Paxaro da orde dos paseriformes de pequeno tamaño, cor parda, rabo curto e ás arredondadas
O carrizo ou a carriza é un paxaro da orde dos paseriformes de pequeno tamaño, cor parda, rabo curto e ás arredondadas. Pero alén de definicións científicas, este animaliño é na tradición popular un dos encargados de dar as novas, sexan boas ou malas, ademais de ser quen de sandar doenzas causadas por meigallos.
Para sabermos a natureza da nova que quere comunicar debemos fixarnos cara a que lado canta. Se o fai cara á dereita trae boas novas, pero se o fai cara á esquerda non o serán tanto. Se o que queremos del é que borre o mal da nosa casa, sentímolo moito, pero imos ter que capturalo e levalo connosco ao noso domicilio. Alí pasaremos o pobre carrizo en forma de cruz por riba das persoas e dos animais das cortes. Cando isto quede feito, podemos ceibalo para que volva ao seu niño, aínda que hai quen di que unha vez rematada esta tarefa o carrizo estará morto.
Outra ave que ten calidades semellantes é a pega. Segundo Antonio Fraguas, disque pode adiviñar coa dirección do seu voo se nos irá ben ou mal nalgún negocio ou se chegaremos no tempo previsto ou con atraso na viaxe que imos emprender. Coma no caso do carrizo, o voo cara á dereita é o favorable e o voo cara á esquerda, o que presaxia problemas
Lingüisticamente estamos ante unha denominación que se emprega tanto en masculino, o carrizo, como en feminino, a carriza, e con certa distribución xeográfica diferenciada. Coincide nesta segunda forma coa designación que ten certa vexetación, semellante ao mofo, que se dá en terreos húmidos e asombrados, ademais de nomear unhas plantas gramíneas que se dan na beira dos ríos. Daquela pódese crer que o nome do paxaro provén do feito de que emprega a carriza (mofo) para facer o seu niño ou que aniña nos valados, xa que a planta adoita atoparse nos valados dos lindes. E, á súa vez, indicaremos que a designación que recibe este paxaro procede do latín vulgar *cariceum, nome da planta,, que é un derivado do vocábulo carex..
Na fraseoloxía ao redor do carrizo, referidas ao seu pequeno tamaño, atopamos expresións como máis pequeno có ovo dun carrizo.. Cando un ten viveza dise que é arrichado coma un carrizo, e do que é moi novo e inexperto, que aínda non lle viu o cu á carriza.