Palabras do teatro

“Ser ou non ser, velaí a cuestión”, quen non lembra esta frase de A traxedia de Hamlet, príncipe de Dinamarca? Quen non escoitou aquilo de “o meu reino por un cabalo” de A vida e a morte do rei Ricardo III? E se nos din  “Que é a vida? Unha ilusión…”, todas e todos pensamos en Pedro Calderón de la Barca porque A vida é soño.

Hai frases do teatro universal que saíron do seu ámbito e se incorporaron de pleno dereito á comunicación xeral. Sucede o mesmo con moitos termos deste mundo, que máis aló de representar obxectos, espazos, accións ou personaxes do quefacer dramático, deron novas acepcións figuradas para un uso máis común. Tiveron que pasar séculos para que, despois de miles de rituais máxicos e relixiosos da prehistoria e das celebracións da caza e da colleita, se fose conformando o que hoxe en día chamamos teatro (do latín theatrum, e este do grego theatron ‘lugar onde se asiste a un espectáculo, espectadores, ou o propio espectáculo’) e que ao cabo non é máis ca outra forma de nos comunicar.

1

bambolina

Cada unha das pezas que constitúen a decoración superior dun escenario teatral e que consiste en teas ou papeis pintados

A orixe desta palabra está no verbo bambolear, unha voz de creación expresiva por onomatopea co balbucido infantil, xa que se asocia co andar característico dos nenos e as nenas cando dan os primeiros pasos. Bamb– é unha raíz que existe en diversas linguas e sobre ela construímos tamén outros termos asociados coa idea de ‘inestabilidade’ ou de ‘moverse de lado a lado’, como bambear ou bambán.As bambolinas móvense horizontalmente e compoñen o que se coñece como vestiario escénico, xunto coas patas ou pernas, dispostas verticalmente nos laterais do escenario, e mais o pano de fondo, que o delimita pola parte traseira. A súa función é a de ocultar á vista do público a maquinaria escénica superior e os aparellos de iluminación e de aí procede o sentido figurado da expresión entre bambolinas, para falar do que se fai “sen mostrarse abertamente”, isto é, ocultándose á vista dos demais, o mesmo que se agochan os actores e as actrices entre as bambolinas -no seu argot entre caixas– cando están agardando para entrar ou saír á escena.

2

histrión

Actor de teatro, na antiga Roma

Esta palabra acadou na época moderna un uso culto e pexorativo para designar un actor ou actriz mediocre, esaxerado na dicción e nos movementos, que busca a risa ou unha reacción fácil no público. Esta evolución ten sentido etimolóxico porque na antiga Roma, o termo latino histrio designaba un actor de teatro que facía rir só cos seus xestos.Hoxe en día é común empregar este termo, e os seus derivados histriónico e histrionismo, fóra do contexto teatral, para nos referir a situacións que provocan a risa ou a incredulidade, ou aplicados a unha persoa de xestos e actitudes afectadas que resulta ridícula ou pouco verosímil. Así podemos atopar diferentes exemplos destes usos tamén na literatura, como na obra de Alfredo Conde, Memoria de Noa, 1982: “(…) ese áureo número, histriónica barbaridade matemática (…)” ou estoutro de Carlos Casares en Deus sentado nun sillón azul, de 1997: “(…) un infeliz esmagado pola personalidade histriónica do pai (…)”.

3

galiñeiro

Parte máis elevada dun cine, teatro etc., onde se atopan as localidades máis baratas

O galiñeiro ou poleiro era a zona da sala máis concorrida, normalmente ocupada polas clases populares por seren as entradas máis económicas, e tamén por isto a máis ruidosa, de onde vén esta denominación coloquial, comparándoa co bulicio e o amontoamento do lugar onde se crían as galiñas, os galos e os pitos.Hai séculos as obras adoitaban representarse en espazos abertos, ou nas igrexas, pero no XVI e XVII xurdiron os teatros pechados e a localización dentro da sala xerarquizouse en función da maior ou menor visibilidade: desde a zona máis afastada do galiñeiro ou poleiro ata as preferentes da platea -ou patio de butacas– ou o palco, pasando polos asentos da galería, localizados nun piso máis elevado. Na páxina web do Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego (CDG), poden verse imaxes das diferentes partes que conforman unha sala de teatro, incluídos os camerinos, a xastrería etc., que aínda que non se ven son tamén moi importantes.

4

arlequinada

Obra de teatro na que o arlequín desempeña o papel principal

Este vocábulo deriva do nome de Arlecchino, un personaxe procedente da antiga comedia italiana, a Commedia dell'Arte. Arlequín ía caracterizado cun traxe de retallos a cores que simbolizaba a súa condición de servente, unha máscara e un sabre de madeira no van e tiña por función divertir os espectadores con chistes e bufonadas nos intermedios dunha representación.Para alén do significado literal como obra protagonizada por este personaxe, a arlequinada tamén desenvolveu un uso figurado referido a unha “acción ou ademán ridículo”, con certo valor pexorativo. Esta extensión do significado orixinario da arlequinada veu motivada polo carácter xocoso que este tipo de obras tiñan, como se ve na peza Commedia. Un xoguete para Goldoni que Ollomoltranvía representou baixo a dirección de Cándido Pazó.

A partir do século XVII, os comediantes italianos introducen primeiro en Francia e desde alí por toda a escena mundial, o Arlequín e outros personaxes arquetípicos da Commedia dell’Arte como o Pulchinelo, o coñecidísimo xiboso de nariz ganchudo, a Colombina, o Pierrot de cara enfariñada, ou o Scaramuccia, que literalmente significaba ‘rifa pequena e rápida’, un dos valores cos que pasou á nosa lingua o termo derivado escaramuza.

5

tremoia

Mecanismo que se utiliza no teatro para producir certos efectos especiais

Ademais de na nosa lingua, só no castelán (tramoya) e no catalán (tramoia) atopamos esta palabra co significado referido ao mundo do teatro. Orixinariamente a tremoia é a “caixa de madeira do muíño en forma de pirámide truncada e invertida que vai sobre a moa onde se bota o gran que se vai moer para que vaia caendo pouco a pouco”. Este é o significado que conserva o portugués tremonha, o italiano tramoggia e mais o francés trémie, e que resulta etimoloxicamente da combinación dos termos latinos tremere, polo movemento que fai este aparello ao botar o gran, e modium, que era unha medida equivalente a ‘unha fanega de gran’.De parte do muíño, a tremoia pasou a designar os mecanismos que no teatro axudan a producir diferentes efectos na escena e que serían no seu comezo un conxunto de pezas rudimentarias, de onde probablemente veña a evocación da maquinaria de moer. E aínda con posterioridade, deste significado concreto derivouse unha acepción abstracta e figurada para referirse á “maquinación que se leva a cabo para prexudicar a alguén”.

6

claque

Grupo de persoas contratadas para que aplaudan un espectáculo

Esta palabra ten a súa orixe no francés claquer, un termo onomatopeico, co significado de ‘bater, renxer, estalar’ do que derivou a ‘aplaudir’, ‘bater as mans en sinal de conformidade’. De feito clac é a interxección que empregamos para imitar ou reproducir “o ruído seco que resulta do choque de dúas cousas”.Nos córpora atopamos exemplos desta forma e dalgunha outra variante non normativa, como neste texto de Xavier Alcalá: ‘Segundo saía para a palestra, o sol, até entón oculto, rachou as nubes e entrou na sala. Nos bancos do fundo vin a miña clá, meus irmáns co Espichapitos, o outro conviva da esmorga e algún engadido máis’ (A nosa cinza, 1980).

Tan antiga coma a arte do teatro é esta ‘profesión’ da claque. Tácito cítaa en referencia aos espectáculos onde Nerón exhibía as súas composicións, pagándolles a aplaudidores profesionais para mantelo contento. Co paso do tempo foi adquirindo máis importancia, sobre todo en Francia,  ata o punto de que no século XIX houbo unha especialización de funcións dentro da claque dependendo do ‘papel’ que representaban: facer chorar, rir, pedir bises etc. O fin último era o contaxio das emocións ao resto do público, facendo teatro do propio teatro.

7

drama

Obra de teatro de carácter serio pero corrente, onde a acción tráxica vai acompañada de elementos realistas e cómicos

A orixe etimolóxica deste vocábulo está no grego drama, ‘acción’. Nun sentido xeral, o drama é o xénero literario composto para o teatro, aínda que o texto non sexa representado. Nun sentido específico, drama refírese a un xénero particular de obra de teatro xurdido no século XVIII, que se presenta como síntese (ou "intermediario" ou "derivado") da comedia e da traxedia.Deste significado propio do ámbito teatral derivou outro aberto a situacións da vida cotiá e deste xeito dicimos que “unha familia está vivindo un drama’” ou empregamos os derivados dramático e dramatismo cando falamos dos sucesos que causan un dano profundo na nosa vida. Curioso é o derivado verbal dramatizar que nun uso figurado ten o significado de “dar un carácter tráxico ou facer que algo pareza máis tráxico do que é”, é dicir, que cando dramatizamos dalgún xeito estamos actuando, usando o disimulo para enganar. Isto non é facer teatro?

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir