
Quen cando era un cativo non creu ver unhas mans que saían de debaixo da cama ou unha cara terrorífica entre as sombras do corredor? Moitas noites pasamos sen pegar ollo imaxinando a vinda do home do saco ou do coco. Xa medrados, os personaxes espantosos reaparecen entre as páxinas dos libros que máis nos gusta ler nas noites de chuvia, nas pantallas do cine ou na tele, sempre arrodeados de berros, sangue, e tamén algunha gargallada. O mundo do horrible escríbese nas páxinas das novelas, dos cómics… e mesmo nos dicionarios! Entramos no lado máis escuro do Dicionario da Real Academia Galega para sacar á luz as sete palabras que meten máis medo da nosa lingua. Todo vale para conxurar quizais o medo de non entregar o traballo en tempo ou ver a cara que nos devolve o espello algunha mañá.