O conxunto de S + consoante como inicio de palabra, aparece en varias linguas da contorna europea, aínda que non nas ibéricas, con moita frecuencia. Tamén era común na lingua da que en gran medida vimos, o latín.
As sílabas do noso idioma sempre teñen unha vogal e normalmente son abertas, rematan en A, E, I, O, U, ou ben nun número reducido de consoantes (N, S, L, R, Z), e o S só pode comezar unha palabra seguido de vogal. Entón, como fomos adaptando as palabras procedentes do latín ou doutras linguas, que acollemos como préstamos, e que orixinariamente comezan por S seguido de consoante?
A opción evidente é antepoñerlles unha vogal de apoio para facilitar a pronuncia, mais ao mellor non é así en todos os casos… este Setestrelo investiga que foi das palabras con S inicial seguido de consoante procedentes de sete grupos lingüísticos.