Sete momentos que fan un día

Phileas Fogg apostou que chegaban oitenta días para percorrer o mundo todo. Fíxoo no século XIX, nun selecto club londiniense onde adoitaba xuntarse cos seus amigos. Deixou deste xeito unha confortable e regrada existencia para iniciar a louca viaxe coa que chegaría a gañarlles a aposta aos seus descridos colegas.

A historia contouna o bretón Jules Verne na fermosísima novela Le Tour du monde en quatre-vingts jours (publicada por entregas en Le Temps, entre o 7 de novembro e o 22 de decembro de 1872). Os que a lemos de pequenos aprendemos que case ningunha empresa é imposible en tendo a vontade suficiente para a levar a cabo.

Inspirados polo recordo de Fogg, concentrámonos na idea da volta completa, de rodear algo por enteiro, e facelo nun período pouco común. E xa que a dimensión na que menos mal nos movemos é a da lingua, artellamos unha viaxe con sete palabras que elas soas contornan un día enteiro, para compoñer este Setestrelo.

1

alborada

Primeira luz do día

Vaite noite, vai fuxindo, vente aurora vente abrindo co teu rostro, que sorrindo a sombra espanta

Son os primeiros versos da “Alborada”, o poema con que Rosalía decidira pechar os Cantares Gallegos (1863) e que se converteu –a obra enteira– nun símbolo da recuperación literaria e cultural do país. Para o escritor e investigador Anxo Angueira, a “Alborada” expresa unha mensaxe de rebeldía e esperanza, pola alegoría que opón a “branca aurora” contra a “noite escura”. Típica da nosa poesía tradicional, a alborada é un xénero de composición folclórica e popular, que se interpreta co acompañamento da gaita e o tamboril, nas mañás dos días de festa, como canto ao día novo que nace.

O nome da cantiga sae do substantivo para lle chamar ao momento en que abre o día, ou sexa, cando enxergamos as primeiras luces, tal e como precisa a definición do Dicionario, unha idea que está contida na palabra desde a mesma orixe. O máis seguro é que xurdise dun participio do verbo alborar (a normativa dálle preferencia á forma alborexar, ou mesmo alborecer, maioritarias), derivado de albus, -a, -um ‘branco’, forma vernácula a partir do latín tardío albor, -oris que, alén do significado de ‘brancura’, tamén era empregado polos romanos para se referiren curiosamente á clara do ovo.

O uso da palabra alborada medra significativamente a finais do XIX, e nisto pesou moito o éxito dos Cantares, así como tamén que alborada fose unha palabra querida por outros autores populares deste período, por exemplo, o Lamas Carvajal do Tío Marcos da Portela. Xa nos anos trinta do século pasado, a palabra aparece con frecuencia nos textos da Xeración Nós, e refórzase o sentido político antedito, particularmente desde a mítica Alba de groria de Castelao. O Dicionario ofrece numerosos sinónimos: abrente, abrente do día, alba, alba do día, amañecer, amencer, aurora, clarexa, luzada, luzada do día, rompente, rompente do día.

2

mañanciña

Primeiras horas da mañá

Unha regra común en lexicografía di que non se recollen como entradas dun dicionario as palabras formadas por flexión, por exemplo os aumentativos ou diminutivos, non sendo que o novo termo se fixe cun significado propio e que non se deduce directamente da base. Por esta razón, non hai moitas entradas deste tipo, pero mañanciña é unha delas, xa que claramente se trata dun diminutivo de mañá que se especializou para denominar as primeiras horas desde que sae o sol.

No latín clásico, o equivalente da nosa mañá era mane (unha forma indeclinable), que máis adiante foi substituída por expresións complexas como (horae) matutinae ou (hora) maneana, de onde, por influencia da vogal sobre o /n/, dá en mañá. Pola súa banda, a primeira forma citada, matutinae, chegou ata nós como adxectivo culto, matutino -a, o “que ten lugar durante as horas da mañá”. Na época medieval, existía no romance galego-portugués aínda outro sinónimo, cras, idéntico en latín, que aparecía con frecuencia nas cantigas mais que acabou por desaparecer practicamente na lingua moderna, malia que aínda se poidan documentar exemplos tardíos de finais do XIX.

A diferenza do portugués, na nosa lingua unha única forma funciona como adverbio e substantivo, cubrindo os significados de “parte do día que vai desde que sae o sol ata o mediodía” mais “tempo que vai desde a media noite ás primeiras horas do día antes de saír o sol” (sinónimo de madrugada) e tamén “día seguinte ao de hoxe” (en portugués, manhã / amanhã). Só dialectalmente se documenta unha oposición semellante entre mañán (adverbio) e miñán (substantivo).

3

mediodía

Hora na que o Sol está no seu punto máis elevado sobre o horizonte, a partir das doce do día, entre a mañá e a tarde

Mediodía non é o mesmo ca medio día. O primeiro, como vemos na definición de arriba, refírese en todas as linguas a un punto concreto da xornada, medida polo tempo solar, que coincide co momento en que o Sol alcanza o seu cénit. Identificámolo coas doce da mañá, pero isto, o mesmo ca os fusos horarios, é unha convención, xa que o momento exacto, desde o punto de vista astronómico, comprende un intervalo máis amplo, e depende da rotación solar. Tamén na lingua común, o mediodía enténdese en xeral como o tempo entre a mañá e a tarde, especialmente pola hora do xantar, por iso é corrente escoitar “a unha do mediodía”. Escrito por separado, medio día, indica duración, como en “Medio día está chovendo, e o outro medio venta que dá xenio”. Por esta razón, non é correcto escribir: “*A manifestación está convocada para o medio día”.

Para se referiren ao momento que se sitúa na metade do día, os romanos empregaban o termo meridies, que xurdira a partir de medius ‘medio’ e dies ‘día’ (medi-dies), trocando o /d/ en /r/ para que a palabra resultase máis doada de pronunciar. Do substantivo meridies derivou o correspondente adxectivo meridianus, co significado de ‘relativo ao mediodía’, e este mantívose ata hoxe desde o romance, meridiano; en relación con este termo, fíxanse posteriormente outros dous, antemeridiano -a e posmeridiano -a, “anterior ao mediodía” e “posterior ao mediodía”, respectivamente, que na actualidade podemos atopar incluso como locucións latinas, ante merídiem, post merídiem, unha expresión moi típica sobre todo nos países anglosaxóns, que se utiliza detrás da hora, polo xeral con abreviaturas –a.m., p.m. –.

Ademais, entre as culturas do hemisferio norte, permanece unha antiga asociación entre o mediodía e os territorios do sur –acepción que tamén aparece recollida no Dicionario–, de onde o midi francés ou o mezzogiorno dos italianos.

4

tarde

Espazo de tempo que vai desde o mediodía ata que se fai noite

Como chegamos á denominación da tarde no noso idioma desde o latín é exemplo dun proceso recorrente no paso ás linguas romances consistente en transformar adverbios latinos en palabras con flexión, particularmente, como ocorre neste caso, en substantivos. En latín, o adverbio tarde –invariable a partir de tardus– podía  empregarse cun sentido equiparable ao que lle damos na actualidade en usos como “chegou tarde” ou “agora é tarde para arrepentirse” –ou sexa, tal e como define o Dicionario “despois do momento habitual, axustado ou preciso” –, ou ben expresar o significado de ‘con lentitude’, ‘devagar’. A raíz deste concepto, xa en época latina, pasouse a identificar a forma tarde con aquela parte do día en que a vida discorría cun fluxo máis lento, enténdese que por contraste coas horas da mañá, de maior actividade na urbs romana.

Antes desta evolución semántica, para se referiren á segunda metade do día, os romanos empregaban habitualmente vespera, -ae ou tempus vespertinum, onde se deixa ver claramente o noso vespertino -a (ou vesperal), que conservamos como cultismo, e tamén a véspera, que en tempos iniciais do romance mantiña este significado malia que logo fose cambiando ata o actual, “día que precede inmediatamente a outro”.

Atardecida e tardiña son derivados que se fixaron para lle chamar especificamente ás últimas horas da tarde, cando está a piques de se poñer o sol e se anuncia o serán.

5

serán

Parte do día que vai desde que comeza a pórse o sol ata que se fai noite

A Televisión chamoulle a un dos seus espazos informativos máis populares “Telexornal Serán” e o termo volveu estenderse entre os falantes, incluso naqueles que non eran tradicionais nin monolingües. A revitalización do uso do substantivo serán sucedeu sobre todo na lingua coloquial, xa que nos textos literarios nunca deixou de estar presente.

Serán é unha palabra patrimonial, que forma parte do léxico desde a época primitiva da lingua. A palabra provén do latín tardío *seranum, derivado probablemente do clásico serum, -i ‘tarde’. En galego-portugués tiña aínda unha outra acepción, serán era o traballo que se facía contra a noite de xeito extraordinario, fóra da xornada habitual.

Alén da acepción que indicamos máis arriba –o tempo que vai desde que comeza o solpor ata a noite–, servía tamén para falar dunha foliada típica da nosa cultura popular tradicional; eran os seráns,  unhas xuntanzas festeiras que se facían ao final do día, nas aldeas, e nas que a música mais o baile eran os centros do divertimento. Desde hai uns anos, diversas asociacións programan actividades co obxectivo de recuperar os tradicionais seráns, devanceiros das verbenas, e o éxito que veñen acadando demóstrase en que cada vez son máis frecuentes estas celebracións, mesmo en áreas urbanas, en calquera época do ano –non só no inverno, como era tradicional– e coa implicación dos locais de hostalaría.

Queda dito logo que o serán é o período que se abre co solpor e daquela é un erro semántico empregalo como sinónimo da tarde en toda a súa extensión.

6

luscofusco

Momento do día, entre o día e a noite, en que a luz desapareceu case por completo e as cousas se perciben como sombras

Como lembra Margarita Ledo neste vídeo de Pregúntalle á Academia, luscofusco é unha palabra querida especialmente polos grandes poetas da Terra Cha, quizais, entende a académica, porque este lugar é un escenario óptimo para observar o momento en que a posición do Sol fai que percibamos a realidade entre sombras.Vémolo nas acepcións do Dicionario recollidas arriba, o luscofusco non se identifica cun único momento –aínda que o máis usual é entendelo como o final da tarde, tamén denomina un tempo entre a noite e o día, na alborada–, senón que o seu significado apunta ao xogo das luces e as sombras, cando dominan as segundas, unha hora especial á que se lle atribuíron connotacións máxicas, líricas e emocionais, en case todas as culturas, o que, como non podía ser doutra forma, quedou reflectido na lingua, nas múltiples expresións fixadas para expresar este concepto. Recollidas no Dicionario están: anoitecer, bocanoite, cerrada da noite, cerradiña da noite, cerrado da noite, noitiña e mais xunta da noite.

Luscofusco –que conta con algunhas variantes minoritarias, lusquefusque, lusquefús…– é un termo composto no que se percibe claramente a asociación en xustaposición entre dúas palabras que se manteñen vivas, de forma independente, na lingua actual; como substantivo, o lusco é a “luz vespertina que vai perdendo intensidade a medida que se acerca a noite”, mentres que usado como adxectivo serve para describir a quen non ve ben dun ollo, o mesmo significado que tiña o étimo latino luscus, -a, -um; pola súa banda, fusco ten o significado de escuro, sombrío, o mesmo que en latín fuscus, -a, -um, empregado en ocasións para falar dos animais de cor tirando a negra. Da comparación entre un e outro xorde a expresión entre lusco e fusco (datada do século XVI), que finalmente acaba aglutinando nun substantivo único.

7

noite pecha

Noite de todo, momento ou hora en que se extinguiu totalmente a luz do día

A palabra noite representa unha das evolucións máis características das que rexen as leis fonéticas descritas para a nosa gramática histórica; trátase da vocalización da secuencia latina -ct- en -it-, típica das palabras patrimoniais, como neste caso, do nox, noctis latino chégase á noite galego-portuguesa. Tras da forma latina o que se atopa é unha raíz indoeuropea, que é a razón pola que na maioría das linguas desta familia atopamos para este caso voces semellantes, cada unha coas evolucións fonéticas típicas do idioma correspondente: por isto, hai un italiano notte, un francés nuit, un castelán noche; un night inglés, un nacht alemán, notch ruso e niktos grego. En galego, temos ademais o sinónimo, noitada, por derivación, outra forma de chamarlle ao tempo que se inicia cando empeza a anoitecer e que discorre entre a noitiña e a noite pecha.

Coa mesma etimoloxía, déronse en época máis tardía, palabras nas que se mantivo o grupo consonántico -ct-, que é o propio dos cultismos; temos por esta vía noctámbulo ou nocturnidade, e incluso unha familia de insectos, os noctúidos, dos que se destacan os seus hábitos nocturnos.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir