Composición baseada na cuberta de Scorpio e IAU Scorpius chart.
Pechamos a nosa miniserie de Setestrelos dedicados á obra de creación literaria do protagonista do Día das Letras Galegas cun percorrido pola súa narrativa, breve e interrompida no tempo, mais proba clara da capacidade que tiña para manexar con acerto rexistros moi diversos e estruturas ben complexas. A traxectoria como narrador de Ricardo Carballo Calero arrinca con A xente da Barreira (1951), a primeira novela en galego da posguerra, e remata con outro fito, Scórpio (1987), unha das primeiras obras na nosa lingua que abordou a guerra civil.
1
morgado
Fillo que herda os bens que se perpetúan nunha familia. Fillo único. Patrimonio familiar que herda o fillo maior.
“O anseio do señor era que todo aquilo ficase para o morgado. Polo tanto, tiña que facer herdanza para os outros tres. Mais a morte chegou cando non se esperaba, e no anaco da Barreira tiñan que dar as suas dentadas os irmáns menores cando estivesen na idade de facé-lo”.
A xente da Barreira, 1951
A xente da Barreira (1951)
A primeira novela de Ricardo Carballo Calero, A xente da Barreira, foi tamén a primeira en galego da posguerra. En 1951 o autor gañou o premio de novela de Bibliófilos Gallegos con esta historia de época que narra a vida dos señores da casa da Barreira, dende a súa fundación a comezos do século XIX ata a súa práctica extinción tres xeracións despois. Como fixeran antes da guerra civil autores coma Otero Pedrayo n’Os camiños da vida, a obra olla o pasado presentando como ficción a decadencia da fidalguía nunha época de transición cara a unha nova sociedade.
O libro arrinca coa historia de don Ramón, o fillo máis novo dos Frade de Eirís, que traballa arreo para formar unha pequena fortuna. Conségueo malia a escasa herdanza que lle deixan os seus pais por non ser o morgado, o fillo maior que herda os principais bens dunha familia. Pero a decadencia familiar chegará nas vindeiras xeracións da man dos que si son morgados da casa da Barreira. Este termo, morgado, xa presente nas primeiras liñas da novela, procede do latín medieval maioricatus, que significaba xa daquela ‘fillo máis vello’ e que proviña á súa vez do latín clásico maior ‘máis vello’, adxectivo comparativo de magnus ‘grande’. Séculos despois, por extensión
A casa da Barreira segundo Agustín Portela Paz (detalle dunha ilustración da primeira edición)
semántica, acabou significando tamén o ‘patrimonio familiar que herda o descendente maior’.
O noso dicionario recolle como sinónimo de morgado a palabra vinculeiro, -a. O uso dunha voz ou doutra presenta certa distribución dialectal. Mentres que a primeira a atopamos nas provincias da Coruña e de Pontevedra, morgado emprégase nas do interior. O substantivo vinculeiro, -a fórmase sobre o termo vínculo, que significa “aquilo que une unha persoa ou cousa a outra” e que procede, á súa vez, do latín vinculum ‘ligazón’ ou ‘lazos de parentesco’.
Cómpre tamén recordar a palabra común herdeiro ou herdeira para designar a persoa que vai recibir unha herdanza, e que nos chega dende o equivalente latino hereditarius, -a, -um.
2
catarse
Purificación das paixóns que, segundo Aristóteles, produce no espectador unha obra de arte como a poesía ou a traxedia.
Método de psicanálise mediante o cal se liberan as emocións e os impulsos inconscientes do individuo, exteriorizando verbal ou dramaticamente os feitos ou sucesos que o traumatizan e o reprimen.
“O lar de Clara son páxinas escritas para loitar contra a destrutora hostilidade dun tempo valeiro e adverso había que encher e conjurar coa actividade que nos defende de nós mesmos e do mundo circunstante (...). Cumprida a súa misión catártica, a obriña permanecía en estado de hibernación”.
Narrativa completa, 1984
Ricardo Carballo Calero escribiu A xente da Barreira uns anos antes da súa publicación, na década dos 40 do século pasado, cando regresou a Ferrol tras pasar dous anos na cadea como represaliado do réxime franquista. Nesta época tamén concibiu a novela curta O lar de Clara, publicada moito tempo despois no volume Narrativa completa (1984). Nestas páxinas o autor evoca unha infancia dura, marcada polo pasamento da súa nai. Carballo Calero ocúltase detrás do personaxe que fala en primeira persoa, un home de negocios que regresa dende Cuba á súa cidade natal para visitar a irmá, Clara, a familia que lle queda. A escrita desta obra, como el mesmo recoñeceu, serviu de catarse ou liberación das emocións reprimidas dende a nenez.
A palabra catarse é un termo culto que atopamos nos ámbitos da filosofía, da psicoloxía e da medicina, mais aínda sendo un vocábulo especializado goza de certa popularidade e calquera falante é quen de identificala coa idea de ‘alivio’ ou de ‘expiación’. A voz entrou no galego a través do latín científico catharsis, que remite ao grego kátharsis ‘purificación’, ‘purgación’. Esta última forma deriva do verbo grego kathaíró ‘limpar’, ‘lavar’ , ‘purificar’. A este significado é, de feito, ao que se vinculou tradicionalmente catarse no eido da medicina, funcionando como equivalente de ‘purgante’. Do mesmo xeito pódese empregar o adxectivo catártico, -a para referirse a unha substancia ou medicamento purgante.
O uso de catarse no campo da psicoloxía é máis recente e refírese a un método da psicanálise que Freud denominou en alemán Abreagiren. Entendeuse que catarse era o termo que mellor se achegaba ao valor da voz xermana, tendo en conta o sentido orixinal que lle outorgou Aristóteles.
3
pita
Galiña nova. Galiña.
“Non habia poleiro acaroado ao curro. Recollian-se as pitas pola noite dentro da casa, nun rocho ajeitado”.
A infancia de Carballo Calero inspirou tamén outros relatos máis vitalistas como As pitas baixo a choiva, publicado por primeira vez na revista Lar no ano 1952. En só tres páxinas, o escritor regresa á infancia, aos veráns en familia nos que merendaba torradas con manteiga e azucre, para recrear unha anécdota hilarante en que as auténticas protagonistas son as pitas que lle dan nome ao conto.
A palabra pita ten unha orixe onomatopeica e imita os chíos das crías das galiñas cando acaban de nacer. De feito, os nomes que empregamos para designalas son polos ou poliños e tamén pitos ou pitiños. De aí que á galiña nova se lle chame pita e logo, por extensión, a mesma palabra nomee tamén a poñedora.
Aínda que na variedade estándar da lingua calquera falante coñece os dous termos, pódese dicir que nas provincias atlánticas se usan máis as denominacións pola (galiña nova) e galiña (aquela que xa pon ovos); mentres que na Galicia interior se emprega o termo pita. Fóra do curro atopamos tamén un par de aves silvestres cuxos nomes comúns toman esta voz: a pita do monte, coñecida en linguaxe científica como tetrao urogallus; e a pita de auga ou galiña de auga, que vén sendo para os expertos a gallinula chloropus. Estas escollas léxicas están motivadas, como é doado imaxinar, porque gardan certa semellanza coas aves domésticas máis populares.
4
tombo
Volta sobre si mesmo que dá algo ou alguén que anda ou está en movemento, ao caer.
“Os tumbos soaban máis perto ou máis longe, sempre no interior da casa. As meniñas choraban. A neneira berraba”.
“Os tumbos”, 1950
Carballo Calero é tamén o neno que aparece en “Os tumbos”, outro relato escrito na posguerra e ambientado na casa xunto ao mar na que a súa familia adoitaba pasar o verán. Desta volta a trama xira arredor dos misteriosos tombos que se oen cada noite no fogar estival. A palabra que lle dá título ao relato xorde como derivado regresivo do verbo tombar, que pode significar ‘poñer en posición horizontal’ ou ‘derrubar’; aínda que como verbo intransitivo adopta dúas acepcións diferentes: unha, “inclinarse para un lado ata tocar o chan” e outra, “facer ruído algo ou alguén”, que é a que dá lugar ao tombo que emprega o autor. Tombo funciona daquela como sinónimo de peto –na primeira acepción do noso dicionario– ou estrépito. De feito, o verbo retumbar é unha variante derivativa de tombar que significa “aumentar o son a súa intensidade ou duración” ou “repetir con estrondo un son”.
A orixe desta familia léxica habémola atopar nunha raíz onomatopeica tump-, coa que se pretende imitar o son do golpe dun obxecto ao bater contra o chan. Esta base xerou formas de significado similar noutras linguas romances: en francés conxúgase o verbo tomber, en portugués din coma nós, tombar, e en castelán atopamos tumbar, que na variedade actual perdeu o significado vinculado co son. Tampouco é esta acepción a que máis empregamos hoxe en galego. Máis que co son en si mesmo, relacionamos a palabra tombo co golpe que levamos ao caer dando unha volta, o tamén chamado capitón.
5
serodio
Froito que madura tarde, que se sementa ou recolle fóra do tempo.
Que sucede tarde, despois do acostumado ou do momento preciso.
“Aos amores seródios. Non foi un aprendiz, non foi un mozo. Foi un grande artista descoñecido, na plenitude do seu génio, na declinación da sua vida, quen labrou esa cabeza de muller”.
“Os amores seródios”, Grial, 1979
Narrativa completa (1984)
Cando en 1984 Carballo Calero publicou o volume Narrativa completa, incluíu “Os amores seródios”, título que xa vira a luz na revista Grial cinco anos antes. O texto é en realidade unha mestura de relato, ensaio e poesía que comeza cunha reflexión sobre o que quixo dicir Castelao n’Os vellos non deben de namorarse e a propia opinión do autor sobre os amores serodios: “¿Quen necesitará máis quentor que os vellos? Asi que me parece moi natural que os vellos se namoren, ainda que tamén é moi natural que non sejan correspondidos”, di o autor. Esta non foi a única homenaxe a Castelao de Carballo Calero, quen lle volveu render tributo pouco despois n’Os xefes (1980), unha peza teatral coa mesma estrutura cá da devandita obra do mestre rianxeiro.
Carballo Calero incorpora ao título d’Os amores seródios o adxectivo procedente do equivalente latino serotinus, -a, -um, que significaba ‘que vén tarde, que se produce de modo tardío’. Este, á vez, deriva do adverbio sero ‘tarde’, e garda relación co verbo serere, que significa ‘sementar’. Daquela non é estraño, á vista do contido semántico das palabras latinas mencionadas, que teñamos unha acepción actual do termo para se referir a ‘aquela froita que madura tarde ou que se recolle máis tarde’. Nas patacas ou no cereal, hai dous períodos de recolección: o das patacas de cedo e despois as de tarde, expresión que se pode substituír polo adxectivo serodio, -a, coincidente con tardego.
O uso co significado agrícola deixa pegada na fraseoloxía popular: O temperán nunca lle pediu nada ao serodio, onde a indicación é sementar no seu tempo, ou mesmo algo cedo, xa que se se fai tarde non está garantida a colleita. Transmisor dunha idea semellante é estoutro dito: Alá vai serodio con temporán, mais non vai na palla nin vai no gran. O seu emprego é frecuente por todo o territorio galego para referirse aos labores agrícolas (do cereal, da castaña e da horta), como tamén para cualificar aos descendentes nacidos tardiamente. Recóllese ademais con pequenas variantes fonéticas: serodio, sorodio e sarodio.
Literariamente, atópase o uso do adxectivo na segunda acepción que lle dá o dicionario, “o que sucede tarde”, onde a utilización pode estar xustificada por un afán diferencialista co equivalente tardío, sobre todo dende os escritores do inicio do século XX.
6
alcume
Nome que se lle dá coloquialmente a unha persoa en lugar do seu propio, tomado dos seus defectos físicos, morais ou doutras circunstancias.
“Eu era o único Sagitário, e Rafael o único Scórpio; e por isto, e se cadra porque estes nomes soavam melhor, estes alcumes chegarom a ser mais populares no colégio que os nossos propios nomes”.
Scórpio, 1987
Scórpio (1987)
A gran novela de Carballo Calero, Scórpio (1987), é outra obra cunha forte pegada autobiográfica e constitúe unha crónica dos homes e mulleres da súa xeración que perderon a guerra civil. Foi, de feito, unha das primeiras novelas galegas sobre o tema. O seu título refírese ao protagonista, Rafael Martínez Pinheiro, que é coñecido dende mociño coma Scórpio. Este apelativo trátase, pois, dun alcume, nome que se lle dá coloquialmente a unha persoa.
Os alcumes, froito da inventiva dos demais, adoitan ser mal intencionados e salientar os defectos físicos ou morais de quen os porta, pero tamén poden referirse a outras circunstancias ou aspectos. Isto último é o caso de Scórpio, o alcume do protagonista dende o colexio, onde os rapaces adoitaban nomearse polo seu signo do zodíaco, explícanos na novela o seu grande amigo Sagitário. Etimoloxicamente, alcume é unha palabra que chega ao galego dende o árabe da península Ibérica al-kunia (sobrenome), unha variante do árabe clásico kunyah. De procedencia semellante é o sinónimo alcuño, pero en galego tamén podemos dicir adeallo ou nomeada. Esta última forma créase sobre “nomear” e emprégase especialmente en Ourense.
Cos tempos moderno, alcume adquiriu un novo significado, tamén recollido no dicionario, para referírmonos ao nome curto dun internauta, ou dun grupo deles, empregado nas conversas dixitais para asegurar o anonimato.
7
calidoscopio
Instrumento óptico, cilíndrico e opaco, que contén fragmentos de vidro de distintas cores e varios espellos, dispostos de tal maneira que aparece á vista unha figura de simetría radiada de moitas cores que varía ao facelo xirar.
Sucesión de impresións, sensacións etc., que mudan rapidamente.
“O conxunto compón a imaxe dunha sorte de calidoscopio en que Scórpio é a estrela central, e a vida galega e española do primeiro tercio deste século a paisaxe de fondo”.
A vida de Scórpio é contada na novela do mesmo nome por preto de corenta homes e mulleres que toman a palabra, narrando distintos momentos da súa vida e ofrecendo a súa propia visión dun personaxe admirado e enigmático. Carballo Calero compón así unha estrutura polifónica complexa que podería compararse coas imaxes que crea un calidoscopio.
O calidoscopio é un aparello óptico que se converteu nun xoguete moi popular a partir de 1817. O nome creouno o seu inventor, o científico escocés David Brewster, que fixo un composto coas seguintes palabras gregas: por unha banda, kaló, que significa ‘belo’, ‘fermoso’, e máis eidos, a denominación de ‘imaxe’; e por outra, scopio que quere dicir ‘ver’. O calidoscopio concibiuse, polo tanto, como un trebello para ver imaxes fermosas. De igual xeito, cando falamos de caligrafía referímonos á letra ben feitiña.
Sobre o termo calidoscopio tamén se crea un adxectivo, calidoscópico, -a, “relativo ou pertencente ao calidoscopio”. Na crítica literaria aplícase, como analoxía metafórica, ás diversas imaxes que ofrece a imaxinación fronte á realidade.