Peixe da familia dos zeidos (Zeus faber), de corpo comprimido, dorso elevado, cunha mancha negra rodeada de amarelo nos flancos, boca grande, aleta dorsal con filamentos longos e cor dourada ou gris.
Desde logo, este é un peixe achegado aos santos. Entre nós é coñecido como sanmartiño ou tamén, popularmente, quitándolle xa o de santo, con variantes do nome (martiño, martuxo…), ou, coma noutras latitudes, como peixe de san Pedro.
O característico desta especie son as manchas escuras que ten en ambos os lados do corpo, detrás da cabeza e precisamente da explicación de como se formaron esas manchas deriva a do seu nome. Parece ser que o santo, despois de pescalo, sentiu mágoa del e devolveuno ao mar: da marca dos seus dedos agarrando o peixe xurdirían estes lunares. Nunhas versións, o pescador era san Pedro e noutras san Martiño, e de aí as denominacións. Sobre san Pedro hai outra lenda, segundo a cal as marcas non llas fixo por volvelo ao mar senón por quitarlle unha moeda da boca que lle servía a el para pagar os tributos.
Outra explicación para chamarlle sanmartiño, máis prosaica, consistiría en que no mes de san Martiño abunda máis a súa pesca e que, ademais, é cando se considera que está en sazón. E é que este santo, a diferenza de san Pedro, non consta que fose pescantín.