxe, mantense o derivado vedraño –a, do mesmo étimo e significado semellante, como indica o Dicionario.

2

cultura

Conxunto de coñecementos xerais que posúe unha persoa, adquiridos mediante a instrución ou a experiencia.

Logo cartel festival da Canción Galega
Fragmento da portada do folleto do Festival

Filgueira era un home de cultura no sentido máis amplo, e isto incluía un profundo coñecemento das artes, as letras, a música e a pintura, que soubo poñer en valor a través da súa actividade á fronte de diferentes institucións, como o Consello da Cultura ou o Museo de Pontevedra. Filgueira foi asesor cultural da Fundación Barrié e promotor de certames, como o Festival da Canción de Pontevedra, que colocou a lingua propia na rúa en plena década dos 60. Tamén nas súas clases, conferencias, artigos e ensaios deixou ver o mellor da súa vasta formación, sacando adiante a edición de varios cancioneiros así como a publicación de múltiples estudos sobre a arte do país.

En latín creouse o substantivo cultura, -ae que (por oposición a natura) designaba o que se adquiría como froito dun cultivo, no sentido físico e moral, pois precisamente ‘cultivar’ era unha das acepcións principais do verbo colere, do que derivaba. Ese foi o berce da nosas palabras cultura e cultivar. Esta última, tal e como recolle o Dicionario, conserva na actualidade as acepcións figuradas referidas a formarse por medio da instrución ou dedicarse con interese ao estudo, en particular ao científico e artístico.

3

medievo

Idade Media, período da historia que segue a Idade Antiga e que vai desde a caída do Imperio Romano de Occidente (476) ata a caída de Constantinopla (1453) ou o descubrimento de América (1492), segundo os autores.

Iluminación da Cantiga 103
Miniatura da Cantiga CIII de Afonso X

A tese con que se doutorou Filgueira Valverde foi unha investigación sobre a noción do tempo e o gozo na narrativa medieval, partindo dunha composición de Afonso X coñecida como Cantiga CIII. Este traballo foi cualificado de excelente polos especialistas no medievo, mais non foi a súa única contribución a un ámbito de estudo –o da literatura da Idade Media–, no que en certos aspectos aínda non foi superado. Ademais do labor de investigación, Filgueira tamén viviu a experiencia do creador coas súas 6 cancións de mar “in modo antico”, que deu ao prelo en Pamplona, en 1941.

O termo medievo é o resultado de contraer a expresión do latín científico medium aevum, que os historiadores e filológos de finais do século XV comezaron a empregar –canda outras equivalentes como media tempestas ou media aetas– para lle daren nome ao período que veu logo da caída do Imperio Romano. Nunha obra de 1688, o historiador alemán Cristóbal Cellarius identifica a Idade Media como a segunda na división tradicional do tempo histórico, unha época escura entre o esplendor da Antigüidade Clásica e as luces da renovación cultural da Idade Moderna. O termo mantívose ata a actualidade, así como a periodización, mais non a valoración negativa subxacente, xa que logo quedou demostrada a relevancia histórica do período medieval desde o punto de vista cultural.

4

bibliofilia

Amor aos libros e afección a coleccionar e conservar aqueles que son raros, únicos, valiosos.

Portada de Historias de Compostela. ed. Bibliófilos Gallegos
Tapa de “Historias de Compostela”

Filgueira soubo levar a termo traballos sobre case todos os autores máis destacados das nosas letras, recollidos en diferentes obras ou na prensa periódica, como é o caso das “Acoutacións á lírica de Blanco Amor”, “Cunqueiro e o neotrovadorismo”, “O silencio en Rosalía” ou “Cabanillas, un símbolo”, todos eles, e moitos outros, publicados no Faro de Vigo. Así mesmo, en 1947, bota a andar, en colaboración co historiador Sánchez Cantón, a editorial Bibliófilos gallegos, onde foron publicadas algunhas das obras máis destacadas da época, ao tempo que se convocaron diferentes premios de novela e tradución.

O termo bibliofilia data do século XIX e chega á nosa lingua desde o francés bibliophilie, que lle dá nome á paixón polos libros, non só como portadores de coñecemento senón tamén como obxectos preciosos. A súa morfoloxía non lle deixa lugar á ambigüidade pois está composta partindo das formas gregas biblíon, -ou e philós, -e,-on, respectivamente, ‘libro’ (como en bibliografía ou biblioteca) e ‘amigo, querido’ (cinefilia ou anglofilia), ás que se lles engade un sufixo –ia, para a creación de substantivos abstractos.

5

xestor

Persoa que xestiona un asunto ou administra un negocio ou sociedade.

Carnet do Seminario de Estudos Galegos de Xosé Filgueira Valverde
Carné do Seminario de Estudos Galegos

Filgueira Valverde actuou como xestor nas institucións máis representativas e sempre o fixo co punto de mira posto na cultura propia. Con 17 anos, impulsou a creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) e, máis tarde, o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, cando o primeiro foi clausurado pola ditadura. Para alén de director do Museo de Pontevedra, Filgueira foi presidente do Consello da Cultura e membro numerario da Real Academia e do Instituto da Lingua. Desde todos estes espazos, proxectou a súa paixón lingüística, literaria e cultural, o mesmo que fixo na prensa periódica ao longo de moitas décadas. Unha selección dos seus artigos xornalísticos quedou recollida nos nove volumes que integran o Adral (1979-1996).

Partindo do verbo gerere (por rotacismo do clásico gesere), que tiña entre outras acepcións as de ‘levar enriba’ , ‘andar con’ ou ‘levar a cabo’, creouse en latín o substantivo gestor, -oris, tamén con varios significados, como a persoa que trae e leva as novas, o delator, o procurador ou tamén o que se encarga de xestionar, acorde coa acepción actual de xestor.

6

galego

Idioma falado en Galicia e nas zonas próximas de Asturias, León e Zamora.

Portada dun fascículo dos Cadernos de Estudos Galegos dedicado ao primeiro Vocabulario da Lingua Galega descuberto por Filgueira
Portada do fascículo do primeiro Vocabulario

A lingua, en tanto que maior expresión da cultura e a identidade propias, foi o fondo e o fío que conduciu boa parte da actividade de Filgueira Valverde. Ora ben, no terreo específico da lexicografía, cómpre destacar dunha banda a súa participación, con vinte anos, no Vocabulario popular galego-castelán (1926-1928), elaborado co obxectivo de alentar a incorporación do alumnado ao uso da lingua de noso, así como a descuberta dos Vocábulos gallegos escuros do bacharel Olea, un glosario de 1536, que pasou a figurar desde aquela como o primeiro traballo sistemático sobre o léxico galego.

A singularidade do noroeste peninsular foi percibida polos romanos cando chegaron a este lugar do mundo, e por iso deron en chamar gallaeci, -orum os habitantes do territorio bautizado como Gallaecia. Como adoito acontece, do xentilicio chegouse ao nome do idioma, consonte o romance adquiriu unha expresión propia e significativamente diferenciada no noso territorio lingüístico, o galego.

7

autor

Persoa que realizou unha obra literaria, artística etc.

Portada do libro de teatro escolar Agromar
Portada de Agromar, teatro escolar galego

Filgueira Valverde analizou en profundidade a obra de moitos autores pero tamén compuxo a súa propia, tocando case todos os xéneros, a narrativa breve, o conto, a poesía lírica e tamén o teatro. Fóra doutros valores de composición ou estilo, un dos aspectos que máis se destacan da literatura de Filgueira ten que ver coa dimensión infantil e xuvenil dalgúns dos seus textos máis coñecidos, por exemplo o conxunto de relatos ilustrados Os nenos (1925), un debuxo nítido dos mozos do tempo do SEG, ou Agromar (1936), considerada a primeira peza de teatro xuvenil da nosa historia.

Na acepción xeral, non especificamente da literatura ou a cultura, un autor é unha persoa que realizou un determinado acto ou tamén aquel que orixina ou causa algo, un creador, o que se corresponde totalmente co que era o significado orixinario do substantivo latino auctor, -oris, a persoa que xera, produce ou fai nacer, o fundador ou inventor.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir