Sete libros coronarios

O Día das nosas Letras é un día escollido para ter memoria de múltiples causas e celebracións que se consideran dignas de ser conmemoradas en todo o mundo. Por exemplo, para a xente de Noruega é o seu Día da Independencia e en Cuba lembran a Reforma agraria e o Campesiñado. Así mesmo, o 17 de maio celébrase o Día internacional contra a Homofobia e a Transfobia e tamén é o Día de Internet ou o das Telecomunicacións e a Sociedade da información. Nós, alén de todo o anterior, conmemoramos o Día das Letras Galegas, un invento de cando o galego estaba proscrito (é dicir, algo máis), para dignificar o noso idioma e a nosa cultura por medio de dar a coñecer obras literarias e os seus autores.

A idea foi boa, moi boa: somos o que somos por todo o que as xeracións anteriores levan falado, imaxinado, argallado, recitado e máis tarde escrito. Somos o elo actual da cadea de transmisión tanto do coñecemento acumulado no planeta como da lingua en que sabemos comunicalo. Ese conxunto é a nosa cultura e, como toda cultura, ten unha serie de libros que funcionan como banzos polos que fomos avanzando e subindo, ou sexa, evolucionando. Para este Setestrelo escollemos sete deles, desde a época das Cantigas á da banda deseñada, que en absoluto pretendemos como os únicos importantes pero que cremos que foron e son fundamentais.

Para rematar, desexámosvos un Día das Letras gozoso que agardamos gocedes con pouco acaloramento, porque –e xa o esqueciamos– tamén é o Día Mundial da Hipertensión.

1

Cantares Gallegos

rexurdimento: acción de rexurdir / proceso de recuperación da lingua e da cultura galegas iniciado na segunda metade do século XIX

O 17 de maio de 1863, na imprenta viguesa de Juan Compañel, sae á luz o libro de poemas de Rosalía de Castro, Cantares gallegos. Desde varios puntos de vista, é unha obra fundamental que achega unha visión avanzada, de progreso e crítica coa sociedade do seu tempo, vítima da emigración e a desigualdade, e renega con firmeza do sometemento de clase, de xénero, cultural e nacional. A autora, muller, galega, progresista, afouta e intelixente, é consciente de que está a dar un paso decisivo publicando este libro escrito integramente en galego despois de moitos anos de silenciamento da nosa lingua e cultura. E é iso precisamente, a recuperación do noso idioma e da nosa cultura, a base do proceso que se bautizou como Rexurdimento, un camiño que comeza con este libro e que buscou a dignificación de Galicia defendendo e revindicando os nosos sinais de identidade.

No ano 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares, tres membros da RAG (Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo) propoñen esta data como Día das Letras Galegas e a Academia terá que loitar en plena ditadura pola súa continuidade, conscientes da necesidade de restituír o valor negado á nosa cultura e idioma a través dunha homenaxe anual.

Rexurdimento é un termo derivado mediante o sufixo –mento, polo que se crean substantivos a partir de verbos, neste caso, desde rexurdir, formado sobre xurdir, que procede do termo latino surgere ‘erguer, levantar ou medrar’. O Rexurdimento que comezou no século XIX foi un xeito de poñer de novo na mesa do mundo a nosa cosmovisión, a nosa forma de entender e aprender, de facer e de dicir o que facemos, o noso modo de erguernos e dicir que estamos aquí.

2

Crónica Troiana

crónica: relación de feitos históricos narrados pola orde en que aconteceron

A Crónica Troiana é de mediados do século XIV e está considerada a obra máis importante da nosa prosa medieval, un tempo no que as crónicas foron un xénero prolífico e no que o noso idioma era a lingua vehicular. Outros exemplos son a Crónica Xeral, a Crónica de Castela e a General Estoria.

A Crónica Troiana débese ao encargo do aristócrata Fernán Pérez de Andrade, o ‘Bo’, para traducir e adaptar en prosa o Roman de Troie (O Romance de Troia) un poema escrito polo clérigo normando Benoît de Saint-Maure, a mediados do XII, que acada grande éxito dando lugar a numerosas versións. A obra de Saint-Maure ten como inspiración á súa vez o traballo doutros autores, neste caso latinos, e comeza contando a conquista do vélaro de ouro por parte de Xasón e os seus argonautas ata concluír coa morte de Ulises.

A palabra crónica procede do latín chronica, que se empregaba para denominar os libros nos que os acontecementos se narraban segundo a súa cronoloxía, isto é, conforme a orde en que se sucedían no tempo. A voz latina procede á súa vez do grego khronica, a partir de khronos, ‘tempo’, e serve de base etimolóxica para outros moitos derivados que teñen no seu significado este sema, como crónico, cronicón, cronista ou cronómetro.

3

Proezas de Galicia

proeza: acción digna de mérito polo valor e esforzo que supón realizala

No tempo das Guerras Napoleónicas, entre 1808 e 1814, xurdiu un xénero de circunstancias para convencer a poboación de loitar contra o francés. Desta época é Proezas de Galicia, explicadas bajo la conversación rústica de los dos compadres, Chinto y Mingote, de José Fernández y Neira, que se publica en 1810, sendo o primeiro libro impreso en galego na época contemporánea con autor coñecido. Cun estilo oral, lixeiro e desenfadado, habitual na literatura de circunstancias, Proezas recrea o diálogo entre dous paisanos, Chinto e Mingote, que parrafean sobre como lles foi na guerra. En 1893, o destacado editor do Rexurdimento Andrés Martínez Salazar leva a cabo unha fermosísima reedición en miniatura desta simbólica obra, enriquecida cun prólogo e ilustracións.

Proeza orixinouse no francés antigo proece (actualmente prouesse), substantivo correspondente ao adxectivo latino prode, ‘útil’ e despois ‘valente’. Este adxectivo procede da hipotética locución prode esse, que se orixinou por falsa segmentación do verbo prodesse, ‘ser útil’. De ter en conta a etimoloxía da palabra, probablemente o autor tería buscado unha alternativa que non viñese dos “gavachos” (como fazaña ou bravura), xa que todo o libro é un alegato panfletario a prol da loita contra os franceses destinado ás clases populares.

4

Catecismo do labrego

best-séller: libro que supera todos os demais polo número de exemplares vendidos en certo período de tempo

Os datos xerais sobre a venda de libros e especialmente os que fan referencia aos editados na nosa lingua non adoitan ser esperanzadores, pero hai algunhas obras que rompen todas as estatísticas. En concreto, nós temos desde o XIX un auténtico best-séller, O catecismo do labrego, escrito por Valentín Lamas Carvajal, un dos fundadores da Academia e a quen se lle dedicou o Día das Letras do ano 1972. Desta obra apareceron entre 1889 (ano en que se publica por primeira vez en volume) e 1930 nada menos que vinte edicións e outras tantas reproducións parciais en publicacións periódicas. En 1967 a produción editorial recupera o libro conseguindo desta volta trece novas edicións e ser traducido ao éuscaro, castelán e portugués.

O catecismo do labrego está escrito seguindo a estrutura doutro catecismo do século XVI, construído sobre unha serie de preguntas – respostas, polo que aprenderon a doutrina católica milleiros de persoas. O fin do libro de Lamas Carvajal era tamén instruír (que ademais é o que etimoloxicamente significa catecismo, unha palabra que ten a orixe no latín tardío catechismus, procedente do grego bizantino katekhismos, que deriva do verbo katekheo co significado de ‘instruír de viva voz’) mais neste caso co obxectivo de facer conscientes as clases populares de quen eran os responsables das súas duras condicións de vida, a saber: “ministros en Madrid, o Delegado da Facenda na provincia, o Administrador da Subalterna no partido, o Alcalde, os concelleiros e o Secretario no Concello, o cacique da parroquia, …”.

A palabra best-séller é un anglicismo, que se crea en inglés a partir do adxectivo best, forma superlativa de good, ‘o máis’, e seller, que fai referencia a ‘un produto ou artigo tendo como referencia as súas vendas’; polo tanto o composto vén significar ‘o máis vendido’.

5

Memorias dun neno labrego

labrego: persoa que traballa o campo e vive diso

En xaneiro de 1961, Xosé Neira Vilas (académico de número desde 2001) publica en Buenos Aires, a onde emigrara en 1949, Memorias dun neno labrego, que é posiblemente o libro máis vendido, e por tanto quizais o máis lido, na nosa lingua, superando a tiraxe das súas multiples reedicións os 600.000 exemplares. Ademais, Memorias é tamén un dos nosos libros máis traducidos, con dezaseis adaptacións a outros idiomas, entre deles o chinés, o ruso, o checo ou o alemán, o que o converte nun fermoso pasaporte das letras galegas en todo o mundo.

Desde os ollos inocentes dun neno, as Memorias son un retrato fiel e cru do que foi, ata finais do século XX e xunto coa pesca, o ámbito de produción por excelencia no noso país. O cativo protagonista é un labrego sen terra que traballaba para o cacique da parroquia e cobizaba unha vida mellor alén mar, como emigrante, a única alternativa para milleiros de galegos no século pasado. A súa voz sinxela fixo estourar as conciencias sociais e lingüísticas en moitos lectores, e Balbino, ese neno da aldea, tornou no noso primeiro heroe da actualmente vizosa literatura infantil e xuvenil galega.

A palabra labrego está formada mediante o elemento de derivación –ego que se engade o verbo labrar (“traballar a terra abrindo regos co arado”), que procede do latín laborare ‘traballar’ que, con este significado, pasou á maioría das linguas romances.  Co tempo especializouse semanticamente nos traballos da terra e de aí fórmase o termo que designa a persoa que realiza os traballos agrarios e que vive deles.

6

Cantigas de Martin Codax

cantiga/ cántiga: composición en verso á que se lle pon música para ser cantada

O poeta Martín Codax (s. XIII e XIV) viviu probablemente na zona de Vigo e da súa autoría chegaron a nós sete cantigas, tanto a letra coma a notación musical, grazas a un valioso pergameo medieval. Naquela época os libros non se editaban nin imprimían como tal e os textos circulaban por reprodución manuscrita a través de cancioneiros, pergameos ou follas soltas. Entre as obras conservadas inclúense os tres cancioneiros de cantigas profanas (da Ajuda, da Vaticana e o Colocci-Brancuti), onde os textos aparecen sen notación musical, e mais catro códices coas Cantigas de Santa María, de temática relixiosa e coa música incluída. As outras únicas fontes onde consta a música son o pergameo Vindel, coas sete cantigas de amigo de Martín Codax, e o pergameo Sharrer, coas de Don Dinís.

Aínda que hoxe ten un significado amplo de ‘canción, cantarela, canto’, na nosa literatura, cantiga deu nome a un tipo de composición musicada que fixo das nosas letras un referente mundial coñecido como lírica galego-portuguesa. As nosas cantigas eran relixiosas ou profanas, e estas últimas poden clasificarse en tres grandes grupos: de amor, de amigo ou de escarnio e maldizer. As de amor posicionan o amante como un vasalo e a súa amada como o senhor feudal; as de amigo son de orixe popular e postas en boca de muller; as de escarnio son de retranca encuberta, onde se critica algo sen dicilo abertamente; e as de maldizer son case os panfletos da época, onde se censuran abertamente os comportamentos de cregos, aristócratas ou mesmo doutros trobadores.

A orixe da palabra cantiga non é indiscutible mais é claro que está relacionada con canto. A súa etimoloxía podería vir tanto do latín canere ‘cantar’, a través da forma cantum, coma tamén dunha suposta cantica, de raíz céltica, co mesmo significado. A tonicicidade desta palabra pode recaer alternativamente sobre a penúltima ou antepenúltima sílaba, podendo por tanto dicirse cantiga ou cántiga.

7

2 viaxes

banda deseñada: historia ilustrada con secuencias de cadros que teñen debuxos e textos

En 1975 a editorial Brais Pinto publica 2 viaxes, o primeiro álbum de banda deseñada no noso idioma. Os pais da criatura, Xaquín Marín e Raimundo Patiño, que se coñecen estando emigrados en Madrid, xuntan o seu xenio como debuxantes coa agudeza retranqueira para ofreceren dúas historias críticas coa emigración desde un formato absolutamente novidoso, fillo da pintura, mais sen a súa aura elitista. De feito, 2 viaxes foi recibido en moitas revistas especializadas como underground.

A pesar de todo, non sería posible a publicación de 2 viaxes de non se sentaren unhas bases previas. É o caso da primeira tira cómica en galego, publicada na revista pontevedresa O Galiciano en 1888. As décadas de 1940 a 1960 foron centrais para este xénero. Pero tal e como o concibimos, naceu en 1980 coa revista Xofre, da que foi un dos fundadores Miguel Anxo Prado, quizais o autor máis destacado do panorama actual. Hoxe en día a banda deseñada galega é un foco de referencia a nivel estatal e, se ben Raimundo Patiño desafortunadamente morreu pronto, boa parte dese éxito debéselle a Xaquín Marín que continúa o seu magnífico labor nete xénero. Temos revistas en activo como BD Banda, Galimatías ou Fanzine Barsowia e mesmo salóns de exposicións en distintas cidades e vilas, entre os cales destaca Viñetas desde o Atlántico da Coruña.

A palabra banda deseñada é unha adaptación do francés bande dessinée, que se acuñou para denominar descritivamente os primeiros traballos deste xénero. Adóitase considerar o seu iniciador a Rodolphe Töffer, célebre escritor e pedagogo suízo, quen en 1831 publica Histoire de M. Jabot, onde se combinaban debuxo e texto baixo unha presentación totalmente inédita: en bandas, cada unha nunha páxina. Na nosa lingua, xunto a esta denominación, atopamos tamén cómic, un anglicismo que á súa vez remite ao adxectivo latino comicus, en alusión ao carácter frecuentemente humorístico deste tipo de historias secuenciadas. Esta duplicidade débese a que precisamente os focos franco-belga e inglés son os dous máis importantes neste xénero.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir