Luísa Villalta

A imaxe pertence ao arquivo familiar de Luísa Villalta

A protagonista das Letras Galegas 2024 é Luísa Villalta. Autora nada o 15 de xullo de 1957 e que comeza a publicar na década dos anos 90 do século XX e nos primeiros anos do actual. Pertence a unha xeración que pretende crear unha nova realidade nun tempo novo. No caso de Villalta hai que salientar que nela se xunta unha autora cunha ampla obra en diferentes xéneros literarios, unha concertista de violín, unha educadora e unha persoa socialmente preocupada por todo o que a rodeaba. Non é doado escoller sete palabras que nola definan por completo, pero évos unha invitación a pescudar máis ao redor desta personalidade.

1

melómana

Persoa que sente un amor desmesurado pola música

Desde nena Luísa Villalta estudou música influída polo seu pai por quen sentía verdadeira devoción. Acudiu ao conservatorio desde moi nova, onde aprendeu a tocar o violín e se converteu nunha máis que solvente violinista (palabra derivada de violín, mediante a adicción do sufixo –ista, formador de substantivos que designan ‘persoa que ten unha determinada ocupación, profesión ou oficio’). Mais non se conformou con ser intérprete (persoa que interpreta unha peza musical) ou tocadora, senón que estudou e investigou a música e a súa íntima relación coa poesía. Ela, segundo lemos nos seus escritos, sostiña que a poesía e a música van da man.

Por isto podemos cualificar Luísa Villalta como unha melómana ‘persoa que sente un amor desmesurado pola música’. Trátase dunha palabra culta procedente do grego mélos 'canto con acompañamento de música' e mano que significa ‘paixón’ ou ‘entusiasmo’, pero que a nós nos chegou a través do francés, lingua na que foi empregada xa no século XVIII polo músico Pierre-Augustin Caron de Beaumarchais.

Cómpre sinalar que o termo melodía ’serie de sons que posúe un sentido musical’ tamén xorde no francés antigo melodie, que bebía do latín melodia, onde tiña o significado de ‘canción agradable’, pero que no latín da Idade Media chegou a ser empregada como sinónimo de música. A música da que tanto gozaba a autora das Letras 2024 é unha voz que ten a súa orixe na latina musĭca, que, á súa vez, remite á grega mousik ‘o que din as musas’.

2

escritora

Persoa que escribe obras científicas ou, sobre todo, literarias

Luísa Villalta foi unha escritora prolífera, que quixo transmitir mediante a palabra as emocións que sentía coa arte. Para ela a poesía era un feito musical. Sempre se moveu con facilidade e mestría nos dous ámbitos: o musical e o poético. Eran as dúas faces necesarias dunha mesma moeda. Posto que ela lle outorgaba ao texto un ritmo e unha melodía como o que se acha nunha peza musical, como anticipa no prólogo de Música reservada (1991), onde asegura que a poesía é palabra melódica.

Ademais foi dramaturga e nos seus textos atopamos, de novo, a música e a poesía. Destaca o gran coñecemento dos autores clásicos, como o demostra na reinterpretación dos personaxes de Shakespeare en As certezas de Ofelia (1999). Unha vez máis a autora teatral desdóbrase e convértese en investigadora publicando un importante estudo ao redor do teatro de Cunqueiro, e coa tradución da obra de Pier Paolo Pasolini Manifesto por un novo teatro achéganos o pensamento do autor italiano.

Menos coñecida, pero non por iso falta de interese, é a súa vertente como narradora. É autora de tres obras narrativas: Teoría de xogos, As chaves do tempo e selección de relatos curtos: Silencio, ensaiamos; e amais tivo unha significativa produción como columnista (colaboradora habitual dunha publicación periódica, que se encarga da redacción dunha columna).

Non hai dúbida que de Luísa Villalta podemos dicir con toda propiedade que é unha escritora, que escribe obras literarias, mais tamén científicas cando publica estudos de contido filolóxico. O termo escritor ten a súa orixe na palabra latina scriptor, scriptōris que significa ‘o que escribe’. Atopamos unha serie de hipónimos que nos axudan a definir as persoas polo que escriben, segundo a súa especialidade: poeta, ensaísta, dramaturgo, narrador, articulista... No caso da autora da Letras 2024 en todos os mencionados encaixa. Este bo facer en tantas facetas da escrita, convértena nunha meritoria creadora e artista.

3

filóloga

Persoa especialista ou versada en filoloxía

Luísa Villalta comezou a súa andaina vital cultivando a paixón pola música e acudindo ao conservatorio onde ampliou os seus coñecementos musicais. Mais, como era unha persoa moi inqueda e de afeccións variadas, decidiu que, tras finalizar o bacharelato, comezaría a investigar e estudar a lingua. A filoloxía é a “ciencia que estuda a lingua e a literatura dun pobo ou dun grupo de pobos a través dos textos escritos”. A nosa escritora, de par da música, sentiu moita curiosidade polas letras, o que a levou a achegarse a varios idiomas: no bacharelato, inglés e mais latín e grego; na etapa universitaria tamén ao francés e ao alemán. Rematou licenciándose en filoloxía hispánica e en galego-portugués na USC. Converteuse nunha firme defensora da lingua como piar da nosa identidade e comprometeuse con todos os colectivos que loitan e traballan pola dignidade do pobo galego e do seu idioma.

Polos estudos realizados acabou sendo filóloga ‘persoa especialista ou versada en filoloxía’. Esta palabra é un cultismo froito da reunión de dous formantes de orixe grega philos- que significaba ‘amigo’ e –lógos ‘linguaxe’, ‘proposición’, ‘idea’ ou ‘obra literaria’. Xa se atopa este termo no propio latín philologus, que remitía á palabra helena philólogos, para referirse ao ‘afeccionado ás letras’, ou tamén ‘o erudito’, particularmente na linguaxe. Os dous elementos que integran esta palabra son ben coñecidos, e forman parte de moitas voces cultas como filantropía e filatelia ou biólogo, -a e cardiólogo, -a.

4

docente

Que ten como profesión a ensinanza

Afirman as súas amizades que logo de dedicarse á música dun xeito profesional, decide acudir ao concurso-oposición de agregados de Bacharelato no ano 1988, en busca de algo máis estable, apróbao e convértese en profesora de lingua e literatura galegas. Mais Luísa Villalta non podía ser unha docente que dá as súas clases e marcha para a súa casa; ao contrario, implícase nas distintas actividades organizadas polos centros onde desenvolve o seu labor: colabora no grupo de teatro, na revista, nos clubs de lectura, organiza recitais e a aula de música... Os e as súas estudantes lémbrana polo compromiso coa docencia, a súa defensa do ensino público e da educación como espazo de liberdade e corrección das desigualdades.

O galego ten unha serie de voces relacionadas co ensino ou ensinanza. A palabra docente designa a ‘persoa que ten como profesión a ensinaza’, e procede do participio latino docens, -entis que remite ao verbo docere ‘ensinar’, ‘instruír’ ou ‘facer saber’. O DRAG tamén nos ofrece estoutros vocábulos: mestre, -a ‘persoa con título oficial para exercer o ensino primario’, do latín magister ‘preceptor’; profesor, -a ‘persoa que se dedica ao ensino dunha arte, ciencia, técnica, ou de calquera disciplina’, que nos leva ao latín professor que, á súa vez, remite ao verbo profiteor ‘declarar’.

Por outra banda, toda docente adoita ter un auditorio que recibe as súas clases, estes son as alumnas e alumnos, denominación procedente do latín alumnus, da mesma familia ca o verbo alĕre que significaba 'alimentar', neste caso, nun uso metafórico. Outros sinónimos deste son estudante, chegada desde o latín studens de significado parecido, e escolar ou colexial, palabras que toman como base os lugares onde reciben a docencia.

5

urbana

Que pertence á cidade, propio dela

A autora protagonista das Letras 2024 naceu na cidade da Coruña en 1957 e alí se criou no seo dunha familia de clase media, en concreto, na casa familiar situada na rúa Vila de Laxe. Toda a súa familia tiña a súa orixe na cidade herculina. De feito, a urbe coruñesa é protagonista de moita da obra de Luísa Villalta. Non en balde, ela non deixou de vivir nesta ao longo da súa vida.

Da cidade afirma que é un lugar único, máxico: hai que escoitar os seus ruídos, os xestos que a individualizan, as palabras que a singularizan. Máis alá da paisaxe urbana, A Coruña convértese en protagonista dun xeito particular na obra En concreto (2004):O meu nome é o da Cidade Alta”. A cidade habita na obra da poeta e pensadora, quen, fiel ao seu compromiso social, mostra dunha maneira descarnada como a xentrificación e as prácticas capitalistas afectan os seus habitantes. A mesma visión que ofrece na colección de poemas recollidos baixo o título Papagaio (2006), o barrio coruñés derrubado a primeiros do século XXI.

Botando man do Dicionario diremos dela que foi netamente urbana ‘que pertence á cidade, propio dela’ polo forte vínculo que tivo coa Coruña, cidade que está frecuentemente presente nos seus textos. O termo urbano procede do latín urbanus, que remite a urbs, urbis ‘cidade’. Seguramente non lle ía desgustar que a chamásemos herculina, adxectivo que fai referencia á Hércules, nome do semideus romano, mais no contexto galego, lévanos aos habitantes da cidade que posúen a Torre de Hércules, as coruñesas e coruñeses. Estas son as persoas naturais ou habitantes da Coruña, topónimo este que, segundo o profesor Navaza, é froito das retoponimizacións levadas a cabo por Afonso IX e a denominación Crunia ten unha orixe literaria, o nome dunha cidade mencionada entre as supostas conquistas de Carlomagno en Galicia segundo a lenda da Historia Turpini, un dos libros do Códice Calixtino (século XII).

6

feminista

Partidario do feminismo / Relativo ou pertencente ao feminismo

Chegados a este punto cómpre sinalar que unha das calidades que definen Luísa Villalta é a súa reivindicación como muller. O seu sentido da xustiza e do rigor fíxoa comprender que a vida feminina non se desenvolvía nos mesmos parámetros que a masculina. E non dubidou en reclamar a igualdade ou denunciar as inxustizas que padecen as mulleres polo feito de selo. De aí que poidamos rastrexar ao longo da súa obra valores feministas, e a constatación de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo, condición que os conduce á desigualdade.

No seu libro Papagaio, no que os seus textos conviven coas fotografías de Maribel Longueira tomadas no transcurso da demolición deste barrio da Coruña coñecido pola prostitución, fálanos da vida das prostitutas e reclama para elas un trato digno, sen obviar a mercantilización do ser humano.

O feminismo xorde cando as mulleres foron quen de manifestar dun xeito ou doutro a súa desconformidade coa orde establecida, mais é a fins do XVIII, na Revolución francesa e, sobre todo, no XIX coa “Declaración de Séneca Falls” (1848) cando denuncian as restricións políticas ás que están sometidas reivindicando o dereito ao sufraxio feminino. A palabra feminismo é un neoloxismo tomado do francés féminisme, creado sobre o termo latino femina ‘muller’ ao que se lle engade o sufixo –ismo como designador de ‘movemento social’. Hubertine Auclert empregou o termo por vez primeira no xornal La Citoyenne, para referirse á loita pola igualdade entre mulleres e homes, a realidade que segue a designar na actualidade.

En fronte, a voz machista tamén é de formación recente, significa ‘ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade de dereitos entre o home e a muller’. Por estraño que poida parecer, o termo procede do inglés machismo, que á súa vez se creou sobre o español macho, proveniente do latín másculus, é dicir, 'varón'.

7

comprometida

Que adquiriu un compromiso

Luísa Villalta foi unha persoa que destacou, sen dúbida ningunha, polas súas calidades artísticas. No eido da música como intérprete de violín; no ámbito da escrita, ninguén pode negar a súa valía coma poeta, e tamén como dramaturga, ensaísta e narradora. Porén non podemos obviar que a autora coruñesa impregnou toda a súa obra das causas que a preocupaban, amais de participar en toda canta iniciativa consideraba importante.

Nos tempos universitarios integrouse no galeguismo, o que a levou a participar activamente na loita antifranquista e na reclamación dunha sociedade libre e democrática. Logo, participou na reivindicación da lingua galega como o noso sinal de identidade, o que a leva a incorporarse como membro da Mesa pola Normalización Lingüística. Non menos significativa foi a súa loita polos dereitos da muller cun marcado feminismo que observamos na súa obra literaria e xornalística na Festa da Palabra Silenciada. Tras o afundimento do Prestige non calou e participouno movemento Burla Negra, onde amosou unha profunda preocupación ao redor do problema ecolóxico que representaba para o territorio a chegada do petróleo ás costas galegas. Poucos días antes da súa prematura morte acababa de estar nun recital en Compostela para denunciar a inxustiza contra o pobo de Palestina.

Non hai dúbida de que Luísa Villalta foi unha persoa comprometida, adquiriu un compromiso serio con cada causa na que se implicou. O termo procede do latino compromissum que vén do verbo compromitto, onde significaba ‘compromiso’ ou ‘convenio entre litigantes’. Tamén nos encontramos cunha convencida pacifista ‘partidaria do pacifismo’; o pacifismo, voz que xorde no francés pacifisme, onde se creou co sufixo -isme a partir do adxectivo pacifique 'pacífico'. O respecto á terra e ao medio natural converteuna tamén nunha ecoloxista convencida e militante, voz que o DRAG define como ‘persoa, grupo ou asociación que defende ou fomenta a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico’. Por outra banda, a palabra ecoloxista ten un equivalente coloquial que é o substantivo verde, na acepción ‘defensor ou partidario dunha ideoloxía que defende a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico’. Esta denominación está motivada semanticamente por  unha asociación entre a natureza e a cor verde.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir