As náiades teñen unha terminación que delata o seu significado: son un grupo de mulleres, en concreto de ninfas. Outras coñecidas poden ser dríades, hespérides, nereidas, oceánides, pegásides ou pléiades. No caso das náiades, eran ninfas de ríos e fontes e favorecían a fecundidade. A lenda conta que raptaron o argonauta Hilas, axudante de Heracles, e que nunca se volveu saber del. A historia aclara que ao final el namorara delas e decidira quedar, e por iso se lles aplica este adxectivo ás mulleres atraentes. A palabra tamén se aplica co valor xenérico de 'nadadora' e se usa en Entomoloxía. As sílfides son outro grupo de pequenos seres, neste caso uns xenios ou espíritos das mitoloxías nórdicas xermánica e escandinava, que viven no aire, nos bosques e nos campos, e dirixen o seu funcionamento con boas ou malas consecuencias para os humanos. Son a contraparte feminina dos silfos, e coma eles asócianse a seres de gran beleza, aínda que ao pensar nas sílfides o máis común é crer que se fala dunha muller só caracterizada pola súa delgadeza e non pola súa beleza.