
Detalle da cuberta d’O Divino Sainete de Curros Enríquez (1888)
A literatura, en todas as súas manifestacións, é unha arte que tratou a través da palabra infinidade de temas ou feitos sen importar a súa natureza, e a poesía, sendo como é un dos tres grandes xéneros, non foi menos. Isto provocou que, dentro da propia lírica, tivésemos que etiquetar e clasificar os diferentes modelos sobre os que se pode construír un poema. Moitas veces estas categorías responderon a cuestións tan diversas como a forma, a temática, a autoría -ora popular, ora culta– ou o ton, e deron lugar a un abano de termos que nos indican o tipo de composición que estamos a ler.
Ao longo dos séculos, os autores e as autoras galegas compuxeron innumerables composicións poéticas, algunhas veces innovando e outras, simplemente, collendo moldes de literaturas veciñas, e deron forma na nosa lingua a exemplos de todo tipo de poesía. Aquí recollemos un feixe de nomes para os subxéneros poéticos e, como adoita dicirse, non están todos os que son, pero si son todos os que están.