Deixándonos levar por unha visión pesimista da historia nacional podemos chegar a concluír que continuamos en crise desde o século XVII cando na súa segunda metade tiveron que saír do país 400.000 persoas con destino a América, o que no momento eran, máis ou menos, a cuarta parte da poboación. E aquí seguimos, é dicir (cambiando de visión), somos indestrutibles.
Nestes case 400 anos vivimos tempos diversos nos que as nosas economías persoais estaban, e están, ben enmagrecidas. Para comunicalo fomos imaxinando e utilizando expresións agora convertidas en patrimonio, iso si, cultural: non ter un peso, un patacón, un vintén ou un can; estar sen branca ou sen cadela son expresións nas que o substantivo é o nome dunha moeda que non damos chegado a posuír. Este Setestrelo vai diso, de como os galegos e as galegas lle dicimos a andar á miñoca, aínda que –é ben sabelo todo–, ás veces somos algo de queixarnos, porque aquí, algúns, os cartos amásanos.