Carlos Casares, o autor ourensán, un dos referentes célebres da nosa literatura na segunda metade do XX, foi o elixido para celebrar as Letras 2017. Por este motivo, as mencións e os traballos sobre a súa vida e obra multiplicáronse, sumándose e completando as moitas referencias que sobre el existían. Casares foi unha figura central do sistema cultural contemporáneo e non só como autor literario, senón tamén en calidade de colaborador na prensa diaria, axente cultural, editor, tradutor e representante político.
As primeiras palabras que falan sobre as persoas que escribiron son aquelas que elas mesmas utilizaron para crear as súas obras. Despois veñen as que lles dedican quen con elas compartiron vida, entendendo esta convivencia a través do trato persoal ou pola lectura atenta dos textos. Neste caso, decidimos partir das palabras recollidas en varios traballos sobre Casares, desde o máis recente, a biografía escrita polo profesor Monteagudo (Galaxia, 2017) ao libro de Rafael Laso Lorenzo, Carlos Casares, o amigo das palabras (Galaxia, 2013), obra de título especialmente suxestivo para nós, en que atopamos os testemuños de varias persoas –con distintos graos e tipos de relación con Casares– onde descubrimos palabras que se repetían significativamente nas lembranzas de todas elas (todas as citas entre comiñas en diante, proceden desta fonte). Quedamos con sete das máis pronunciadas, sete nomes en C –como as letras que forman as siglas do autor–, todos eles chave reveladora dun aspecto fundamental da personalidade de Casares. Deste xeito, xogando a facer unha brincadeira léxica e tirando rendemento dunha curiosa coincidencia, trazamos este Setestrelo. Agardamos que vos guste!
Todas imaxes incluídas neste Setestrelo proveñen da web da Fundación Carlos Casares a quen lle agradecemos o seu uso