Sete desarranxos da linguaxe

Seguro que algunha vez vimos unha persoa quedar sen palabras e outra latricar de máis. Tamén é común atopar xente que di o que non quere, ou escoitar alguén ao que non se lle entende nada do rápido que fala. Estas e outras pequenas disfuncións prodúcense normalmente de xeito natural por unha alteración nerviosa momentánea. Mais noutros casos o que existe é un estado de desorde da comunicación verbal que afecta a un aspecto concreto da mesma: a gramática, a pronuncia, a prosodia, a velocidade, o léxico, a fonética, o senso, a coherencia… As causas poden ser moi diversas: un accidente cerebral, unha enfermidade da vellez (Alzhéimer, Párkinson), unha situación de estrés, un defecto conxénito ou mesmo o envelenamento. Os efectos poden ser temporais ou permanentes.

As denominacións destes estados fórmanse normalmente con palabras de orixe grega, como son –lalia ou –lalo (‘latricar’), –glosia (‘lingua’), –fasia (‘falar’), –lexia (‘vocabulario’ ou ‘lectura’), –fonía (‘voz’), –femi- (‘fala’), –frasia (‘frases’), –(o)nomia ou –onimia (‘nome’ ou ‘substantivo’), –taxia (‘orde’), –praxia (‘acción’), –grafía (‘escrita’), –calculia ou –prosodia, moitas veces precedidos dos prefixos a– (‘ausencia’), dis– (‘erradamente’) ou taqui– (‘rápido’).

Imos alá con estes sete termos de trastornos da linguaxe.

1

coprolalia

Tendencia patolóxica a empregar expresións obscenas ou escatolóxicas.

De entre os trastornos da fala, a coprolalia é un dos máis rechamantes, pois rompe coas convencións sociais sobre o que é adecuado e quen a sofre pasa a ser obxecto de prexuízos respecto á súa educación e saúde mental.

O termo constrúese combinando a terminación grega -lalia, que remite ao acto de falar, co antecedente copro-, que na lingua helena se usaba referido aos excrementos (como en coprofaxia ou coprólito), empregado aquí en senso figurado como o ‘falar sucio’ e tamén cun sentido xenérico ao utilizarse por extensión, pois mentar as feces non é o único acto de fala incontralado dos afectados pola coprolalia, que tamén poden verse obrigados a interromper a comunicación con irreverencias, blasfemias, temas tabú como o sexo, insultos etc.

A coprolalia é un síntoma involuntario que combina con outros trastornos do sistema nervioso nunha síndrome máis ampla como pode ser a de La Tourette, chamada así polo epónimo George Gilles de La Tourette, quen foi o primeiro en describir en 1885 este estado patolóxico consistente en realizar movementos e sons rápidos e repetitivos sen control, os tics, e só nunha minoría dos casos usar compulsivamente palabras malsoantes.

2

ecolalia

Trastorno da linguaxe que consiste na repetición automática de palabras ou frases que pronunciou outra persoa.

Ás veces hai que repetir algo que dixemos para que nos escoiten ou nos comprendan mellor pero cando a repetición é do que din os demais, incontrolada e sen xustificación, o que provoca é o efecto contrario, ou sexa, a interrupción da cadea falada, e no peor dos casos o fracaso da comunicación.

O termo para nomear este trastorno lingüístico, ecolalia, chega a nós a través do francés écholalie, que como moitos outros cultismos do XIX se constrúe sobre unha forma grega, neste caso o substantivo ekho, -ous que era un ‘son repetido’ e que conservamos con este mesmo significado noutras palabras de uso habitual, a máis directa eco, a repetición dun son debido á reflexión das ondas sonoras por un obstáculo.

Habitualmente os segmentos repetidos, ben sexan fonemas, sílabas ou mesmo frases enteiras, proceden do ambiente (do que din os interlocutores ou a xente que está ao redor), mais no caso de que proveñan do propio discurso do falante afectado o trastorno denomínase palilalia, sobre unha base semellante á que atopamos, cun sentido próximo (‘outra vez’), en palíndromo ou palimpsesto.

3

taquifrasia

Rapidez e volubilidade na fala, que ás veces constitúe un signo de trastorno mental.

Os afectados pola taquifrasia transmiten nerviosismo e parece que teñan unha présa anormal por falar, por avisar de algo, pois a súa linguaxe é tan precipitada que poden chegar a perder a pronuncia, o ritmo e a pausa, a sintaxe, a gramática e mesmo o sentido, ao tempo que ás veces aumentan inapropiadamente o volume.

O prefixo taqui– achega precisamente o contido de ‘acelerado’, ‘rápido’ pois este era o significado que tiña no grego takhos, -eos e que observamos noutros cultismos como taquifaxia –a acción de comer con rapidez–, taquicardia –o aumento do ritmo dos latexos do corazón por riba do máximo normal– ou taquigrafía –a escritura simplificada en símbolos especiais que permiten anotar as palabras rapidamente ao mesmo tempo que son pronunciadas–. A segunda parte do composto –frasia tamén se orixina no grego phrásis, -eos, co significado de ‘acción de expresarse verbalmente’, isto é, asocia esta doenza á linguaxe, o mesmo ca –lalia, existindo de feito os equivalentes taquilalia e mais taquifemia, do grego pheme ‘fala, linguaxe’.

O mesmo ca outros trastornos da linguaxe, a taquifrasia pode ser un síntoma de patoloxías doutro tipo como paranoia, ansiedade ou outros problemas nerviosos. Tamén pode producirse polo consumo de certas drogas.

4

tartamudez

Trastorno da linguaxe que se manifesta na dificultade de emisión dunha palabra sen cortar as súas sílabas, na repetición rápida destas, ou na pronunciación lenta das palabras.

O 3 de setembro de 1939, nun dos enormes salóns do Buckingham Palace, Xurxo VI  atopábase só perante dous elementos: o micrófono e mais a súa tartamudez. Ten que dirixirse a milleiros de compatriotas para comunicarlles que declara a guerra contra a Alemaña nazi. Alén do estrés producido pola inminente contenda, a tensión por conseguir infundir na poboación tranquilidade e afouteza agóniao aínda máis… A película de Tom Hooper O discurso do rei recrea como un brillante actor dramático reconvertido en logopeda consegue que remate con éxito a histórica encomenda do rei tatexo, un adxectivo que conta con múltiples sinónimos, moitos de orixe onomatopeica.

É o caso probablemente de tartamudo, tatexo, tatabexo ou tato, que reduplicando a secuencia + vogal parece que imitan o xeito de falar característico de quen padece este trastorno; a mesma explicación pode darse, se aceptamos isto, para o que gaguexa, o gago.

A causa da tartamudez é psicolóxica moitas veces, aínda que pode deberse tamén a unha alteración na disposición dos órganos da fala, sendo neste caso un tipo de dislalia (o trastorno da comunicación debido a unha anomalía no aparello fonador), ou mesmo aparecer como reacción perante unha circunstancia que provoca no falante sorpresa ou dúbida súbita, como un comportamento puntual e non un estado patolóxico.

5

agramatismo

Trastorno afásico caracterizado pola incapacidade para construír frases intelixibles, articulando palabras pero non na secuencia lóxica da linguaxe.

No ensino de linguas estranxeiras, o enfoque máis anovador e o preferido pola maioría dos docentes na actualidade é o comunicativo, que incide sobre a práctica do intercambio oral por riba do estudo da gramática como se concibía tradicionalmente. Con todo, que pasaría se un falante perde por completo o sentido gramatical? A perda total da lóxica na combinación das palabras faría imposible que os demais o entendesen, e isto é o que lle acontece aos que padecen agramatismo, onde o a– inicial é un prefixo de orixe grega para achegar o valor de ‘privación’, ‘negación’, que tamén se observa nas denominacións doutras patoloxías relacionadas como a alalia (do grego a-, ‘ausencia’ + –lalia, ‘fala’), a afasia (do grego aphasía, ‘perda da capacidade de falar ou comprender a linguaxe’) ou a amusia (tamén coñecida como afasia musical, que supón a incapacidade para entender e reproducir sons musicais).

Os enunciados dos afectados polo agramatismo caracterízanse pola omisión case total das palabras gramaticais (preposicións, conxuncións, artigos) e tamén dos pronomes de suxeito e as desinencias verbais, empregando practicamente só morfemas léxicos, como adoitan facer os nenos máis pequenos, polo que tamén se coñece co nome de estilo telegráfico ou telegramatismo.

6

alexia

Incapacidade para entender a linguaxe escrita debida a unha lesión cerebral.

Non se trata de que unha persoa aínda non aprendese a ler, senón dunha imposibilidade neurolóxica que aparece asociada a erros como esquecer letras, mesturar palabras, cambiar acepcións etc. A denominación alexia, idéntica ao nome de muller pero de orixe ben diferente, recolle a descrición da patoloxía ao estar composta polo prefixo grego a– ‘ausencia ’ e –lexia, de léksis, -eos ‘palabra’, cuxa presenza é clara en termos como léxico ou lexicografía.

O máis habitual é que a alexia se dea emparellada coa incapacidade para expresar ideas ou pensamentos por escrito, que se coñece como agrafía, polo que as posibilidades de intercambio comunicativo das persoas afectadas quedarían reducidas ao ámbito oral exclusivamente.

Relacionada coa alexia, está a dislexia, se ben esta supón unha dificultade coa lingua escrita importante mais sen chegar a ser unha imposibilidade, como demostra a traxectoria de disléxicos tan soados como  Einstein, Da Vinci, Galileo, Verne, Lennon, Spielberg ou Steve Jobs.

7

mutismo

Incapacidade para falar motivada por diferentes factores psicolóxicos.

Pódese falar con dificultade, inapropiadamente  ou sen sentido lóxico, pero parece que o problema máis radical en relación coa comunicación é a súa ausencia absoluta, o que se chama mutismo, un cultismo que procede da mesma raíz latina ca a patrimonial mudo (de mutus ‘privado da palabra’) e que chega a nós, probablemente, a través do francés.

O mesmo termo designa tanto a patoloxía coma o silencio voluntario de quen se nega a falar, pois se ben as motivacións son dispares o resultado é idéntico en ambos os dous casos: a ruptura total da comunicación.

Unha situación ocasional de mutismo por non poder recuperar a memoria da palabra é a anomia ou afasia anómica, á que alude a expresión coloquial “ter na punta da lingua”. A probabilidade de padecela aumenta coa idade e tamén polo número de linguas faladas, ademais de poder presentarse de súpeto por causa dun trauma.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir