Que ten a cor entre verde e laranxa, coma a do ouro, o limón maduro etc.
A cor amarela.
É difícil imaxinar Marc Chagall sen o atributo da cor, por moito que o artista sexa máis ca iso. Queda probado nas series de gravados en branco e negro como os que se poden ver na Fundación Barrié da Coruña, dedicados ás fábulas de La Fontaine, xunto a litografías cheas de colorido. Porén, a cor, a súa gradación e o manexo da súa combinación é indubidablemente un dos terreos nos que o pintor máis destaca, sen esquecer o seu valor simbólico. O artista, que fuxira dunha Rusia onde o totalitarismo facía imposible a creación independente, topouse tamén en Europa coa persecución antisemita emprendida polos nazis.
Seguramente por iso no universo de Chagall o amarelo, asociado decote a conceptos negativos como a envexa e a traizón, e relacionado polos nazis cos xudeus –era a cor das estrelas coas que os marcaban nos ghetos–, é asumido e reivindicado. Unha mostra sublime do aproveitamento do seu dramatismo e capacidade de iluminar os cadros é a Crucifixión amarela.
A palabra amarelo vén directamente do baixo latín hispánico amarellus que significaba ‘amarelento’ ou ‘pálido’, un diminutivo do clásico amarus ‘amargo’. Tense apuntado que está relacionado co aspecto e a cor que adquiren as persoas que padecen de ictericia, enfermidade relacionada co exceso de fel –e, polo tanto, co sabor amargo– que provoca a aparición da cor amarela nos ollos e na pel. A forma amarelo é antiga. Xa se atopa documentada nas cantigas medievais, e convive coa forma marelo, -a. Ambas as dúas son empregadas en toda Galicia, sen distribución dialectal.
O termo asóciase, como adxectivo, coa raza vacúa autóctona rubia galega, que en gran parte do país é coñecida como vaca marela. A importancia do animal deixou pegada en ditos e adiviñas como A vaca marela non hai quen poida con ela ou Dous xatos marelos nunha corte de ferro (os ovos na tixola). E volvendo a Chagall, a vaca é tamén un animal ben querido por el, non só polos lenzos A vaca con parasol e Vacas sobre Vitebsk. O pintor adoitaba identificarse el mesmo cunha vaca (beheyme significa ademais de ‘vaca’, ‘persoa incivilizada’ en yiddish) e cando lle propuxeron ir aos Estados Unidos, fuxindo da Francia de Vichy, dixo que só iría se lle aseguraban que naquel país había vacas.