Parentes da palabra seguir

O 70% dos termos galegos teñen etimoloxía latina, deixando claro de onde procede a nosa lingua. Con todo, a relación entre as palabras da antiga Roma e as do idioma falado en Galicia, non é de un a un, habendo étimos orixinais que produciron conxuntos cunha diversidade enorme, fenómeno ao que chamamos familia léxica ou morfolóxica. Non é preciso ser especialista para atopar parellas ou mesmo tríos de termos que evolucionaron desde distintas épocas en paralelo, chegando a formas diferentes.

A aquelas que entran primeiro díselles patrimoniais e ás máis modernas, cultismos. Exemplos ben coñecidos serían dor/doloroso, ou chaira/plano.

O latín é unha lingua ben documentada, grazas a que os romanos deixaron abondosa testemuña escrita, e coñecemos que as diferenzas neste tipo de palabras proceden de evolucións que responden a modificacións fonéticas regulares. É dicir, podemos seguir o rastro e chegar a familias léxicas enormes e variadas, con substantivos, adxectivos ou verbos que aparentemente xa non teñen nada que ver entre si.

Neste Setestrelo convidámosvos a coñecer unha tataravoa, o verbo latino sequor, que significaba ‘ir nunha dirección, vencellarse, obedecer’ e moitos dos fillos e netos vivos na actualidade na lingua, entre os que estaría o noso verbo seguir.

1

consecuente

Que é consecuencia directa dunha cousa / Que se mantén firme nas súas ideas e actúa de xeito que non contradí a súa maneira de pensar

Desde o primitivo sequor latino, tanto consecuente coma o sinónimo patrimonial conseguinte sufriron unha considerable modificación de significado. As dúas constrúense co prefixo con-, pois este foi un mecanismo de creación de palabras habitual no latín, e forman parte de dúas familias de palabras que se incorporan en distintos momentos á lingua. As que chegan máis tarde conservan unha forma máis parecida á latina como: consecutivo, consecución ou consecuencia; mentres que as que levan máis tempo no noso léxico deixan ver os cambios propios da evolución nas palabras patrimoniais: conseguir ou conseguible.

Cando o prefixo é sub-, tamén hai exemplos da mesma dobre evolución: subseguir ou subseguinte fronte a subsecuente, que conservan todos eles un significado moito máis próximo do étimo.

2

persecución

Acción de perseguir

Sobre sequor formouse tamén unha serie de palabras ás que se lles engadiu o prefixo per-, co significado de ‘reforzo, intesificación’. Persecución e persecutorio representan as de evolución culta, que manteñen a secuencia –cu-, mentres que en perseguimento, perseguible ou perseguidor, todas elas derivadas de perseguir, xa se deu a sonorización propia das palabras patrimoniais, con resultado –gu-.

Outra serie moi similar pero máis reducida é a creada co prefixo pro– (co significado de ‘movemento cara adiante’): como patrimoniais, xurdirían proseguir e proseguimento, mentres que entre os cultimos estaría prosecución. Ningún dos dous prefixos, per– e pro-, contribúe excesivamente a modificar o significado orixinal.

3

secuaz

Persoa que acompaña continuamente a outra ou segue a súa doutrina, ideoloxía etc.

Esta forma é un pouco atípica polo seu ditongo crecente –ua– e aparenta ser un cultismo, pero o certo é que leva moito tempo na lingua e na documentación máis moderna que temos aparece xa en 1888. A trampa está en que xa existía no latín e a súa creación responde máis a mecanismos latinos ca romances: secuax era ‘o que segue asiduamente, quen prosegue infatigable’.

Aínda que mantén unha forma conservadora o seu significado evolucionou bastante desde o adxectivo para o 'que segue unha idea ou persoa' a 'quen traballa para outro, especialmente no sentido criminal', ao contrario doutros casos fieis na morfoloxía como secundar, secuela e séquito, que tampouco se distancian demasiado do étimo sequor no valor semántico.

4

obsequio

Cousa que se ofrece a alguén como mostra de afecto e atención

A relación entre  obsequio e sequor non pasa por ser un obxecto que parte dunha persoa e segue o seu camiño cara a outra: mediante o prefixo ob-, creouse primeiro o verbo obsequor co significado de 'condescender, obedecer' cun seu infinitivo presente obsequi, e deste o substantivo obsequium coa acepción de 'condescendencia, atención, deferencia' (e tamén 'obediencia' e 'encargo'). Na familia léxica de obsequiar, contamos cos adxectivos obsequioso e obsequiador e os substantivos obsequio e obsequiosidade.

Na familia latina tamén estaba o substantivo feminino plural obsequiae co significado de 'rito funerario', exactamente igual ca exequia, palabra que seguiu un camiño semellante por un  fenómeno chamado converxencia: do verbo exsequor 'seguir ata o final, especialmente un acompañamento fúnebre ou séquito', creouse o substantivo para o grupo de persoas que  compón a comitiva.

5

segundo -a

Que vén inmediatamente despois do primeiro no tempo, no espazo, en importancia etc.

Tras o número un, o que vén despois é o dous, e por iso se lle chamou secundus, ou 'seguinte', e acabou usándose como ordinal segundo. De aí pasou a termos médicos (secundinas), a nomes de días (segunda feira) e á fraseoloxía (de segundas, con segundas). Como forma culta permaneceu secundario.

A cuestión é: como pasou a denominar unha división de tempo? Cando nos primeiros séculos da idade moderna (na época do científico Bacon e dos astrónomos Brahe e Kepler) se dividía o día en horas (ou graos), fíxose precisa unha subdivisión ulterior que se deu en chamar primus minutus ('primeiro anaco'), e que nos chegaría abreviada como minuto. Para a subseguinte utilizouse secundus minutus ('segundo anaco'), que quedaría reducido como segundo.

6

executar

Pór en práctica, facer algo / Interpretar unha peza musical / Dar morte a un condenado

A historia de executar está relacionada coa de exequia posto que proceden do mesmo verbo latino: exsequor, que tamén tiña as acepcións de 'cumprir', 'concluír' e posteriormente, no ámbito xurídico, a de 'perseguir legalmente'. O executante asóciase ao primeiro destes valores xa que é o que pon en práctica ou realiza algo, mentres que o executor era daquela o maxistrado que se encargaba de levar adiante o proceso, combinando os dous últimos. Co tempo, rematou adquirindo o senso de 'castigar, especialmente coa morte' e esta evolución afectou outras palabras da familia léxica, que actualmente conservan os dous sentidos: execución, executor ou executar.

Noutros casos conservouse o valor de 'cumprir' ou 'concluír' simplemente ou quedou a medio camiño co matiz xudicial, así que hogano podemos pensar en executivo, executoria ('orde xudicial para que se aplique unha sentenza') e exequátur ('autorización para que se leve a cabo definitivamente unha decisión: nomeamento de embaixadores, sentenzas xudiciais ou circulación de documentación'), sen necesidade de pensar en condenados a morte.

7

secuestro

Acción e efecto de secuestrar e circunstancia de estar unha persoa secuestrada

Ás veces da raíz orixinal créase unha rama enteira que se separa do tronco xeral. Este foi o caso do adxectivo sequester, -a, -um, usado inicialmente con valor xurídico como substantivo masculino e feminino para designar ao 'depositario dun obxecto en disputa mentres non se resolve a quen pertence' (e despois para 'intermediario') e como substantivo neutro para 'depósito'. A partir de aí, a palabra pasou a significar 'afastamento', e máis tarde 'arredamento de persoas fóra da vontade delas'.

As palabras secuestrar ou secuestro atoparon mal acomodo en galego, probablemente debido ao ditongo crecente, e aínda na segunda metade do século XX se atopan variantes como secoestro, secostro e reinterpretacións coa familia léxica do sagrado: sacrestar e sacresto (anteriormente mesmo como sagrestar e sagresto).

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir