Os santos máis trouleiros

Aló, no medio do verán, aparece a xornada máis festeira de todo ano. Sonche poucos os recunchos que non fagan unha celebración máis grande ou máis pequena en honor a santa María; pero festas hainas todo o ano.

Facemos unha pequena pescuda sobre as sete festividades máis populares e a quen se lle dedican estes festexos. De paso coñeceremos algo máis sobre os nomes dos protagonistas e a súa incidencia. Sabemos que quedan atrás algúns e algunha,  tamén moi recoñecidos, pero a cousa está taxada. Imos!

1

María

Significa: señora, a elixida

Nome de orixe hebrea Maryam, que se adaptou ao grego como Mariám e logo chegou ao latín como María. É un dos nomes que máis se segue poñendo ás nenas galegas na actualidade. Ten como variante: Maruxa e os hipocorísticos máis comúns: Mari, Maruxiña ou Marica. A popularidade do nome indícao o seu uso na tradición oral: Es como María Cortizas: canto ves, canto cobizas. Ou para indicar que algo sucedeu hai moito tempo dicimos que pasou nos tempos de María Castaña. Xa sabemos que María Castaña foi unha luguesa do século XIV que non aceptou a suba de impostos que pretendía poñer o señor bispo e liderou o movemento de protesta contra este. Outras galegas ilustres e combativas que levaron este nome: María Soliña e María Pita e máis próximas no tempo: María Casares, María Mariño ou Maruxa Mallo.

María ou a Virxe María, para o cristianismo, é a nai de Xesús Cristo. En Galicia é quen máis parroquias ten dedicadas nas súas diferentes advocacións, xa que é titular de 791. Celébrase o 15 de agosto con multitude de festas coma as de Cedeira, as da Xunqueira en Cee ou a da Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa da cidade de Lugo.

2

Santiago

Significa Deus protexe

De orixe curiosa, xa que naceu na Idade Media dun brado (‘palabras emitidas con forza e en voz alta a causa do terror, medo, dor etc.’): “Adiuva nos Deus e Sancte Jacobe!”. É unha das variantes de Xacobe máis comúns. Podiamos pensar que é un nome frecuente entre os galegos, mais non o é moito. O diminutivo máis coñecido é Santi, inda que tamén o son: Chago, Iaio, Golo e Tatalo. Galegos recoñecidos con este nome son, entre outros, Santiago Casares Quiroga (político), Santiago Bonome (escultor), Santiago Pemán (meteorólogo) ou Santi Prego (actor).

Sen dúbida, o Santiago con máis sona para os cristiáns é o Maior. Un dos doce apóstolos e o primeiro en morrer pola súa fe. A tradición popular di que veu evanxelizar a Península Ibérica, que o seu corpo chegou nunha lancha de pedra ás costas galegas e, con posterioridade, grazas a unha revelación ao bispo Teodemiro atopouse o sepulcro e alí constrúese unha igrexa, que co tempo acaba sendo a catedral de Compostela.

Pode ter moito de lendario todo isto pero Santiago é un dos santos con máis parroquias asignadas en Galicia, cun total de 277. E o Camiño de Santiago converteuse nunha das rutas de intercambio cultural e de negocio máis coñecidas en Europa desde a Idade Media. A súa celebración é o 25 de xullo, tamén o noso Día Nacional. E as festas con máis sona entre outras, sen dúbida, son as de Santiago de Compostela.

3

Xoán, Xoana

Significa fiel a Deus

Nome procedente do hebreo Yohanan, que chega desde o grego como Ioánnes e atopámolo en latín de dúas formas: Iohanes e Ioannes. É un nome de home moi popular coa variante Xan, e coa de Xoana para as mulleres. Algúns dos seus hipocorísticos son Xanciño, Xanocas, Xanote ou Nucho e Nucha. Outro indicador da popularidade do nome é como pasou á lingua común na fraseoloxía e así dicimos: es un Xan (‘home de pouco carácter e de pouca personalidade, que se deixa dominar por calquera’); ser coma Xan do Outeiro parece que é un home con moita paciencia porque viviu máis de cen anos. Tamén temos persoeiros como Xoán de Cangas (trobador), Xan Quinto, célebre bandoleiro galego que, xunto con Pepa a Loba, róuballes aos ricos para dárllelo aos pobres. Máis achegados a nós coñecemos Xoán Babarro (escritor), Xan Bouzada (sociólogo), Xoán Piñón (fotógrafo e músico), Xohana Torres (escritora), Xoana de Vega (promotora social).

O nome de Xoán é o máis representado no santoral: San Xoán Bosco, San Xoán de Deus, San Xoán da Cruz; pero o máis coñecido e recoñecido, xunto con San Xoán Evanxelista, foi San Xoán Bautista, o Precursor, fillo de Isabel e Zacarías. Bautizou a Xesús e proclamou o Mesías. É o titular de 144 parroquias. A súa festa é o 24 de xuño facéndoa cadrar co solsticio de verán que se celebraba xa na Prehistoria prendendo fogueiras na véspera. De entre todas, podemos destacar as festas patronais do concello de Carballo.

4

Martiño, Martiña

Significa belicoso, guerreiro

Nome de orixe romana Martinus formado sobre Mars, Martis, significa algo así como dedicado a Marte (deus da guerra). Nome frecuente na Galia precristiá que se aceptou ben posteriormente pola falta de consciencia da súa procedencia. Cariñosamente son coñecidos tamén como Tiño, Tiñolo ou Martiñoco. Algúns galegos con este nome: Martin Codax (variante medieval do nome e afamado trobador), Martiño Noriega (médico e político) e Martiño Rivas (actor).

San Martiño de Tours, apóstolo na Galia, antes da súa conversión foi soldado e unha noite de moito frío en Amiens esgazou a súa capa en dúas para darlle un anaco a un pobre e que se abrigase. Pola súa fama de milagreiro foi elixido bispo e tras a súa morte, a súa tumba foi obxecto de romaxe. É moi popular en Francia e unha das devocións máis antigas en Galicia. De feito é titular de 235 parroquias.

É un santo de inverno, xa que se celebra o 11 de novembro. Xa iniciado o tempo dos magostos por Santos, comeza tamén o da matanza do porco. Xa o di a fraseoloxía tradicional: Día de san Martiño, lumes, castañas e viño e, se cadra, unha freba de touciño ou Por san Martiño mata o bacoriño, abala a nogueira e cata o teu viño. Festas de sona na honra de san Martiño son as do Rosal, as do Grove e, sen dúbida, as da cidade de Ourense posto que é o santo padroeiro e fanas coincidir tamén coa celebración do magosto.

5

Roque

Podería vir de forte coma unha rocha

A orixe do nome resulta escura. Dise que vén da forma medieval Rochus que é a latinización dunha raíz xermana. Outra probabilidade é que veña do alemán rôke ‘coidado’ e mesmo, chégase a dicir que se relaciona co nórdico brókr ‘home grande’. Sexa como for, o nome que hoxe coñecemos é porque así se chamaba San Roque de Montpellier. Era un home rico que no século XIV se desfai da súa fortuna doándollela aos pobres e convértese en franciscano. Di a lenda que durante a peste axuda aos enfermos e contáxiase da doenza, afástandfose a un monte ata que o cura un anxo. Cando volve, confúndeno cun espía, méteno no cárcere e morre alí.

O seu culto en Galicia comezou no século XVI durante a época das distintas pestes, substituíndo a San Sebastián. É avogoso dos andazos, as chagas e protector dos cans de palleiro.

Santo moi popular, malia que só é titular de cinco parroquias. Porén é o patrón de numerosos concellos, entre os que destacan, Betanzos, Melide, Santiago de Compostela, Vigo, Vilagarcía e Viveiro. Isto xustifícase porque foron moitos os lugares que no século XVI, atacados pola peste, se encomendaron ao santo e a enfermidade remitiu, logo en agradecemento erixíronse santuarios, con frecuencia, nas entradas dos lugares porque se cría que a peste viña de fóra e así o santo non a deixaría volver de novo. Chama a atención que sendo tan recoñecido e cunhas festas de tanta sona e, en clara competencia, coas da Nosa Señora, non é un nome moi elixido para os acabados de nacer, mais temos persoeiros con este nome como Roque Gallardo, un dos pseudónimos de Xosé Agrelo Hermo (escritor e editor); Roque Fanego (pintor) ou Roque Cameselle (cineasta). Celébrase o 16 de agosto e non debemos perder as festas de Betanzos e a solta do “globo de papel máis grande do mundo”; as danzas de san Roque de Hío ou a romaría de subida ao monte San Roque de Viveiro.

6

Antón, Antonia

Significa: que destaca entre todos

Termo que procede do latín: Antonius, denominación da familia romana da que procedía o triúnviro Marco Antonio. Ten unha variante culta: Antonio e Antonia. O seu significado é escuro. É o terceiro nome máis frecuente entre os galegos nas súas dúas variantes, en cambio desde a década dos 90 deixouse de impoñer ás nenas. Os hipocorísticos máis comúns son Toño, Tonecho, Tono, Toniño -a, Tucho -a. Son galegos e galegas coñecidos que levan este nome os seguintes: Antón Avilés coñecido como Avilés de Taramancos (escritor), Antón Reixa (director e realizador de cine e escritor), Antón Losada (xornalista), Mª Antonia Dans (pintora), Antonia Ferrín Moreiras (astrónoma); Antonia Rodríguez López (penúltima guerrilleira antifranquista).

No santoral hai dous santo Antón ao que se lle ten devoción. Por unha banda, Santo Antón Abade, patriarca dos cenobitas, que viviu facendo penitencia só no deserto e alí foi tentado polo demo e resistiu. A súa celebración é o 17 de xaneiro e é o patrón dos porcos (San Antón lacoeiro) e, en xeral, dos animais domésticos. Nas casas do rural sempre había unha estampa de Santo Antón para que protexera o gando. Acadou renome a beizón dos animais que se celebra na cidade de Lugo.

Por outra banda, temos Santo Antonio de Lisboa ou de Padua. Nado en Coímbra é o santo nacional dos portugueses. Foi franciscano e quixo ir a Marrocos a recibir martirio, pero enfermou antes. Teñen sona os seus sermóns e os seus milagres. Atribúeselle a capacidade de atopar as cousas perdidas e ser ao que se rezan as mozas casadeiras, inda que aquilo de Meu san Antonio casamenteiro, rógoche un mozo garrido e solteiro xa o temos moi superado.

A súa festa é o 13 de xuño. Son romarías de importancia a de Santo Antón de Herbón en Padrón e da Agualada en Coristanco. Hai certa confusión entre un e o outro e mesmo ao de Padua se lle encomendan os bichiños da casa. Mais xa o di o refrán: dezasete de xaneiro, San Antonio verdadeiro; trece de san Xoán, San Antonio mentirán.

7

Carme

Significa xardín

Nome de muller cuxa orixe radica nun topónimo da fronteira entre Galilea e Samaria: o monte Carmelo, que en latín sería Carmelus, en grego Kármelos e en hebreo, a lingua da zona, Karmel ‘xardín’ porque as abas do devandito monte eran moi vizosas. En galego existe unha variante moi común: Carmela e como hipocorísticos: Carmiña, Carmucha, Mucha, Mela, entre outros. É o segundo nome máis frecuente entre as nosas mulleres, logo de María, e son recoñecidas: Carme Blanco (escritora e profesora), Carme Cornes (activista contra a ditatura arxentina), Carme Rodríguez de Legísima (pintora).

A Virxe do Carme ou do Carmelo é unha devoción católica que se remonta á Idade Media e difundida polos carmelitas. Entra en Galicia, porén, no XVIII da man dos frades de Herbón e do P. Colmenero que entronizou case cincocentas imaxes. En principio era salvadora das almas do purgatorio se levaban o seu escapulario; logo pasou a ser patroa dos mariños da guerra por un decreto ditado pola raíña rexente María Cristina en 1901. Posteriormente, de todos aqueles que andaban ao mar. Xa poucos lembran aos outros santos mariñeiros: San Telmo que ata principios do século XX era o patrón dos navegantes, ou a mesma Virxe do Rosario. Na actualidade non che hai vila mariñeira desde Ribadeo ata A Guarda que o 16 de xullo non festexe o día do Carme. Son coñecidas, entre outras moitas, as festas de Foz, as de Camariñas e as da Guarda.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir