
A fotografía do neno que olla o horizonte mentres sostén fachendoso a Javiota –maqueta dunha dorna coa vela de relinga izada e unha poutada na proa– é unha das imaxes máis recoñecidas da nosa cultura icónica. Representa o futuro da xente mariñeira, un piar dunha terra, a nosa, que non se concibe de costas ao mar. Pensouna e captouna José Suárez, para moitos estudosos, o noso primeiro fotógrafo artístico de vocación con conciencia clara de selo. A súa obra, integrada por varias series que recollen o máis esencial da cultura propia, co Home sempre presente, constitúe un cumio da arte fotográfica galega no século XX.
A finais de 2015, o museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura abriu ao público José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, a maior exposición organizada ata daquela sobre a creación do fotógrafo de Allariz, incluíndo imaxes nunca antes expostas e obxectos persoais. A exposición itinerante marchará tamén a terras americanas, seguindo o camiño biográfico do propio Suárez –exiliado da ditadura– co obxectivo de compartir co público o recoñecemento que a súa obra gañou en vida por parte de artistas e intelectuais.
Con tal motivo, preparamos este Setestrelo, estes sete termos referentes do mundo da fotografía tradicional e actual –algúns deles para os máis novos serán un descubrimento, xa que nomean técnicas e métodos que coa popularización da imaxe dixital están desaparecendo–, estas sete palabras centrais na vida e na arte de José Suárez.