
O castelo de Doncos fotografado polo académico Ángel del Castillo (ca. 1910) Positivo de cristal. Biblioteca da Fundación Barrié
Inda que alguén poida pensar que só quedan castelos nos contos da rapazada hai unha manchea de construcións defensivas de tamaño medio polo país adiante que nos remiten a unha época de castelos: “fortaleza rodeada de foxos e defendida por murallas flanqueadas de torres ou baluartes”. Na actualidade moitos deles só se poden documentar polas súas ruínas ou por fontes manuscritas como o famoso Preito Tabera-Fonseca, en boa medida pola destrución que provocou a Revolta Irmandiña. Outro indicativo da súa existencia é o rastrexo da toponimia galega: Castelo, Torres… ou o mesmo Terra de Castela, que foi a denominación da comarca do Ribeiro de Avia e O Carballiño ata a baixa Idade Media.
A súa razón de existir era a defensa do territorio, ademais de ser a morada do señor feudal propietario e administrador do territorio circundante. Situado nun outeiro, normalmente tiña un focho profundo e unhas murallas que o debían facer inexpugnable. Pero para non nos perder ao entrar en calquera deles, imos explicar as sete partes do castelo máis significativas.