É moi normal referirse ás persoas polos nomes dos animais para atribuírlles aquelas características que asociamos con eles; e estes usos figurados fanse especialmente cos que están máis presentes na nosa realidade cotiá. Se dicimos de alguén que é un raposeiro, unha mona ou un galiña, todo o mundo entende a que nos referimos, sen necesidade de chamarlle abertamente pillabán, monifate ou covarde. Por iso, non é raro que se desenvolvan moitos destes dobres sentidos para nomear os comportamentos sexuais: aquela muller é unha loba ou unha gata, aquel outro home anda como un can ou é un tigre e os dous xúntanse como coellos… son só algúns dos exemplos máis coñecidos.
Cacheiro vén de catulu, que en latín significaba ‘cachorro’, e úsase en primeira instancia para designar o ‘porco semental’.De aí, por extensión, pasamos ao significado de ‘animal en celo’ e xa popularmente este sentido abriuse aínda máis para, sen prexuízo dos e das oriúndas da parroquia de Cacheiras, chamarlles a aquelas persoas que andan coa temperatura moi subida. É curioso que no portugués atopamos un sentido relacionado para unha palabra formalmente idéntica, o cacho, ou caso, que é ‘unha relación amorosa, especialmente cando é clandestina ’, ou tamén ‘o amante’.