A etapa universitaria é unha das que se lembra con maior nostalxia cando se contempla desde a perspectiva que dá o tempo, pero probablemente se trate tamén da que máis inquietude provoca cando se está ás portas de entrar nunha carreira, un momento no que nos agonia ata o propio nome da institución na que se ingresa: a universidade.
A cousa non é para menos, xa que de repararmos na orixe da palabra, a súa base é universum, é dicir, a totalidade das cousas, sentido presente tamén en universitas, -atis, se ben en latín ao que se refería era ao conxunto das persoas, á comunidade. Na Idade Media a universitas magistrorum et scholarium era un gremio que agrupaba os profesores e os estudantes cuns dereitos avalados por nobres, relixiosos ou as propias cidades nas que se situaban e de aí evolucionou a forma universidade ata o sentido que hoxe lle outorgamos.
Para minimizar este impacto inicial e para axudar a familiarizarse co léxico propio da universidade, imos contribuír con este Setestrelo.