Sete catalanismos do día a día

Fragmento da obra “L’esperit catallá” de Antoni Tàpies (1971)

Desde a Prehistoria, pobos de toda Europa trouxeron as súas palabras e mesmo as súas linguas, seguindo o mesmo camiño ca o Sol. Na península na que vivimos, a estrela comeza escoitando catalán e adormece coas falas galegas. O mundo do mencer é mediterráneo e nós, mais outros pobos atlánticos desta banda, somos máis de deitar os ollos no solpor do astro mergullando no océano, nese gran mar polo que moitos compatriotas foron facer pola vida.

De aló, das ribeiras de Catalunya, Valencia e as Baleares, viñeron termos que forman parte da nosa lingua desde hai moito tempo, desde antes da época en que Ramón Llull, un dos primeiros autores destacados en lingua catalá, escribía os seus textos, mentres nesta parte do mundo unha lexión de trobadores recitaban as cantigas.

Aí van, logo, sete termos de orixe catalá que usamos a cotío e que son tan de noso que mesmo pode sorprender a súa procedencia.

1

papel

Substancia en forma de lámina delgada feita cunha pasta obtida a partir de fibras vexetais, que ten múltiples usos

A palabra papel procede da catalá paper, de significado semellante, que á súa vez viría do latín papyrus ‘papiro’, a partir do grego pápuros. O termo instalouse nas restantes linguas europeas, agás no italiano onde empregan carta. Que as primeiras fábricas de papel estivesen localizadas en Xátiva, territorio de fala catalá, e en Sicilia, de fala italiana, é unha posible explicación da especificidade deste último.

O primeiro uso europeo do papel, aló polo ano 1150, foi para redactar documentos. Con anterioridade utilizábase o pergameo “pel de animal curtida e estirada, que se empregaba antigamente para escribir nela, forrar libros etc.”, un material caro e pouco accesible, o que obrigaba moitas das veces a reescribir os documentos orixinando o que hoxe denominamos palimpsesto. Noutras épocas e lugares, os materiais escollidos para a escritura foron diversos. Entre os máis coñecidos está o papiro “folla ou lámina para escribir confeccionada a partir do talo desta planta”. Na China do século II a.C. facían papel con fibras vexetais, técnica que máis tarde os árabes levaron á Península Ibérica e a Sicilia, pasando desde aí ao resto de Europa, onde a súa popularización facilitou a aparición da imprenta e a produción editorial porque era un material barato

2

cantimplora

Pequeno recipiente co colo estreito a modo de botella, revestido de coiro ou outro material, para levar auga nas viaxes ou excursións

Ao parecer a palabra tería unha curiosa orixe na amálgama da frase catalá canta i plora (canta e chora) que se supón que é o ruído que fai o líquido cando se bota desde unha cantimplora. Deste idioma pasou, ademais do galego, ao portugués e ao español. Unha formación semellante atopámola no francés no arcaísmo chantepleure baixo o que se recollen diferentes conceptos: unha sorte de regadeira antiga que debe o seu nome ao ruído que facía a auga ao caer; a billa de madeira que se lles poñía aos pipotes do viño, que crepitaba ao abrila e ao saír o líquido semellaba chorar; e mais o picho que se fai nas paredes para facilitar a evacuación dos líquidos.

Os recipientes para transportar líquidos son tan antigos coma a necesidade do ser humano de desprazarse para sobrevivir. Os gregos e romanos utilizaban ánforas, se ben as súas dimensións non eran prácticas para un uso individualizado. Empregáronse tamén cabazas, como a lagenaria siceria dos peregrinos a Compostela, mais manexábanse mellor os recipientes feitos coa pel dos animais, tales como botas ou odres, inda que tiñan o problema de picarse ou deteriorarse con facilidade. Máis tarde, impuxéronse materiais imperecedoiros, como o vidro, que non alteraba o sabor do líquido e finalmente, no XIX, comezouse a usar o metal.

3

convite

1. Banquete que se fai para persoas convidadas, para festexar algo / 2. Acción de convidar

A expansión política catalá que se inicia no século XIV queda reflectida, segundo a opinión dalgúns estudosos, na creación literaria e artística pero tamén na culinaria, do que é proba a importancia que se lle outorga ao primeiro receitario catalán: Llibre de Sent Soví (1324), considerado a primeira historia da alimentación europea. Posteriormente, no Renacemento, difúndense as traducións do Llibre de coch (1490), cheas de catalanismos entre os que se encontraría convit, que pasa, como préstamo, a outras linguas peninsulares.

A nivel lingüístico semella que o termo catalán, rexistrado en documentación do século XIII, xorde do verbo do latín vulgar *convitare, que é unha variante do clásico invitare, de significado semellante, e que é común a varias linguas románicas de Occidente: invitar en galego, castelán e portugués; inviter en francés e invitare en italiano. Á par deste termo, conviven outros como banquete “comida que reúne a certo número de persoas con motivo dun acontecemento como unha festa, un casamento etc.” que provén do francés banquet ‘idem’ e este do italiano banchetto ‘banco pequeno’; e tamén ágape que procede do latín tardío agape ‘amizade’ e ‘comida dos cristiáns antigos’ e este do grego agápe ‘amor’.

4

faena

Traballo físico ou intelectual

Cando nos referimos á “actividade ou negocio en que alguén está ocupado ou do que se ten que ocupar” empregamos termos como angueira ou labor (do latín angaria ‘servidume’ e labor ‘traballo’, respectivamente) ou recorremos a vocábulos chegados doutras linguas como tarefa (probablemente do árabe tariha ‘parte do traballo asignada’), ou faena, termo do catalán antigo, hoxe en día feina, que á súa vez procedería do latín facienda ‘cousas por facer’ –participio do verbo facere ‘traballar, construír’–.

Ao parecer, faena chegounos no ámbito do léxico mariñeiro, do mesmo xeito que o fixo ao portugués –baixo a forma faina ‘traballo da tripulación dun navío’– e ao castelán, onde crearía o verbo faenar que, entre outros, significa ‘traballar no mar’.

Ademais atopamos o termo na frase feita facerlle unha faena a alguén co significado de “causar algún prexuízo”.

5

capicúa

Número de varias cifras que se le igual de esquerda a dereita ca de dereita a esquerda

Hai números que teñen un valor especial para unha persoa determinada, mais é probable que nos poñamos de acordo no interese que todos sentimos polos capicúas.

O termo créase da expresión catalá cap i cua que literalmente di ‘cabeza e cola’, describindo a forma deste tipo de números que son iguais nun sentido e no contrario, sendo a simetría unha das súas características. Outra é ser divisible por once sempre que o capicúa estea composto por un número par de cifras. E, para quen lle interesen as matemáticas, outro dato curioso: se buscamos entre os capicúas que ademais son número primo, atoparemos en primeiro lugar  o 11, logo o 101 e despois o 313, mais para acharmos o cuarto teriamos que ir aos 39 díxitos: 1919180808180919090909190818080819191

Aos capicúas en diferentes contextos tamén se lles chama números palindrómicos ou números palíndromos que, fóra do ámbito matemático, atopamos no Dicionario aplicado a unha“palabra, verso etc. que pode lerse indistintamente de dereita a esquerda e de esquerda a dereita sen que cambie o sentido”. Procedería do grego palindromos, onde a partícula palin– significaría ‘de novo, outra vez’ e –dromos ‘correr’ ou ‘lugar onde se corre’.

6

orgullo

Exceso de estima propia

Di o catolicismo que o orgullo conduce á soberbia, que sería a “calidade e actitude de quen se cre superior aos demais, chegando mesmo a desprezalos”. Con todo, o Dicionario recolle outra definición de orgullo que parece estar libre de pecado –“boa opinión que se ten dun mesmo ou das persoas ou cousas propias”–, provocado por un labor ben feito, pertencer a unha colectividade determinada ou ter algo interesante que ofrecer, entre outras razóns.

O termo chéganos do catalán orgull co significado semellante ao da voz galega, mais crese que a orixe primeira se atoparía no fráncico *urgoli que significaba ‘excelencia’, á súa vez procedente do alemán antigo urguol ‘insigne’. Seguramente esta orixe teutoa é a que explica que teñamos no italiano orgoglio ou no francés orgueil, mentres que nas linguas románicas peninsulares se partiu do equivalente catalán

7

crisol

Recipiente de material refractario que se emprega para fundir ou purificar

Desde a Idade de Cobre a humanidade leva fundindo metais para ferramentas, armas e todo tipo de usos, e para facelo utilízase un recipiente resistente ás altas temperaturas, isto é, un crisol.

O termo ten a súa orixe na palabra do catalán antigo cresol –que se conserva como un dialectalismo, xa que no estándar actual se recolle coa forma gresol–. O significado que tiña era o de ‘candil’, concretamente, a parte oca e de barro onde se gardaba o aceite para arder e por analoxía pasou a designar o lugar onde se funden ou purifican os metais. Crese que –dado que hai outros termos semellantes a este no occitano antigo, no francés e no italiano– hai unha raíz romance común *crosiolu que se teoriza que proveña dun termo prerromano *crosu ‘oco’. Para outros investigadores, os termos do inglés, crucible,  e do italiano e francés, crogiolo e creuset, que son os equivalentes a crisol, virían do latín medieval crucibulum que designaba un recipiente que lembra na forma a unha cruz onde se traballaban os metais.

O recipiente e o seu uso deron lugar a un novo concepto no ámbito das relacións sociais como ‘lugar no que se funden ou mesturan razas, culturas e ideoloxías diversas’. A expresión, crisol de culturas, aparece por primeira vez nunha obra teatral de Israel Zangwill, de principios do século XX, na que describe como era a sociedade norteamericana xurdida da convivencia de grupos humanos de distintas etnias, relixións e culturas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir