De querermos causarlle impresión a alguén, seguramente valoraremos todo o que podemos facer polo noso aspecto –hai casos que é mellor nin intentalo–, ou, ás veces –e isto tamén deberíamos pensalo ben–, explorar o noso atractivo intelectual.
Se te decidiches por esta última opción, tes que saber que iso non se amaña da noite para a mañá, pero o que si podemos é axudar a que adornes o teu discurso con palabras que non se oen (nin se len) todos os días. Cadaquén ten que valorar a oportunidade de utilizalas, coidando de non chegar a parecer pedantes e lembrando que entre a orixinalidade e o ridículo a fronteira é moi sutil.
O Portal das Palabras non se fai responsable do resultado do intento, mais con calquera destes termos seguro que deixas abraiado o teu interlocutor.