Palabras da heráldica

O inverno está chegando aos Sete Reinos e o frío eterno do Alén-Muro sentirase en todo Poñente, se a Garda da Noite non é quen de impedilo. Aínda que o estadounidense George R. R. Martín, autor da serie de novelas Canción de xeo e lume nas que se basea o televisivo Xogo dos Tronos, sostén que quizais é á nosa realidade a onde está a chegar a friaxe. Agardando ver se se conxelan antes os Sete Reinos ou nós, propoñemos darlles un repaso ás formas, cores, animais e obxectos representados nos escudos das casas máis importantes de Poñente.

O Dicionario define a heráldica como “unha arte ou estudo que se ocupa de describir e explicar os escudos de armas dunha familia, cidade etc”. A palabra derivaría do substantivo heraldo, un “cabaleiro que nas cortes medievais facía as proclamacións solemnes, transmitía mensaxes importantes, ordenaba cerimonias ou se ocupaba dos rexistros da nobreza”. Á súa vez viría do francés héraut e este do fráncico heriwald, co significado de ‘xefe de armas’.

Por iso, aquí van sete termos heráldicos da nobreza de Xogos dos Tronos.

 

1

goles

Cor vermella

Os Glover do Norte gardan vasalaxe á Casa Bolton e no seu escudo levan un puño de ferro sobre campo de goles.

É un termo procedente do francés gueules, forma plural de gueule ‘gorxa’, derivada do latín gula, de onde tamén nos chega gola, a zona posterior á cavidade bucal e mais certas pezas de vestimenta que cinguen esta zona. Acabou designando a cor vermella en heráldica xa que era costume na Idade Media empregar pequenas pezas de pel da gorxa da marta, tinguilas de vermello e usalas como ornamento no colo dos mantos.

O vermello non é o único que se chama doutro xeito na heráldica, cores coma o verde ou o negro teñen tamén denominacións diferentes. A cor negra chámase sable, que viría do francés sable, do baixo latín sabellum, probablemente procedente de linguas eslavas coma o polaco sabol ou o ruso sobol, formas que denominaban a marta negra ou cibelina. Á cor verde díselle sinople, do francés sinople, á súa vez do grego sinopis.

Cada cor na heráldica leva consigo simbolismo noutros aspectos, así os goles tiñan como pedra preciosa o rubí, como planeta, Marte, signos do zodíaco, Aries e Escorpión, día propio, martes, flor, o caravel e a súa virtude, a caridade.

2

burela

Faixa que ten unha anchura igual á novena parte da anchura do escudo

Os Glover do Norte gardan vasalaxe á Casa Bolton e no seu escudo levan un puño de ferro sobre campo de goles.

Cando un escudo ten unha liña grosa horizontal, en xeral, dise que ten unha faixa. Se leva varias deste tipo, dise que é faixado, podendo ser todo o escudo ou só unha parte. Cando, como se di na definición, a faixa mide a novena parte da anchura do escudo, chámase burela. A orixe do termo está no significado en francés de bureau que no século XIII denominaba un tapiz ou alfombra, especialmente se era de raias, e á súa vez procedía do francés antigo burel, ’tecido basto, groseiro’; da forma suposta no latín vulgar bura(m) e este do latín burra, ‘pano groseiro de la’.

Na heráldica, os termos son moi precisos, por exemplo, unha banda non é igual a unha barra, se ben ambas as dúas dividen o escudo diagonalmente. A banda vai da parte superior dereita ata a inferior esquerda, mentres que a barra vai desde o ángulo superior esquerdo ao inferior dereito. É ben lembrar que, na heráldica, a esquerda e a dereita son as do propio escudo e non as que marca a nosa perspectiva.

3

lambrequín

Adorno do helmo en forma de fitas, follas etc., que cae a ambos os lados do escudo

Deseño dun lambrequín que non pertence ao Xogos dos Tronos, xa que ningunha das familias utiliza este adorno nos seus emblemas

É habitual que os escudos ou brasóns leven na parte de arriba algún tipo de adorno. Dita ornamentación recibe o nome de timbre e é un emblema que indica o grao de nobreza. Cando aparece un helmo pode ir acompañado doutros adornos aos que se lles chama lambrequíns. O termo procede do francés lambrequin, derivado de lambeau e este do fráncico labba ‘anaco de tecido’ combinado co sufixo –quin.

Outra hipótese sobre a orixe da palabra sostén que viría do neerlandés medieval lamperkijn, diminutivo de lamper, co significado de ‘veo’.

O helmo comezou a empregarse como adorno por riba do escudo no século XIV. Douscentos anos máis tarde, facíanse diferentes clasificacións en base ao metal, a posición, a colocación da viseira etc., para distinguir os distintos graos de nobreza, desde o escudeiro até o rei, se ben é a coroa a que simboliza principalmente a realeza.

4

losanxe

Figura en forma de rombo, na que un dos ángulos agudos queda por pé, e o seu oposto por cabeza / Escudo en forma de rombo

A Casa Wagstaff  de Terra das Tormentas son vasalos da Casa Baratheon, no seu emblema ten cinco losanxes ocos de ouro en campo sinople

Palabra que viría do francés losange, con dúas hipóteses sobre a súa orixe: unha sostén que procedería do galo lausa, co significado de ‘placa de pedra’. Outra propón que os cruzados franceses terían recollido nas guerras en Palestina unha palabra árabe, lauzinag, que significaba primitivamente ‘pastel con forma de rombo’ e derivaría de lauz, ’améndoa’.

A segunda acepción da definición non era a máis habitual, empregándose o rombo máis comunmente como figura de adorno dentro do propio escudo.

5

cuartel

Cada unha das catro partes dun escudo dividido por unha cruz

Escudo da Casa Wayn das Terras dos Ríos, manteñen vasalaxe cos Baelish de Harrenhal. O seu emblema son cuarteis en cruz, dous de roda de prata en campo de azur (azul intenso) e outros dous de roda de azur en campo de prata.

Máis importante que a forma externa do escudo, era a distribución interna, e dependendo da estrutura da mesma podían recibir diferentes nomes, segundo as liñas que facían as particións. Así, temos o escudo partido cando está dividido en dúas metades verticalmente, escudo cortado cando está formado por dúas partes en sentido horizontal, escudo terzado o que está dividido en tres seccións e outras moitas máis combinacións.

Cando un escudo está dividido en cuartos dise que está acuartelado, é dicir que ten cuarteis, e se ben a definición di que se forma por unha cruz, tamén serían cuarteis os divididos por unha aspa, é dicir por dúas liñas diagonais cruzadas. Cuartel procede do francés quartier que viría do latín quartus.

6

rampante

Cuadrúpede, especialmente león, que está apoiado sobre as patas traseiras, coas gadoupas en actitude de agarrar e a cabeza xirada para o lado dereito do escudo

Escudo dos Lannister. O seu emblema é un león rampante sobre campo de goles. O seu lema: Escoita o meu ruxir, aínda que é máis coñecido o non oficial Un Lannister sempre paga as súas débedas.

Entre as figuras habituais nos brasóns están as de animais: leóns, aguias, cans, lobos… ou seres mitolóxicos como dragóns ou sereas. De todos eles é quizais o león a figura máis difundida e simboliza o espírito guerreiro con calidades de maxestade, soberanía e bravura.

É habitual que o león se represente en posición vertical, actitude de ataque e rabo levantado. É o que se chama león rampante, termo que procedería do francés rampant, derivado do verbo ramper, ‘trepar’ e este do fráncico *hrampon, ‘trepar coas garras’, formado sobre o xermánico hramp ‘cousa torcida’.

Ademais de rampantes, os animais podían aparecer noutras posturas: pasante é cando se representa en posición de marcha, sentado co significado común, e enfrontados cando dous miran un cara a outro. É habitual que as representacións de animais miren cara á dereita do escudo e, cando non é así dise que o animal está alterado.

7

besante

Peza ou figura de metal, de forma circular e plana, que se coloca no escudo de armas sobre un fondo de cor

Escudo da Casa Ball do Dominio, vasala dos Tyrell. Emblema con tres besantes en prata nunha cabria de goles sobre campo de prata.

Termo do francés besant, que á súa vez procedería do nome das antigas moedas bizantinas denominadas bezante, habituais nos tempos das Cruzadas, o que parece indicar unha adopción por parte de quen formou parte desas expedicións.

Outras figuras que podemos recoñecer nos escudos serían as torres, que simbolizan a xenerosidade, as pontes, símbolos de unión e alianza, as chaves, fidelidade ou segredo, lanzas, fortaleza con prudencia, castelos, grandeza e poder ou a cuncha ou vieira que utilizaban os que peregrinaran a Compostela.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir