Para mocear coa xente de filoloxía?

Se queremos conquistar alguén, o bo senso aconsella cumprimentar os seus cinco sentidos. Cada home e cada muller, ten unha debilidade particular, que é astucia de quen pretende chegar a descubrir. Hai algúns datos que ofrecen pistas inequívocas: se queres namorar un ecoloxista, é boa idea ir mercando a mochila para preparares idílicas (é un dicir) escapadas á montaña; se pretendes unha fanática do deporte e a vida sa, xa podes esquecer entrarlle pedindo lume.

E se o obxecto do teu desexo é de filoloxía galega, vai poñendo o Dicionario na mesa de noite, que che son moi “repugnantiños” e, de non teres coidado coa lingua, podeche saír mal a xogada. A guía que segue é unha suxestión dos erros nos que non debes caer. Podes facer caso ou non, alá ti, mais pensa que sabemos do que falamos, porque nós… tamén somos deses.

1

silencio

Ausencia de calquera ruído ou son

Marta está en segundo de farmacia e hai uns meses descubriu que a fórmula da súa química tena un morenazo de galego do que só coñece o nome: André.

Hoxe coinciden na biblioteca e no que menos pensa é nos apuntamentos, así que proba sorte moi chea de si:

– … está ben para concentrarse, pero con tanto *silenzo habemos quedar durmidos, non?

ERRO! GRAN ERRO! André míraa, abanea a cabeza, fai un xesto de que cale e continúa lendo.

A entrada xa non era moi boa, mais o problema desta vez veu polas formas xa que a moza se pasou de lista ao escoller a que empregan os grandes da literatura en galego: *silenzo.

Malia que desde as Normas de 2003 é maior o número de palabras para as que se prefire a solución patrimonial con terminación en -zo, -za (diferenza, espazo, licenza, desprezo, servizo ou terzo), non é o caso deste substantivo. Silencio provén do latín silentium, e xa na Idade Media existían moitas variantes con trazos propios das palabras patrimoniais, mais cos anos a solución culta (que conserva a secuencia vocálica) imponse claramente sobre as tradicionais.

2

escena

Cada unha das partes en que se dividen os actos dunha obra de teatro e nas que actúan os mesmos personaxes

Cando Heinrich coñeceu a Antía sentiu arder o seu xélido tempero xermánico. Deste fogo instantáneo naceu nel a ansia de impresionar a súa profesora nos cursos de verán de lingua galega para estranxeiros. Heinrich propón e Antía non di que non, polo que acaban na cola do cine para a sesión da tardiña. O alemán, nervioso, non para de falar do moito que lle apetece aquela estrea:

– Din que o mellor é a *escea final, xusto antes dos créditos

Acabouse. O THE END brilla nos ollos de Antía, antes de sentar na butaca e iso que calculara non baixar o pano ata o almorzo do día seguinte

 *Escea non deixa de ser un hiperenxebrismo esculpido sobre as moitas palabras patrimoniais que perderan o orixinario -n- intervocálico latino (coma area, cadea, chea, boa ou a propia estrea). E aínda que podemos atopala así en numerosos textos literarios de grandes autores do XX, a norma deixa moi clara a solución culta para esta forma (do latín scaenam ‘escenario, teatro’, e este do grego skéne) e toda a súa familia léxica: escenario, escénico, escenificación, escenificar, escenografía, escenógrafo etc.

3

salón de peiteado

Lugar onde se arranxa ou corta o cabelo

Cando lle toca a quenda de tarde no traballo, Rosa está encantada. Traballa na cafetaría de filoloxía e sabe que todo os días ás seis baixa Uxía, a profesora de gramática histórica galega, tomar o café entre clase e clase. Rosa bebe os ventos por Uxía pero non sabe moito de lingüística diacrónica, así que cando hoxe ve que a moza cambiou a tintura do pelo non dubida en anotar un tanto e dille:

-Quédache ben ese ton máis escuro! a que *perruquería vas?

MAL! MAL!  MAL! Rosa acaba de perder esta man! e Uxía, por deformación profesional, está a piques de sacar o bolígrafo vermello e non precisamente para anotarlle o seu número de móbil.

*Perruquería é un neoloxismo que se creou sobre o substantivo perruca, que si é normativo en galego co significado de ‘pelo postizo’. Refíxose seguindo o modelo do catalán perruqueria. Pero, malia que esta palabra triunfou nos noventa e aínda pode verse nos paneis de moitísimos establecementos deste tipo, o certo é que a única forma normativa para o galego é salón de peiteado.

4

eixe

Punto central ao redor do que se moven ou desenvolven diversas cousas

Mateo sábese atractivo. Con dezanove traballa e conduce a moto máis chula de toda a volta. Éntralle ás rapazas cun estilo directo que deixa a máis de unha sen palabras. Está bailando con Sabela, que estuda filoloxía e ten unha bolsa de lingüista na tele. A ela, o de quedar sen palabras, non lle pasa, nin sequera cando Mateo nun arranque de ardencia lle di no medio do pub:

– Como te moves, árdeche o eixo!

Alá foi a guapura, os 750 cm3 da Triumph e a inminencia dunha noite das que se recordan. Sabela retírase á barra onde están as súas amigas. Máis tarde pode haber outra oportunidade, xa que un dialectalismo pode aceptarse ou non segundo a situación.

O axe latino derivou en eixe, a forma recomendada por ser máis próxima á etimolóxica e tamén a máis común. Coma noutros nomes masculinos da terceira declinación latina, tamén neste caso existe vacilación na terminación: o –e final etimolóxico muda dialectalmente en –o, por ser esta a marca de xénero prototípica para o masculino.

5

ruta de sendeirismo

Sucesión de vías que se percorren ou que hai que percorrer para ir a algún lugar concreto ou que unen dous ou máis lugares entre si

Alba e Roi naceron para estar xuntos: deportistas e amantes da natureza e a vida ao aire libre. Decidiron matricularse os dous na mesma facultade, en filoloxía, só que un en galego e a outra en inglés. Alba non deixa pasar semana sen propoñerlle o seu amigo un plan para gozar xuntos e de paso practicar as linguas ?

Roi tampouco ve máis ca polo ollo da moza, o que non quita para que conserve o oído e saiba que o afán dela por presumir de lingua diante del non sempre chega a bo porto. A última, esta mesma tarde cando Alba suxire:

– Estaría ben irmos esta finde de *roteiro por Aloia. Que dis?

E Roi, que no fondo é un miñaxoia, apúntase, claro, e iso que sabe que a única acepción que a Academia admite para rota é “camiño na neve”, algo difícil de atopar en pleno verán nas Rías Baixas.

*Roteiro púxose de moda para chamarlle ás rutas de sendeirismo. Fórmase por derivación sobre rota (de rupta, participio do verbo latino rumpere, ‘romper’), que en ningún caso é sinónimo de ruta.

6

paradoxo

Expresión ou cousa que vai en contra da lóxica ou do sentido común, contradición aparente

Federico sabe que polo seu físico non pode confiar no amor a primeira vista pero en cambio coa verba non ten rival. Estuda filosofía e na facultade aprendeu a xogar coa lóxica e espremer ao máximo a súa capacidade dialéctica para facer da súa labia natural a mellor arma de sedución. Agora no seu punto de mira está Brais que é de filoloxía galega e sempre vai tomar unha cunca á mesma taberna ca el. Esta noite Federico leva a xogada preparada:

– Brais, a vida éche o maior dos paradoxos eh?

“Virxesantisma”! pesado e por riba fala mal –pensa Brais–, que, educado e distante, ten para un bo anaco de parrafeo explicando o que é unha fricativa.

Paradoxo vén do grego parádoksos, a través do latín paradoxon. En grego tiña o significado de ‘estraño ou extraordinario’, deducible a partir dos seus constituíntes pará- ‘contra’ e dóksa, ‘opinión, crenza’, ou sexa, o que estaba en contra da opinión común era o que chamaba a atención por raro, mesmo extravagante. En galego mantense a pronuncia do grupo culto [ks] para este substantivo e mais o adxectivo derivado (paradoxal), coma en exame (do latín examen) ou reflexo (do latín reflexus, do verbo reflectare) e é un erro pronunciar esta palabra con fricativa palatal [ʃ], coma coxo, poxa ou virxe.

7

a partir

Tomando como punto de partida aquilo que se di

Cada vez que Iria abre a boca reloucan de gozo cada un dos académicos e académicas e mais o departamento enteiro de galego na facultade, porque esta rapaza de cuarto de filoloxía fai arte co sistema fonético, ten un conxugador verbal infalible no cerebro, é certeira na colocación do pronome e semella que meteu o Dicionario no disco duro do seu caletre. Por iso, cando a ten cerca, a Xabier, o bibliotecario, un fan dos debuxos animados, parece que as pernas lle fan encaixe de Camariñas. “Ándele, ándele” soalle dentro cando Iria vai devolver os libros. Pensa que hoxe vai triunfar lucindo diante da rapaza o que cre que é a quintaesencia do infinitivo conxugado:

– *A partires do próximo mes só abrimos en horario de mañá sabes?

WARNING! WARNING! Xabieriño. Xa podes ir esquecendo os bicos de Olivia por moitas espinacas que comas

Malia que esta fórmula está moi estendida na lingua culta tanto falada coma escrita e literaria, non ten xustificación na gramática normativa, que prescribe a partir, e só pode explicarse ben por analoxía coa terminación –es da segunda persoa do singular para a conxugación dos infinitivos, ben como expansión da terminación idéntica en adverbios como antes  ou mentres.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir