Os estados da materia

Vivimos nunha rexión do Sistema Solar onde é doado atopar auga nos tres estados básicos da materia, que son as fases sólida, líquida e gasosa, tamén denominadas cos substantivos sólido, líquido e gas. Con todo, nin a todos os planetas lles ocorre coa auga, nin todos os compostos teñen esa facilidade de comportamento a temperaturas e presións ambientais terrestres (o ferro é sempre sólido, mentres que o ozono é sempre gas). Pois ben, cando se produce unha transformación ou transición dun composto desde un estado a outro, estamos ante un cambio de fase.

Agora veremos os seis cambios tradicionais para os estados básicos, pero hai máis, porque en relidade, os estados básicos son catro: o cuarto é o plasma, ao cal se chega desde un gas mediante a ionización. O proceso inverso é a desionización ou recombinación. Ademais, están outras clasificacións dos estados: por exemplo, gases e líquidos forman os fluídos, ou o vapor é un subtipo de gas. Por último, existen outros estados máis exóticos, algúns deles teóricos: superlíquido, supersólido, supervidro, mesofases (xelatina), coloide, cristal líquido (e as súas subfases), etc.

1

condensación

Paso de gas a líquido

É o que pasa nos cristais das fiestras cando dunha banda hai máis humidade e na outra máis temperatura. O proceso inverso é a vaporización. Utilízase tamén figurativamente para o proceso e resultado de aumentar a cantidade ou densidade (de ideas nun texto, de leite nun volume), do mesmo xeito que concentrar.

Da mesma orixe que condensar son densidade e dasometría (medición da cantidade de árbores nun bosque).

2

vaporización

Paso de líquido a gas.

É o contrario da condensación. Hai dous tipos: a evaporación e a ebulición. Comparte orixe co primeiro deles (proceden os dous de vapor), pero mentres un vai prefixado (e-, que realmente procede de ex-) o outro vai sufixado (-izar).

Nas condicións máis habituais de temperatura, presión e latitude terrestres é o proceso máis habitual da auga.

3

conxelación

Paso de líquido a sólido.

A conxelación chámase tamén, moi raramente, pero con maior transparencia semántica e xustificación etimolóxica, solidificación. Se o sólido resultante se pode clasificar como cristalino, o proceso chámase cristalización.

Conxelar ou cristalizar úsanse asemade co significado metafórico de 'inmobilizar' (unha imaxe, os prezos, etc.) pero, debido ás características definitorias do cristal, só o segundo se usa para 'adquirir estrutura' ("cristalizar un proxecto").

4

fusión

Paso de sólido a líquido.

É o proceso contrario á conxelación. Procede do verbo fundir e fundirse, tamén co significado de 'unir'. De feito, usada en física atómica, a fusión (nuclear) está relacionada coa fisión (nuclear), pero coa que non se debe confundir porque significa precisamente o contrario: 'separar' (de aí que esta estea relacionada con fisura ou fístula).

Coloquialmente utilízanse derretemento, derreter e derreterse pero os dous verbos evolucionaron de xeitos distintos: mentres derreterse admite o valor de 'perder a compostura por verse afectado emocionalmente' ao xeito de desfacerse, o verbo fundirse dificilmente ten este valor. A morfoloxía tamén é distinta: derreter é claramente regular da segunda conxugación desde o latín; fundir (que non debe confundirse con afundir ou fundar) conxúgase con alternancia vocálica no presente das acepcións intransitivas e como regular no resto dos casos.

5

sublimación

Paso de sólido a gas.

A palabra sublimación está formada polo prefixo sub- e mais por limis, que probablemente deriva á súa vez de de limen ('soleira') ou de limus ('de esguello'). Deste xeito, a palabra está relacionada con límite, limiar, sublime (nótese que neste caso a combinación -bl- pronúnciase na mesma sílaba), subliminal (calco dun tecnicismo alemán procedente da Psicoloxía) e preliminar (nótese a diferenza entre a terminación -al e -ar).

Acontece na natureza cando o xeo ao sol se transforma directamente en vapor, ou artificialmente na liofilización.

6

deposición

Paso de gas a sólido.

Un sinónimo é desublimación, debido a que é o proceso contrario á sublimación. Isto sábeno ben os agricultores e viticultores, porque é o que pasa coa xeada ou carazo no chan, nas plantas, nas pólas, nas ventás, co vento, etc. Tamén é o proceso polo cal se forman as folerpas na alta atmosfera.

Forma parte dunha gran familia de palabras orixinarias de depoñer/depor, de onde deposto, depoñente e depósito, e deste último depositar, depositario e depositante. Os significados dun único verbo orixinal en latín distribuíronse entre estes dous grupos de descendentes: 'abandonar/perder/destituír' (depor) e 'introducir/situar/salvagardar' (depositar). Con todo, o galego non conservou o valor latino de 'testemuñar' (mantido en inglés e francés) e creou os tecnicismos para a Física e a Química ('pasar de gas a sólido' e 'separar un sólido disolto nun fluído').

7

ionización

Paso de gas a plasma.

Cando un gas se vai quentando, os electróns dos seus átomos cada vez viaxan máis rápido nas súas órbitas, ata que ao final se desprenden dos seus núcleos. Este estado no que os electróns andan ao seu aire é o plasma e o proceso é a ionización. O contrario é a desionización ou recombinación.

A palabra procede en última instancia do substantivo ión (nóteselle o acento: isto implica que é bisílaba, pois de ser monosílabo levaríao só no caso diacrítico). Foi unha creación de Faraday para os compostos que permiten o paso da electricidade, pois o orixinal para ión en grego significa 'o que vai', e comparte unha orixe común con outras palabras, como por exemplo ir, iteración ou istmo. Os seus derivados anión e catión, construíronse por analoxía con ánodo e cátodo, literalmente 'camiño cara abaixo' e 'camiño cara arriba'.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir