
Desde que a mediados do XIX os gobernos tiveron sensibilidade respecto ao ensino público, non existiu estudante que non tivese no seu pensamento a posibilidade de pasar de ir á clase e non é arriscado supoñer que as máis das veces, a cousa non quedou en barruntar a idea senón que ademais a levaron a cabo.
Cada recuncho do país foi adoptando xeitos de lle chamar ao feito de non asistir ocasionalmente á escola por propia vontade. Ás veces estas formas son a creación dunha única persoa, ou dun pequeno grupo de falantes, pero dependendo do éxito que teñan poden chegar a estenderse por unha zona máis ampla ou mesmo a facerse xerais. Ese é o motivo de que existan tantas e tamén de que en moitos casos sexa difícil saber cal é a súa orixe, xa que poden xurdir de asociacións moi subxectivas, de metáforas etc. Neste Setestrelo, recollemos algunhas das máis estendidas na fala xunta outras máis específicas e características dunha zona concreta.