Salvador García-Bodaño

Imaxe pertencente ao Arquivo familiar

Salvador García-Bodaño Zunzunegui naceu en Teis, Vigo, no ano 1935. Pertenceu á xeración dos cincuenta, persoas que os seus primeiros anos e recordos da nenez transcorren durante a guerra civil e que na mocidade soportaron as consecuencias da posguerra: o racionamento, as privacións, a carestía… Esta estirpe de escritoras e escritores recibiu a denominación de Xeración das Festas Minervais, aínda que algúns dos seus integrantes non participasen nelas, ou a de Xeración de La Noche, polas colaboracións que algúns deles tiveron no diario vespertino de Compostela, facendo públicas alí as súas primeiras incursións no mundo da escritura. Traballou como procurador de tribunais, profesional do dereito que representa os seus clientes perante os xulgados e tribunais e se encarga de presentar a documentación necesaria na causa. Desenvolveu  tamén diversas actividades mercantís. Mais a súa actividade intelectual e literaria foi, sen dúbida ningunha, moito máis substanciosa e levouno a convertelo nun persoeiro salientable das letras galegas actuais.

Imos tentar, en sete palabras, elaborar unha pequena homenaxe a quen soubo xogar poeticamente con elas.

1

picheleiro, -a

Persoa natural ou habitante de Santiago de Compostela

O noso autor viu a primeira luz en Vigo, en concreto, en Teis, no número 121 antigo da rúa de Sanxurxo Badía; mais, segundo o que o propio Salvador García-Bodaño afirma, de meses levárono para Compostela. Indica que os “aborixes” falan de Santiago coma se non houbesen máis no mundo (de Chile, Cuba ou Guayaquil, etc.).

Publicado en 1978 co que acadou o Premio da Crítica de Poesía Galega.

Nesta cidade foi onde se criou e se formou intelectualmente. Da época universitaria é a súa participación nas Festas Minervais como poeta, nas que acadou varios premios. A súa inxente actividade cultural tamén se desenvolveu en Santiago. Mostras disto son a participación desde a súa fundación na Asociación Cultural o Galo (1961), a vinculación co Museo do Pobo Galego, co Ateneo de Santiago, co Novo Seminario de Estudos Galegos ou coa Fundación Castelao (entre outras), todas elas con sede na cidade do Apóstolo.

Sen esquecer que en gran parte da súa obra poética e narrativa a cidade de Santiago se converte en protagonista principal, en voz evocadora, como se amosa en Tempo de Compostela ou Os misterios de Monsieur D'Allier que toman Compostela como escenario dos relatos narrados.

Por todo isto coidamos que non lle amolará que o alcumemos como picheleiro, xeito coloquial co que se denominan as e os composteláns ou santiagueses. Se ben os xentilicios convencionais son derivadas dos topónimos Compostela, e Santiago (o nome propio do apóstolo que viñeron a soterrar a Galicia, segundo di a lenda), o apelativo picheleiro ou picheleira ten unha orixe máis prosaica, xa que nos remite ao termo pichel ‘xerra alta e redonda de estaño, con tapa unida á asa, que se empregaba para quitar o viño dos bocois’, palabra de orixe francesa. Parece ser que a partir do século XV a industria do estaño tivo certo auxe na cidade, e os artesáns que traballaban este material eran os picheleiros que facían, entre outras cousas, estas xerras; garda, daquela, relación esta palabra con aqueloutras gremiais que tamén abundan na cidade como acibecharía, caldeiraría ou pratería, microtopónimos que atopamos no rueiro da cidade.

2

intimismo

Tendencia literaria que dá preponderancia á expresión de emocións e sentimentos íntimos

Memorial ás persoas que, segundo o poeta, participaron e contribuíron á nosa vida cultural.

García-Bodaño destaca, entre todas as habelencias que posuía, como poeta. A crítica literaria encádrao na Xeración das Festas Minervais, certames literarios nos que participou nos anos 1959, 1962 e 1963 e nos que gañou varios premios cos seus poemas. Nunha entrevista dinos que o feito de gañar o certame en galego (inda que tamén o fixera en lingua castelá) foi determinante para que sempre escribise na nosa lingua de alí en diante.

A súa lírica vincúlase co intimismo xa que amosa sen reparos a emoción e os sentimentos máis íntimos da persoa, nunha delicada poesía amorosa, non exenta de certo erotismo. Poderíase caer na tentación de pensar que é unha poesía enfrontada coa poesía social de Celso Emilio, que na altura se convertera nun autor moi popular pola mensaxe reivindicativa e directa que tiñan os seus versos. Mais seriamos inexactos, porque Bodaño desde un ton próximo á elexía non deixa de reivindicar unha Galicia que bota en falta e que está desfigurada polas consecuencias da guerra e o franquismo, como tamén reivindica as persoas que quedaron atrás, vítimas da represión. O autor enche a súa obra dunha visión existencial do mundo, onde ao amor lle outorga un valor fundamental: por unha banda, o sentimento que emana de estar nun lugar concreto que é Galicia e, por outra, o sentimento particular e íntimo que representa a muller como unha presenza que enche o baleiro da existencia.

A palabra intimismo é unha voz derivada sobre íntimo, que nos chega do adxectivo latino intimus, -a, -um que significaba ‘íntimo’, ‘interior’, ‘estreito’ ou ‘que vive na intimidade’ segundo os contextos. O adxectivo íntimo vai ligado ao concepto do que ‘pertence ao individuo e que permanece oculto’, de aí que teña como sinónimos persoal ou privado; porén, segundo nos di o Dicionario, tamén significa “que está ligado a alguén por fortes lazos de amizade” e “que é mostra dunha grande confianza, unión, comunicación etc., entre dúas ou máis persoas”. Nestas últimas acepcións tamén se encadra a obra de Salvador García-Bodaño, onde a amizade e a admiración agroman nalgúns dos seus poemas.

3

anovador, -a

Que anova

Proba da súa modernidade poética atópase en Cidade virtual (2003).

Estamos ante un autor que compoñía versos para si e para os seus achegados fundamentalmente, e grazas a estes últimos que o convidaron a reunilos e publicalos témolos accesibles para todos nós. O feito de que non pretendese publicar a súa obra non significa que fose un poeta espontáneo, guiado pola inspiración do momento sen máis.

Ao contrario era un home meticuloso, estudoso e coñecedor da tradición lírica galega desde a medieval á coetánea a el, porén a súa poesía non é continuísta e debedora do que coñecía, todo o contrario, quixo ser un anovador e romper co formalismo da tradición para se abrir a compoñer cousas novas. O propio Bodaño recoñece que naquela altura non había unha estética común, a xeración dos 50, a das Festas Minervais, foi escollendo camiños diversos. El elixiu “a poesía intimista de signo amoroso, na que a muller tomaba un papel importantísimo na existencia, un complemento existencial do home como ser humano”.

O adxectivo anovador, -a xorde como unha palabra derivada sobre o verbo anovar que, segundo o DRAG, ten un significado agrícola de‘preparar o terreo para o cultivo ou aumentar este engadindo un anaco que estaba ermo’, pero tamén se lle outorga unha ampliación semántica coa acepción ‘dar aparencia de novo’ ou ‘substituír algo vello por un elemento novo’, sendo un sinónimo perfecto para estas acepcións o verbo renovar. Ambas as dúas palabras toman con base de formación o adxectivo novo, -a, continuador do latín novus, -a , um de significación semellante.

4

activista

Relativo ou pertencente ao activismo

Foi membro fundador do Museo do Pobo Galego, entre outras moitas contribucións sociais. Foto de Jo Kassis.

O activismo social é un movemento político que pretende ser unha forza transformadora para acadar a mellora beneficiosa para os cidadáns. Esta pretensión conseguirase sempre que sexa levado a cabo grazas a activistas comprometidos con acción dirixidas a facer o ben. Dentro desta filosofía unha das bazas que cobra valor é a cultura, xa que esta é quen de lle amosar á cidadanía que mellorar a sociedade é posible.

Salvador García-Bodaño sabíao, de aí que fose un destacado activista cultural dende os anos escuros da ditadura e nos inmediatos posteriores. O seu labor non se limitou a protagonizar o espertar poético e literario en galego, senón que quixo recuperar a memoria do que fomos e aguilloarnos para non volver a perdela, sostiña que “a memoria fai historia” e se algún defecto temos os galegos é “certa amnesia do pasado que nos limita para configurarnos a nosa personalidade histórica”. Partindo desta premisa entendemos o seu papel protagonista na fundación do Museo do Pobo Galego no ano 1976, e que nas súas viaxes por Galicia recollese fondos para as salas baleiras da sede de San Domingos. A súa inquedanza cívica e política levouno a loitar contra a ditadura, pertenceu ao Partido Socialista Galego (do que foi Secretario de Información e Propaganda), formou parte do Consello da Mocidade (1963). A consolidación da lingua propia en todos os ámbitos levouno a apoiar o lanzamento da revista Teima, a primeira publicación periódica integramente en galego desde a Segunda República. Foi membro activo desde a súa creación da Agrupación Cultural O Galo, a primeira de todo un longo movemento de agrupacións creadas para a difusión da nosa cultura e da nosa lingua polas principais cidades e vilas de Galicia.
Non imos mal encamiñados se o cualificamos como un activista, adxectivo da mesma familia de palabras que activismo, que se pode relacionar coa defensa das ideas políticas e sociais e a participación nas diferentes accións sociais de carácter público para reivindicalas, onde o sufixo -ismo (vinculado coa noción de actividade, sistema, doutrina) se aplica ao adxectivo activo, procedente do equivalente latino activus ‘relativo ao que se leva a cabo".

5

compañeiro, -a

Persoa que realiza algún tipo de actividade xunto con outra, pertence a unha mesma asociación etc.

A biografía pública de Salvador García-Bodaño está marcada polas amizades que cultivou. Afirma que nos tempos universitarios coñeceu a personalidades que influíron na súa vida. Por exemplo, Ramón Piñeiro, que foi o vencello coa tradición galeguista e a conciencia de Europa, aínda que non sempre coincidisen na visión de Galicia. Carlos Maside que como pintor convidouno a se interesar polas artes plásticas. A súa recomendación prendeu ben no noso autor xa que desenvolveu tarefas de crítico de arte, mesmo ingresou no Seminario de Estudios Galegos na área de arte cun traballo sobre Xaime Quessada. O interese pola plástica fai cume cando no seu propio poemario Cidade Virtual, onde os versos son complementados con ilustracións da súa propia autoría.

Os catro compañeiros que participaron no recital da homenaxe a Rosalía de Castro no primeiro día das Letras Galegas. Fonte: Arquivo da RAG

Tamén son salientables, entre outros moitos, os vínculos de profunda amizade con coetáneos de xeración e cos que coincidiu na súa mocidade universitaria, como Carlos Casares, Xohana Torres, Arcadio López-Casanova, cos que compartiu o recitado do primeiro día das Letras Galegas dedicado a Rosalía de Castro que se celebrou no pazo de Fonseca en Santiago de Compostela no ano 1963. Como significativa foi a que mantivo co poeta noiés Avilés de Taramancos.

El foi compañeiro de todos eles na acepción da ‘persoa que realiza unha actividade con outra persoa ou pertence á mesma asociación’. A palabra está formada sobre compaña ‘circunstancia de estar ou ir acompañado’ que procede do latín vulgar *compania que remite á frase com panis que alude ao feito de con quen se comparte o pan. Son palabras próximas ao vocábulo compañeiro e compañeira amigo, camarada ou colega. As tres comparten o trazo de certo grao de relación de afecto ou confianza, mais no caso de camarada  adquire certa connotación política, e, no caso de colega, un certo matiz profesional. Da mesma familia léxica atopamos compañeirismo que se define como a “relación de amizade e solidariedade entre compañeiros” que é o que practicou García-Bodaño con todas as súas amizades ao longo da súa vida.

6

cidadán, -á

Habitante da cidade / Persoa considerada desde un punto de vista cívico

García-Bodaño cría que conviña coñecer a historia e como nos vían os demais para avanzar.

Ao longo da súa vida Salvador García-Bodaño demostrou que era cidadán no sentido restrinxido, porque naceu nunha, Vigo, e criouse noutra, Santiago de Compostela; daquela foi unha persoa que desenvolveu gran parte da súa vida no ámbito urbano. Era un home da cidade, en concreto, de Santiago de Compostela que se converteu na musa inspiradora dunha boa parte da súa obra.

Non obstante convén salientar a vertente do autor que fai referencia ao aspecto cívico, outro dos sentidos que se lle pode aplicar ao termo cidadán. Desde ben novo amosou unha importante preocupación pola situación á que foran condenados a vivir como consecuencia da falta de liberdade e democracia.

A súa preocupación social levouno á militancia política. Participou na fundación do Partido Socialista Galego, do que foi secretario de información e propaganda, aínda que logo das eleccións de 1977, en concreto en 1980, decide deixar a actividade política partidista. Definiuse como nacionalista non excluínte, democrático e loitador polas melloras sociais. Había que facer política, mais non para as grandes finanzas, senón para os cidadáns, para convivir todos nos mellores niveis de benestar. Neste ideario Galicia xoga un papel importante porque é unha entidade con 2000 anos de historia, á que hai que defender e gobernar procurando a convivencia cos todos os demais pobos, pero sen renunciar ao autogoberno. Nesta circunstancia a lingua galega representa un papel primordial para o desenvolvemento do propio, mais investíndoa de todo o necesario para que non quede allea á modernidade e se poida consolidar tamén nos ámbitos urbanos.

A palabra cidadán é unha voz derivada de “cidade” que vén do latín civitatem ‘cidade’, ‘conxunto dos cidadáns' e 'cidadanía', que está vinculado coa voz civis ‘cidadán’.

7

articulista

Persoa que escribe artigos para seren publicados en xornais, revistas etc.

Os seus artigos de prensa en El Correo Gallego amosan unha Galicia vista desde o ollo crítico do escritor.

O vencello co xornalismo comeza a forxarse nos seus anos mozos. Nos primeiros anos da década dos sesenta iniciouse con colaboracións na páxina Artes e Letras do diario La Noche. Logo traballou como corrector de probas e estilo da Páxina de Letras, baixo a dirección de Raimundo García Domínguez Borobó, en El Correo Gallego. Na mesma cabeceira pero máis adiante durante os anos 1968 e 1969, con Ramón Luís Acuña como director, participaría nunha páxina cultural semanal artístico-literaria en galego.

Tras unha parada por mor do seu traballo como delegado dunha empresa norteamericana, pasou a ter unha columna dominical onde trata temas culturais e de actualidade política que tiña como título Onte a Hoxe e que acabou por se titular No pasar dos días. Non só redactou artigos para o xornal compostelán, atopamos tamén textos seus en La Voz de Galicia e en El Ideal Gallego. Foi tamén un piar importante na posta en marcha da revista Teima, un dos primeiros intentos de ter unha publicación xornalística escrita integramente en galego a finais do século pasado.

Foi, xa que logo, un fecundo articulista, voz coa que nos referimos ás persoas que escriben artigos para que se lean en xornais e revistas, palabra semiculta formada sobre a base do latín articulus.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir