Sete cousas que tes na cabeza (e non o sabes)

Din que na cabeza allea non aprenden máis ca os barbeiros, así que só por levar a contraria, imos tratar de aprender sobre a nosa, localizando e denominando con maior propiedade zonas ou elementos que, ou non repararamos en que estaban aí, ou adoitamos designar cun nome xenérico en lugar de chamalas polo seu propio.

É complicado descubrir o que os demais teñen na cabeza, pero deberiamos saber o que temos cada un de nós. Neste Setestrelo amosámosche sete partes que igual non coñecías, e aínda sendo desa clase de xente que pensa que o que ve no espello non ten segredos para si, hache vir moi ben continuar coa lectura.

1

úvula

Lobo que pendura da parte posterior do veo do padal

En principio a úvula non é un órgano que quede á vista, a non ser que abramos esaxeradamente a boca, xa que está na parte final da mesma, onde remata o padal brando e a propia cavidade bucal, á altura das fauces e da raíz da lingua.

O seu nome procede do latín, onde se botou man dun diminutivo do substantivo uva -ae para denominala, pero, se atendemos aos dicionarios especializados, cualifícase habitualmente como fusiforme, o cal implica unha figura máis estreita nos extremos ca no centro e os nomes populares establecen aínda outras analoxías. Así, ao chamarlle campaíña alúdese ao seu parecido cun pequeno badalo e outros sinónimos como pinguel, pinguelo ou pingallón remiten ao verbo pingar e este ao latín pendere ‘pendurar’.

Á úvula non se lle atribúe unha función anatómica moi concreta. Dise que axuda a que os alimentos vaian ao esófago ou que o vómito non chegue ao nariz, pero algúns autores considérana un vestixio evolutivo e, de feito, en caso de extirpación, parece que iso non afecta negativamente a vida da persoa. En calquera caso, si pode ter importancia desde o punto de vista da comunicación xa que nalgunhas linguas existen sons uvulares, que se articulan colocando a parte posterior da lingua en contacto coa úvula ou próxima a ela.

2

glabela

Punto cranial situado na parte media do óso frontal entre os arcos das cellas

Cando dicimos de algo que o levamos na fronte estamos esaxerando o evidente que debería resultar. Daquela, a glabela, que temos no medio e medio da fronte, podería ser máis que coñecida, pero a súa escasa frecuencia fai pensar que non o é en absoluto.

Na orixe deste substantivo está o adxectivo latino glaber -bra -brum ‘sen pelo’, de onde procede o noso glabro, que remite a unha raíz indoeuropea gladh- ‘suave’. Do adxectivo latino derivou o diminutivo glabella, que se especializou na época medieval para denominar un espazo que carece de pelo e constitúe unha separación entre as cellas, aínda que non en todas as persoas é así.

Como mellor se observa a glabela é colocando o rostro de perfil e do ángulo que forma coa base do nariz vai depender en parte a harmonía da faciana. Serve de punto de referencia para a medición da caixa cranial e alí está localizado un reflexo que ten importancia, por exemplo, para o diagnóstico do párkinson e que nos fai pechar os ollos ao premer sobre a glabela.

3

carúncula

Pequena prominencia carnosa, normal ou patolóxica, dalgúns órganos

A carúncula non é algo que se localice unicamente na cabeza, senón que recibe esta denominación calquera masa carnosa que sobresae, xa sexa de xeito normal ou anormal, en distintas partes do corpo, pero si temos na cara a que máis doadamente podemos identificar.

Tampouco se trata de algo exclusivo da anatomía humana. De feito, a presenza de carúnculas na cabeza ou no pescozo é característica de distintas aves. Así, o que coñecemos como crista do galo ou da galiña non é máis ca un tipo de carúncula, igual ca as carnosidades dos pavos, visibles especialmente nos exemplares machos.

O aspecto dunha carúncula é o dun pequeno avultamento de carne e de aí tomou o seu nome. A partir do substantivo latino para denominar a carne, caro, carnis, formouse o diminutivo caruncula -ae ‘pouca carne’, orixe do noso termo.

Entre as que temos repartidas polo corpo, podemos atopar doadamente as que aparecen debaixo da lingua e a que temos no ángulo interno do ollo, alí onde polas mañás limpamos as remelas.

4

trago

Saínte cartilaxinoso da orella, plano e triangular, que está situado diante do orificio do conduto auditivo externo

O trago do oído é outro gran descoñecido para a maioría ata que a moda de perforar o corpo para colocar adornos en lugares alternativos ao lobo da orella fixo que moitas persoas reparasen nesta pequena prominencia cartilaxinosa.

O substantivo trago comparte con traxedia a súa orixe, xa que ambos os dous parten do grego tragos ‘castrón’. No caso da peza dramática, considérase que a razón é que se utilizaba unha cabra, como sacrificio ou como premio, nas festas onde se cantaban estas pezas. No de trago, a explicación parece residir nos pelos que nacen nesa parte, que se asociarían co beche das cabras, pilosidades máis perceptibles no caso dos homes.

Para que poidamos decatarnos da súa presenza, trátase dunha pequena peza triangular situada no lado oposto ao pavillón auricular, no lugar onde prememos cando queremos deixar de escoitar algo. E para avanzar no coñecemento sobre a orella, oposto ao trago, temos o antitrago.

5

vibrisa

Cada un dos pelos que medran nas fosas nasais

Se algo destaca nun rostro, e moitas veces mesmo o define, é o nariz, pero, no caso dos humanos, as vibrisas están situadas internamente e, malia coñecermos a súa existencia, non nos referimos a elas habitualmente utilizando a súa denominación específica, senón que lles chamamos simplemente “pelos do nariz”.

A presenza de vibrisas non é exclusiva da nosa especie, nin sequera do reino animal, xa que se denominan tamén así os pelos que lles serven a algunhas plantas para detectaren os insectos para capturalos porque, fóra do noso caso, o característico das vibrisas é a súa sensibilidade. De aí parece proceder o nome, que derivaría do verbo latino vibrare. Pensemos, por exemplo, que o que coñecemos como “bigotes” do gato son en realidade vibrisas, que lle proporcionan información sobre a distancia a que se atopan os obxectos e lle permiten, xa que logo, moverse na escuridade.

Se as nosas vibrisas non teñen funcións detectoras, non por iso se consideran inútiles, xa que forman parte dos mecanismos que utilizan as fosas nasais para que o aire que inspiramos chegue aos pulmóns nas mellores condicións. En concreto, estes pelos constitúen o primeiro filtro que elimina as impurezas, polo que, se nos resulta pouco estético que sobresaian fóra do nariz, poderemos recortalos, pero non se deben eliminar.

6

moufa

Cada unha das partes moles da cara situadas a ambos os lados da boca

Poucas cousas nos fan ter unha aparencia máis saudable para os ollos dos demais como a boa coloración das meixelas, de aí que recorramos inclusive á maquillaxe para que adquiran un ton rosáceo. Outras veces delatan a nosa vergonza adquirindo unha coloración máis intensa. Así pois, as meixelas impórtannos moito, pero pode que non saibamos que tamén se poden denominar fazulas, froias ou moufas.

Se no caso de meixela é sabido que se debe situar a súa procedencia no latín maxilla, que nun principio estaba especializada como denominación da mandíbula inferior e logo pasou a designar calquera das dúas, para moufa non está tan clara a ascendencia. Considérase que é unha creación de orixe onomatopeica que imita o ruído que facemos ao inchar as fazulas e podería estar emparentada con formas occitanas ou francesas como moflet ou mouflet.

Recolle Sarmiento a expresión encher as moufas co significado de ‘comer moito’, sentido moi próximo ao do derivado moufar, que, segundo o Dicionario, é comer con présa e enchendo moito a boca. Tamén a partir desta voz se formaron outras como moufeiro, non recollido pola normativa e que para Eladio Rodríguez cualifica a persoa de meixelas avultadas, ou moufada, que é o golpe dado nesa parte da cara.

7

focha

Buratiño que algunhas persoas teñen no queixo ou que se forma nas meixelas ao rir

A focha non é unha rexión anatómica senón unha característica que posúen algunhas persoas en determinadas partes da súa faciana como o queixo ou as meixelas, no primeiro dos casos sempre perceptible para os demais e no segundo unicamente no caso de que a persoa sorría.

A orixe dunhas e outras fochas é diferente, xa que cando aparece na barbela é indicativo da existencia dunha fisura no óso da mandíbula por non soldaren axeitadamente as dúas partes da mesma durante o desenvolvemento do embrión, mentres que nas fazulas son debidas á disposición dos músculos. En ambos os dous casos, o resultado é unha pequena depresión na superficie e de aí o seu nome, procedente do latín fovea -ae ‘burato’, que nós aplicamos principalmente aos furados do terreo, como as temidas fochas das estradas.

A consideración xeral é que as fochas potencian a beleza da face ou constitúen en si un trazo de fermosura, de xeito que todos desexariamos posuílas, pero proceden da herdanza xenética, polo que nacemos ou non con esta característica. Claro que algunhas persoas preferiron fabricala artificialmente, como se conta que fixo Michael Jackson, quizais para imitar a focha máis célebre entre os famosos: a de Kirk Douglas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir