Especialista en sociolingüística que é a rama da lingüística que estuda as relacións entre a lingua e o medio social
Un aspecto importante que cómpre destacar deste valdeorrés é o seu sentimento galeguista. Este feito levouno a reivindicar Galicia como concepto, a Terra e a Patria; pero esta idea leva consigo, entre outras cousas, a defensa convencida da lingua propia. Non só como arma literaria (escribir en galego é acto de reafirmación), senón como elemento definitorio dun país e dun territorio dentro doutro plurinacional.
Así se xustifica que haxa un Gurriarán filólogo preocupado pola lingua e a súa calidade, que busca a recuperación do léxico propio da variedade lingüística do galego de Valdeorras e, en particular, a non deturpación da toponimia. Pero tamén emerxe un apaixonado sociolingüista cando escribe poemas moi sentidos onde fala das súas emocións ante a situación adversa na que está inmersa a lingua. Nos seus poemas describe un concepto moderno coma a diglosia “situación dun individuo ou comunidade que utiliza dúas linguas, cando unha das cales, polo xeral a lingua inicial, é considerada inferior á outra, e a lingua con máis prestixio” ou o aínda actual autoodio, concepto que xorde na sociolingüística para describir os sentimentos negativos cara á lingua e a cultura propias. Todo isto evidénciase xa nos versos anteriores á Guerra Civil como n’ O Soño do Guieiro, en particular, no apartado Da fala e do castrapo, onde se atopan poemas como “Cantarelas do castrapo”.
Xa desde a súa mocidade tomou conciencia de que a lingua estaba perdendo presenza fronte ao castelán, mais durante a ditadura produciuse unha represión física coas persoas axustizadas e as desterradas; pero tamén unha represión cultural e lingüística, grazas ás campañas activas de esquecemento e rexeitamento do noso, como se evidencia naqueles anuncios na prensa: “Hable bien. Sea patriota, hable castellano”. Por iso, na conservación da lingua e da cultura participou activamente o exilio, o residente na Arxentina, no sur, e o de México, no norte, da man do noso autor con revistas como Vieiros. Florencio e a súa poesía é a antesala da obra poética social de Celso Emilio Ferreiro.
A sociolingüística naceu da necesidade de estudar a lingua máis alá dun sistema abstracto e illado do falante e da sociedade. No ano 1964 en EE.UU. prodúcense unha serie de reunións de lingüistas, sociólogos e antropólogos que impulsou o desenvolvemento da disciplina, sobre todo, no ámbito anglosaxón. É un vocábulo composto pola xuntanza de socio- que significa ‘social’ ou ‘sociedade’ e que procede do latín. socius ‘socio’, ‘compañeiro’ e lingüística, que vén do francés linguistique, que deriva de linguiste ‘lingüista’.