Nomes populares de doenzas

Algunhas palabras técnicas de diferentes disciplinas, ciencias ou profesións poden deixarnos coa boca aberta e hai que pedir que nolas repitan en roman paladino ou botar man do Dicionario, cando non dunha enciclopedia. Este setestrelo dálle a volta ao conto, e recolle sete interesantes termos populares para unha serie de enfermidades comúns. Algunhas palabras son ben coñecidas e outras menos. Estaría ben que se padeceses algunha das doenzas que comentamos a seguir, utilizases estes termos na consulta médica.

 

1

carouquexas

Pequenas úlceras de cor branca que aparecen nas mucosas da boca

Se chegas ao centro de saúde e dis que tes carouquexas, ao mellor, en vez de mandarche abrir a boca e ver se tes aftas, quen queda coa boca aberta é a médica ou o médico que te atende. A palabra afta procede do latín aphtha, e este do grego ἄφθαι, 'queimaduras'

Estas úlceras abrancazadas producidas por un fungo e que se desenvolven fundamentalmente na mucosa da boca e do aparello dixestivo, teñen a denominación popular de carouquexas. Neste exemplo dun texto de Risco explícase tamén unha “interesante” fórmula para curalas: “Os nenos pequenos teñen certas inflamaciós da boca, que se presentan en forma de vinchocas, (…). As carouquexas cúranas nalgús lados lavándoas nunha fonte sete veces, con sete trapos encarnados, e decindo: Sol ponte e as carouquexas ó bico da fonte.” (Vicente Risco: Historia de Galicia, 1962).

Existe tamén un termo, de uso moi común, para nos referir xenericamente a esta doenza ou a outras semellantes que se producen na pel: vexiga. Este termo procede do latín vesica e do seu diminutivo vesicula derivamos outra palabra que forma parte da nosa anatomía, a vesícula biliar. Vexiga ten múltiples sinónimos, como por exemplo a forma culta vesícula ou as populares vincha, vinchoca, bocha etc. Segundo Corominas, a palabra vincha viría dun cruzamento entre vixiga e inchar.

2

garrotillo

Doenza contaxiosa, producida por un bacilo, que ocasiona a formación dunhas falsas membranas na mucosa da larinxe e da traquea, e causa unha sensación de afogamento

O nome de garrotillo é unha forma derivada de garrote, co sufixo diminutivo -illo. Este podería ser un termo incorporado á nosa lingua desde o castelán, e fai referencia a unha doenza que se denomina difteria larínxea, enfermidade xeralmente infantil e contaxiosa que hai tempo causaba a morte por asfixia do paciente. A denominación de garrotillo orixínase, podemos dicir, por etimoloxía popular, xa que as persoas que padecían esta enfermidade acababan morrendo cun sufrimento semellante ao dos reos cruelmente axustizados mediante o sistema do garrote vil, unha práctica que foi legal en España ata 1978.

As denominacións técnicas da doenza son crup e difteria. Crup procede do inglés dialectal croup que, por onomatopea, pasou a ter o significado de emitir un son rouco e grave, semellante ao que emitían os afectados por esta enfermidade. Pola outra banda difteria ten a súa orixe no grego διφθέρα, co significado de membrana e, precisamente como di a definición, esta enfermidade caracterízase por creárense unhas falsas membranas que impiden a respiración normal.

Hoxe en día, grazas ao descubrimento das vacinas é unha enfermidade que os nenos xa non sofren porque os inmunizan contra ela, evitando así as mortes que producía no pasado.

3

orellóns

Inflamación vírica da parótide que provoca inchazón na zona das orellas e afecta maiormente a nenos e adolescentes

Se no centro de saúde nos din que temos parotidite teriamos seguramente ben máis medo que se nos diagnosticaran orellóns, cochechas, papeiras ou pezorellos, que son a mesma enfermidade.

Esta doenza está producida por unha inflamación vírica da parótide, que é cada unha das dúas glándulas salivares que, nos mamíferos, están situadas debaixo do oído e detrás da mandíbula inferior. O sufixo ite achéganos o significado de 'inflamación' como ocorre nunha longa serie de termos médicos, desde amigdalite ata apendicite. Como se indica na definición, esta inflamación prodúcese nas glándulas que están debaixo das orellas, de aí quizais o termo orellóns, como aumentativo de orella, neste mesmo caso probablemente estaría papeiras como un aumentativo de papo, que se corresponde máis ou menos coa zona da inflamación.

Coma ocorre co garrotillo, hoxe en día, é unha enfermidade para a que os nenos son inmunizados coas campañas de vacinación

4

proído

Sensación molesta e desagradable que se sente na pel e que incita a rascarse

O proído non é unha doenza en particular, é un síntoma asociado en moitos casos a enfermidades cutáneas, coma un eccema, a rubéola etc. Este termo é un claro exemplo de palabra que a partir do mesmo étimo latino pruritus, presenta unha dobre evolución. Por unha banda conservouse a forma culta prurito e ao tempo evolucionou cara a outra máis popular como é proído. Do mesmo xeito, de prurio chegamos a proer que significa, igual ca no latín, “sentir comechón nalgunha parte do corpo”.

Tanto proído coma prurito teñen o mesmo significado, a única diferenza estaría en que o termo máis formal prurito presenta unha acepción figurada derivada da anterior que definimos como “Desexo moi forte e persistente”, semellante ao que poden ter outras palabras coma afán ou cobiza. Como podemos ver neste exemplo, que extraemos da obra de Wenceslao Fernández Flórez, A miña muller, 1924 “Mais a que sinte o prurito de namorar, a que en todas partes e en tódolos momentos da súa vida está pendente do seu infruxo sobor dos homes (…) trocará irremediabremente nun inferno a esistencia do marido máis ademirabre.”

5

pedra

Substancia dura que forma unha capa sobre o esmalte dos dentes

De termos pedra nos dentes, mellor que chamar ao canteiro sería ben pedir cita nunha clínica odontolóxica ou no dentista, para entendérmonos mellor. Pedra é a forma popular de chamarlle ao sarrio, e prodúcese pola mineralización da placa bacteriana, formada por microorganismos, restos de comida etc. A denominación pedra ten a súa lóxica, porque cando se eliminan son como pequenos croios que se soltan dos nosos dentes e moas. Outros termos que nomean o mesmo problema son charrizo e tártaro. Esta última ten unha etimoloxía incerta pero curiosa; procede posiblemente do baixo latín tartarum ou quizais do árabe hispánico ṭarṭar, ambos os dous do árabe durdī, que á súa vez provén do persa dordi ('feces'), quizais influenciado polo latín tartarus, tártaro ('inferno'), por formarse no fondo da vasilla.

Se ben pedra podemos asocialo máis ao aspecto visual desta doenza, sarrio, charrizo e tártaro, levan consigo o matiz de 'acumulación de residuos', coma noutro dos significados que teñen estes termos: "substancia endurecida que queda como sedimento do viño e outros líquidos no fondo dos recipientes" –moi achegado, como vimos, ao significado etimolóxico de tártaro–. En calquera caso, podemos dicir que todas elas, ben sexan as do viño ou as dos dentes, son substancias de refugallo.

6

espiña carnaza

Erupción cutánea provocada por un virus e formada por un conxunto de pequenas ampolas rodeadas dun círculo encarnado

A sinonimia do termo popular espiña carnaza coa denominación técnica herpes pode vir pola semellanza no aspecto que, esas pequenas bochas, teñen coas espiñas ou grans que produce por exemplo a acne. O complemento carnaza relaciónase obviamente coa carne, pois refírese á parte carnosa e graxenta adherida aos coiros, que hai que quitar antes de curtir, e dálle a esta frase nominal un significado especial. Así, espiña carnaza sería como unha “espiña carnosa e graxenta”

O termo herpes vén do latín herpes, e este do gr. ἕρπης, que á vez deriva de ἕρπεɩʋ, co significado de 'arrastrarse', pois como di Corominas no Diccionario Etimológico é “unha enfermidade que se estende a flor de pel”. O de “arrastrarse pola superficie” pode soar ao que fan algúns réptiles como por exemplo as serpes, e curiosidades da lingua, a palabra herpetoloxía fórmase sobre o étimo de herpes + logos, sendo unha especialidade da zooloxía que estuda os réptiles e anfibios.

7

alferecía

Trastorno neurolóxico causado xeralmente por unha isquemia ou por un derramo cerebral

Alferecía ou aire de alferecía é a forma popular para denominar unha apoplexía, que é un tipo de trastorno neurolóxico. Unha pista da orixe deste termo pódenola dar o prefixo al que nos conecta co superestratro ou influencia árabe. Este vocábulo podería proceder da confusión na lingua orixinal entre al-fārisîya ('erisipela') e al-fāliğîya ('apoplexía').

É habitual que atopemos variantes dialectais destes termos populares por toda a xeografía. Por exemplo, neste caso: alfrecía, aferecía, alfelecía, alflecía, alferesía. Sucede o mesmo con outro termo semellante, perlesía que serve para designar de forma xenérica unha parálise, coas súas variantes felecía, porlesía, palresía etc.

Moitos destes nomes populares estiveron asociados a crenzas e curacións cunha compoñente “máxica”, coma neste exemplo da obra Adral de Filgueira Valverde (1979): “Nas liñaxens galegas rediíense os nomes de pía de Gaspar, Melchor e Baltasar, pola creenza de que libraban de alferecía aos nenos que os levaban”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir