O mar e os seus estados

Galicia ten 1.498 quilómetros de costa con rías, furnas, farallóns, cabos, illas, praias, cons, cantís…. O mar foi e é unha das principais formas de vida e temos unha milenaria vinculación con el e co que con el está relacionado: a navegación, a pesca, a industria conserveira, os carpinteiros de ribeira, os estaleiros etc.

O mar, coma as cantigas, pode ser “de amigo” ou pode obrigarnos a maldicilo. É bipolar, dános a vida e pódenola quitar. O mar ten moitos estados que levan consigo condicións distintas, en consecuencia o léxico xerado ao redor del é amplo e moi específico. É o caso das variacións do nivel das ondas e da velocidade do vento que analizamos neste Setestrelo.

 

1

calmeiro

Ausencia de vento ou de movemento das ondas

Como se deduce da definición, calmeiro refírese ao estado do mar cando está calmo. A orixe da palabra hai que buscala na raíz italiana calma (orixinariamente ‘tranquilidade do mar’), que á súa vez procede do latín tardío cauma (‘calor abrasador’), e esta do grego kaûma (‘bochorno’), á que se lle engade o sufixo –eiro con función caracterizadora, resaltando a calidade definida no substantivo. Un exemplo do seu uso:

“Conviñemos en que se o tempo non mudaba a peor, neste relativo calmeiro, tardariamos aínda 10 ou 12 singraduras en nos achegar ó estreito de Cabot, no golfo do río San Lourenzo” (Xavier Queipo: O paso do noroeste, 1996)

Outra denominación común para definir este estado do mar é a forma calma podre que, aínda que non está recollida no Dicionario da Academia, é habitual na fala da xente mariñeira e podémola atopar tamén en diferentes textos, coma este exemplo extraído do libro de Fernando Cabeza Quiles, Domingo de resurrección (2005):

“Os pasaxeiros fartáronse de empanada de xoubas e chourizo crioulo e mesmo puideron observar o fondo mariño fisterrán a través do casco transparente da embarcación que os paseou por un mar en calma podre, que os excursionistas máis devotos achacaron axiña a un milagre do Santo Cristo.”

2

maraxe

Axitación suave das ondas do mar, propia dos días de moita calor e de bochorno

Esta palabra, coma moitas outras que vemos relacionadas co estado do mar, ten a súa orixe precisamente no substantivo mar ao que se lle engade o sufixo –axe, para falar de 'algo relativo a' (como en frío e friaxe) ou ben da 'acción ou comportamento propio de' (como en vasalo e vasalaxe).

Non faltan exemplos no refraneiro para este termo, como este: Maraxe tardeira leva os barcos á ribeira, recollido por Enrique Gippini Escoda (1991)

Ademais do significado relativo ao estado do mar, maraxe tamén ten outra acepción recollida no Dicionario da Academia que é “brisa suave do mar”.

3

marusía

Mar moi axitado, que pode facer perigosa a navegación

Marusía é un termo documentado nos traballos do padre Sarmiento (1745-1755) co significado de 'forte inquietude do mar'.

A etimoloxía desta palabra non está totalmente fixada pero o máis probable parece ser que se orixine por derivación partindo de formas existentes na propia lingua: marusía podería formarse a partir dun hipotético adxectivo marés, non documentado, engadíndolle o sufixo –ía, recorrente para crear substantivos a partir doutros substantivos ou de adxectivos. Marusía fixaríase por disimilación das vogais sobre a variante maresia, que tamén se conserva na actualidade, aínda que sexa menos recomendada pola norma culta. Tirando do fío chégase en definitiva á base mar, do latín mare.

Outra posibilidade, que os especialistas consideran en xeral máis incerta, é que marusía proceda dunha suposta forma morisia, derivada do céltico mori, 'mar'.

Cando falamos de marusía, debemos ter presente, como reflicten os partes do tempo, que hai diferentes niveis. Por exemplo, se falamos de forte marusía estariamos ante un mar con ondas que poden chegar aos tres metros de altura.

4

mar de fondo

Estado do mar con ondas orixinadas polo vento, que se estenden fóra da zona onde se orixina

As ondas están orixinadas polo vento. É o que se denomina mar de vento. Mais pode ocorrer tamén que ondas producidas por ventos que sopraron hai horas ou días en lugares afastados cheguen a nós como mar de fondo. De feito, é común que  as ondas do mar de fondo e o vento actual teñan direccións distintas. O aspecto do mar cando está neste estado caracterízase por formar uns sucos que adoitan ser regulares, sinusoidais e seguiren unha mesma dirección.

Chegado o tempo de invernía non é estraño ver nos medios de comunicación, titulares coma este:

“Hai aviso de temporal con forza 7 a 8, de compoñente norte, na zona de Fisterra, con mar de fondo e ondas de 4 a 6 metros.” (O Correo Galego, 27-2-1995)

Na cita anterior, fálase de “forza 7 a 8” e tamén de “ondas de 4-6 metros”. Nela utilízanse dúas escalas diferentes: por unha banda, a escala Beaufort, que mide a velocidade do vento en km por hora ou nós (millas náuticas por hora), así que neste caso serían ventos de entre 28 e 40 nós ou o que é o mesmo entre 50 e 74 km por hora; e por outra, a altura das ondas, que se mide na escala Douglas, e neste caso trataríase dun nivel 6 nesta escala.

5

vaga ou vaga de mar

Estado do mar con ondas que oscilan entre os catro e os seis metros de altura

O termo vaga ou vaga de mar deriva do francés vague e este do nórdico våg, co significado de 'onda'. É un termo que se emprega na escala Douglas e podemos atopar expresións como “Hoxe as tarrafas non largaron porque había unha vaga de mar”. Noutros casos vaga é simplemente sinónimo de onda: “As vagas batían nas rochas”.

A vaga pode ter diferentes niveis de intensidade. De dicirmos “Hai media vaga de mar”, referímonos a ondas que varían entre os dous e medio e os catro metros de altura, mais cando chegan a ter entre seis e os nove metros denomínanse vagallón, que provén do substantivo vaga, ao que se lle engadiu un sufixo aumentativo coa función de intensificación, utilizándose tamén para ondas de gran tamaño en xeral.

Cando as ondas chegan aos nove metros e até os catorce reciben o nome de vagallón campal. Neste caso o significado de vagallón intensifícase co adxectivo campal co matiz figurado de algo que adquire proporcións desmesuradas.

6

roleiro

Dise do mar cando está moi axitado

Este termo pode ser adxectivo ou substantivo pero, en ambas as dúas categorías gramaticais, o significado refírese ao estado do mar cando está moi axitado.

A súa etimoloxía quizais podería estar no verbo rolar,  variante de arrolar co significado de “moverse ou xirar dando voltas sobre si mesmo”, algo semellante ao que parece que fan as ondas ao formar espirais ou rolos.

Cando aparece en feminino, roleira, é sinónimo de mareira, termo do que tamén atopamos numerosos exemplos na nosa literatura: “Eu nunca navegara: unha tempestá, unha mareira desfeita, pillounos no camiño.” (Manuel Lugrís Freire: Esclavitú, 1906).

Ademais do seu uso común como substantivo, mareiro como adxectivo, emprégase na expresión vento mareiro, é dicir, un vento suave que vén do mar.

7

galerna

Vento moi forte do noroeste, que ocasiona fortes temporais na costa do Cantábrico

É un termo que entrou a través do francés galerne aínda que se supón que ten a súa orixe etimolóxica no bretón gwalern onde tiña o significado de ‘Noroeste’. As galernas, moi temidas pola xente do mar, preséntanse de forma inesperada, cunha caída brusca da presión atmosférica e xéranse na primavera, no outono e mesmo no verán.

Por culpa dunha galerna enorme, en xullo de 1961, facendo a costeira do bonito, barcos e mariñeiros das nosas costas cantábricas perdéronse no mar. Di quen a lembra que, ademais da súa forza, o que a caracterizou foi que durou moito tempo, case tres días continuados. É daquela lóxico atopar nos corpus exemplos como o seguinte, extraído da obra Andrómenas. Contos pra o pobo, de Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey):

“Puxo proa ás costas galegas un baixel ingrés, que chegou ao pé do cabo Ortegal dispois de unha arriscada travesía, que puxo en grave risco a vida dos piadosos navegantes. Encomendáronse istes de todo corazón ao santo cazador, quen os sacou sanos e salvos do perigro corrido, sosegando a galerna cando estaban a punto de se mergullar”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir