Sete nomes para o fillo menor

Quizais por herdanza das épocas nas que as familias tiñan moitos fillos e había que ter palabras para identificar a posición dun deles no grupo, o idioma dotouse dunha serie de nomes xenéricos para cada un dos irmáns.

Para o fillo maior, usábase amellorado, vinculeiro ou primoxénito. As formas amellorado e mellorado proceden da súa prelación á hora de herdar, pois era común que na herdanza o maior dos fillos recibise a maior parte (noutros lugares como Cataluña recibía toda). O termo primoxénito é un cultismo que, desde o grego, a través do étimo latino primogenitus sinala que é o primeiro en nacer, o máis vello.

Entre o primeiro e o último están os intermedios, ás veces chamados segundos e segundoxénito –cando coincide exactamente na orde– e que, a falta doutro nome xenérico derivado da súa posición, identificábanse por alcumes segundo as súas características ou experiencias.

O grupo máis amplo é o conxunto dos nomes que se lles dan aos máis pequenos, tema estudado no Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI) e que foi tratado extensivamente nun artigo de Rosa Mouzo. Este Setestrelo vai diso, dos últimos en chegar á familia.
 

1

tapafurados

O fillo que pecha o ciclo reprodutivo

É o termo máis coñecido e usado, e con máis variantes, para chamarlle ao fillo menor e parte da metáfora de que os pequenos, por seren os últimos en nacer, conclúen a fase de reprodución da familia, indicada por lugares de paso que simbolizan o lugar por onde veñen os fillos. O feito de nomear os xenitais das mulleres cun nome xenérico como furado ou burato, evitando empregar vaxina, é algo común na fala porque se adoita botar man de eufemismos, metáforas e dobres sentidos ao tratar asuntos relacionados coa sexualidade.

 

Da creatividade lingüística dos falantes naceu unha abondosa sinonimia para o tapafurados ou tapaburatos, xuntando calquera verbo que signifique 'pechar' co nome dun obxecto concibido para o tránsito. As variantes recollidas son tapacaneiros, tapaportas, cerraportelos e cerracancelos, e ocasionalmente tamén se usa pechacancelas, que no DRAG se inclúe cunha acepción referida aos festeiros que marchan en último lugar.
 

2

tirizó

O fillo que é máis cativo

Aos pais sempre lles custa asumir que os seus bebés medran e evolucionan e cando é toda a familia a que che cambia os cueiros a cousa radicalízase, podendo quedarche o conto de ser un mingurriñas para o resto da vida. Por iso xurdiron apelativos como tirizó, que o que destaca do fillo máis novo é o seu tamaño minúsculo.

 

No Dicionario, o tirizó aparece definido como un “gran ou furuncho que sae na beira das pálpebras”, o que nos leva á súa orixe, probablemente no latín vulgar triticolu, diminutivo do clásico triticu co valor de ‘gran de trigo’, o mesmo ca o seu sinónimo orizó procede de hordeolu(m), o gran de cebada. Tanto uns coma os outros, os molestos vultiños dos ollos e mais os grans do cereal, son pequeniños e de aí que o fillo menor acabase sendo o tirizó.

 

Outras posibilidades na mesma liña son anano ou rapelo. No caso de anano vai acompañado xeralmente de connotacións afectivas, que buscan contrarrestar a súa denotación máis agresiva e mesmo pexorativa. Rapelo úsase tamén para o que 'está a rentes do chan' ou 'ten pouca altura', aínda que veña do verbo rapar, co significado de curtar o cabelo preto da súa base.
 

3

redrollo

O fillo que vén despois dos demais

Denominación propia do galego oriental eonaviego, que ten por posible etimoloxía retroculu, que á súa vez ten a súa orixe en retro, 'atrás', o cal pode explicarse como que é o descendente que aparece detrás (dos irmáns maiores).

 

Tamén se lles chama serodios, que é máis evidente porque procede do adxectivo latino serotinus 'que aparece tarde', de serum, 'tarde' (de onde tamén o noso serán). O fillo serodio concíbese como aquel que chegou fóra de tempo, moito despois dos seus irmáns. Aplicado ao froito, o serodio, que se logra a destempo, asóciase co menor tamaño ou a peor calidade, polo que se puido utilizar tamén debido á medida pequena ou mesmo á maior debilidade do fillo menor en comparación cos vinculeiros. Na mesma liña, rastreiro pode responder a que o pequeno non chega puxando e facendo sitio senón que vén arrastrado e como colgando dos demais.  
 

4

o dos gangos

O fillo que recibe máis atencións

Que o neno saia pequeno ou grande non é impedimento para que os pais e irmáns maiores o enchan de bados, e neste comportamento teñen a súa orixe diferentes  denominacións que aluden ao cariño masivo do que gozan (ou aturan) os máis pequenos, por exemplo “o dos gangos”,  que lles pode quedar ata que sexan adultos e as neitegadas que reciban veñan da súa parella. Como vemos, esta é a forma de identificar o fillo pequeno máis directa e económica lingüisticamente, xa que non se crea ningunha palabra específica senón que se habilita un substantivo común converténdoo en locución apelativa, “o (fillo) dos gangos”.

 

Esta locución está documentada no noso territorio no sueste, en Entrimo, Lobios e Lobeira, na Limia. Como pasa noutras moitas ocasións, atravesando a fronteira mantense a continuidade lingüística no léxico, e gango é unha palabra que se localiza tamén alén Miño. Tanto a un lado coma ao outro da raia significa 'meco'.
 

5

escorrallos

O fillo que vén coller o que queda

Cando se tiñan os fillos que máis ou menos se agardaban, podería pasar que chegara un máis. A familia tiña que afacerse á idea de contar con el, pero os demais nenos non cederían doadamente nas súas posicións e privilexios, polo que moitas veces o menor tería que apandar cos restos. Este é o concepto que se esconde detrás de termos como escorrallo, creado por derivación a partir do substantivo escorras, que son “as últimas gotas nun recipiente” ou ben “o residuo das augas da chuvia ou da rega”. Ambos os dous proceden do verbo latino excurrere, formado co prefixo ex-, 'cara a fóra', e o verbo currere, que nós herdamos como 'correr'.

 

Pero existen algunhas outras denominacións que parten da idea de que o pequeno vive do que lles sobra aos outros, e nas que se observa tamén o sufixo despectivo –allo: a locución “o dos raspallos”, pois raspar (ou raspillar) significa quitar algo do material que resta como raspa ou raspadura (procedente do xermánico hraspôn, 'arrincar'), especialmente referido ao acio tras tirarlle as uvas ou á comida que queda pegada á pota; outra posibilidade é reboutallo, que fala do que sobra e non se aproveita (orixinada posiblemente de re– e mais botar) . Unha última palabra que indica que o menor vive de restos é restebeiro, pois procede de resteba, variante fónica de restreba, “o que sobra das canas despois da sega” (do latín restipa ou do seu diminutivo restipula, de re– + stipa, 'esparto').
 

6

benxamín

O fillo decimoterceiro de Xacobe

O uso de benxamín para designar o menor dos fillos procede dun antropónimo bíblico. Segundo a tradición da Torah, Xacob, logo coñecido como Israel, xa tiña dez nenos e unha nena, cando a súa favorita Raquel lle deu dous fillos máis, Xosé e Benxamín, de onde xorde a identificación co fillo máis pequeno e querido.

 

Para entender o significado orixinal do nome en hebreo, cómpre distinguir os morfemas que o compoñen, ben que adoito os valores semánticos atribuídos aos antropónimos son bastante abertos e variables: benxamín derívase dun composto formado con ben, 'fillo' (como o bin árabe) e unha segunda parte con varias etimoloxías posibles, que podería significar tanto 'do lado correcto ou dereito’ coma 'dos meus días' (dando conta de que Raquel morreu ao dar a luz), ou en conxunto 'home espiritual'.

 

Na actualidade outro uso do termo benxamín alude ás categorías deportivas para preadolescentes entre os 8 e os 9 anos, xunto con infantil (12-14), cadete (14-16), xuvenil (16-18), júnior (18-20) e sénior.
 

7

saltaparaños

O fillo que se xestou derradeiro

A formación de saltaparaños parece transparente a partir da combinación de saltar e paraño, que é unha das pedras do forno, usada como protección para que as chamas non saian cara a fóra, como se comproba na expresión "saltar do paraño para a cinza", co sentido de pasar dunha situación mala a outra aínda peor. Paraño procede seguramente do adxectivo latino petraneu, derivado de petra, 'pedra', ou con menos probabilidade de parare, no sentido de ‘protexer’, ‘prepararse’ ou ‘frear’.

 

A da pedra do forno non é a única acepción deste substantivo, xa que tamén se emprega por extensión como nome para o feluxe do lume na cheminea, ou tamén para varios obxectos con diversas utilidades na cociña ou na casa: un aparador para gardar olas, un madeiro usado para manter o lume ou un asento ao carón da lareira ou dun lugar protexido da intemperie. E aínda se documentan outros significados máis distantes do étimo: paraño pode ser a herba que vai deixando o segador, unha terra de difícil cultivo, a terra con privilexios ou mesmo unha tea de araña. Esta grande amplitude semántica provoca que sexa case imposible establecer con certeza unha explicación de por que o fillo máis pequeno acaba sendo o saltaparaños, se ben o seu uso vén de vello pois está documentado desde fins do XVIII e aparece nos dicionarios con este significado xa no ano de creación da Academia, en 1906.
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!.

Cubre a enquisa aquí