Sete palabras con cambio de xénero

O xénero das palabras ten grande importancia xa que serve para agrupar milleiros de substantivos en dúas clases gramaticais: os masculinos e os femininos. É algo común que interiorizamos desde que aprendemos a falar, o que provoca que co paso do tempo, para aquelas persoas que non desen en ter un interese especial na filoloxía, sexa habitual crer que a inmensa maioría das palabras masculinas rematan en –o e as femininas en –a, pero as leis da gramática non son tan sinxelas.
Hai palabras que se escriben e pronuncian exactamente igual, as chamadas homónimas, pero que nalgúns casos pertencen a xéneros distintos. Tamén hai outras, as polisémicas, que teñen varios significados, dependendo en ocasións de se son masculinas ou femininas. A explicación hai que buscala na orixe da palabra ou na evolución dos seus usos ao longo da historia. É esta unha das razóns de que o xénero gramatical sirva, ademais de para clasificar, para diferenciar significados, isto é, como distinguidor léxico.

Neste Setestrelo, xuntamos catorce casos nos que unha palabra polisémica ou dúas palabras homónimas teñen usos e valores totalmente distintos dependendo só do seu xénero –nada que ver coa diferenza entre home/ muller, ou macho/femia, do sexo biolóxico–. Somos conscientes de que se lestes ata aquí e aínda pensades mirar os termos, estades preto de caer nas poutas da filoloxía, polo que deberiades lembrar aquel grupo de Facebook que se chamaba “É máis fácil saír da droga que do Ikea”. Facede vós a paráfrase.

1

cólera

Enfermidade infecciosa de orixe asiática caracterizada por vómitos, diarrea, cambras, fraqueza etc., que polo xeral se dá en epidemias e é moi grave. / Enfado moi violento acompañado dunha forte reacción agresiva.

Cólera é unha palabra polisémica, é dicir, non ten un único significado. Podemos dicir “o cólera estendeuse como unha epidemia na que morreron moitas persoas” e tamén falar da “coñecida cólera de Aquiles”. En ambos os dous casos, a palabra ten a súa orixe no latín cholera 'doenza proveniente da bile', e este  do grego kholéra 'doenza', que deriva de kholé ‘bile, fel’, do que conservamos cultismos no ámbito da medicina como o adxectivo colagogoa para referirse a aquilo “que aumenta e estimula a expulsión de bile”. Segundo a teoría médica antiga, dos líquidos corporais ou humores dependían os tipos de carácter. Concretamente, a bile amarela estaba asociada co temperamento colérico.

En grego e en latín, a palabra era feminina e o cambio de xénero explicaríase pola expresión cholera-morbus (latín científico), que en textos franceses do XIX aparecía como “cólera-morbo”, masculina, utilizándose desde ese momento a distinción para diferenciar a enfermidade do estado de ánimo.

2

alfa

Primeira letra do alfabeto grego (A, α). / Calor ou aire quente que produce sufocación.

As dúas palabras escríbense e pronúncianse igual, pero opóñense polo xénero e teñen significados e orixes distintas, polo que son palabras homónimas. Esta é a razón de que ocupen entradas independentes no Dicionario, numeradas cun superíndice.

Como nome da letra grega, o alfa é un substantivo masculino, o mesmo ca todos os nomes das letras na nosa lingua. A denominación resulta de transcribir os caracteres gregos con que se representa o nome desta grafía na lingua de orixe cos signos propios do noso alfabeto latino.

A outra alfa, a feminina, deriva do verbo arfar, que ten –ademais dunha acepción específica do léxico mariñeiro–, o sentido de “respirar con dificultade pola fatiga, a calor etc.” O verbo procede dunha forma do latín vulgar evolucionada a partir do clásico arefacere, que significaba orixinariamente ‘secar’ e chegou á acepción actual por evocación dos animais que respiran fatigosamente cando lles escasea a bebida.

3

veda

Prohibición de cazar ou pescar nun sitio ou época determinados / Período de tempo que dura a prohibición de cazar ou de pescar. / Cada un dos textos sagrados que constitúen o fundamento da tradición relixiosa da India e están escritos en sánscrito arcaico.

A veda feminina é o resultado de vedar, que provén do verbo latino vetare ‘prohibir’. Este verbo evolucionou na nosa lingua por dous camiños ben distintos: un máis popular e transformado, vedar, e outro máis conservador e culto que deu en vetar. Ambos comparten a ‘prohibición’ orixinal, pero os seus significados específicos non son coincidentes e por iso se empregan en contextos diferentes: dicimos que “xa comezou a veda da captura do polbo”, mentres que falamos do “dereito a veto que algúns países teñen na ONU”, onde o veto sería a prohibición de aplicar algún tipo de resolución ou mandato.

Por outra banda, o veda de xénero masculino refírese a cada un dos catro textos máis antigos da tradición manuscrita hindú, base da desaparecida relixión védica, antecesora da hinduísta. En sánscrito, a lingua da que se toma este termo, veda (vedá) significa literalmente ‘coñecemento’ e provén dun termo indoeuropeo *weid, ‘ver’, relacionado co latín video ‘ver’.

4

coma

Estado patolóxico caracterizado pola perda da consciencia, da sensibilidade e da mobilidade. / Signo ortográfico (,) con que se representa unha pequena pausa que se fai na lingua oral entre oracións, frases ou palabras, ou que separa os números decimais nunha cifra.

Unha persoa que está en coma atópase nun estado semellante a un sono profundo, que é precisamente o significado que tiña en grego a palabra kôma, –atos de onde procede o noso substantivo masculino, así como o adxectivo derivado comatosoa.

Porén, a palaba coma, substantivo feminino, chéganos do latín comma e este provén do grego kómmaatos ‘fragmento’, ‘parte breve dun discurso’, derivado do verbo kópto ‘cortar’.

Sinónimo de coma como signo ortográfico, temos o termo vírgula derivado do latín virgula, diminutivo de virga ‘vara’, que sería unha ‘variña, pequeno trazo ou liña’, aínda que o uso deste termo na nosa lingua está menos documentado nos textos.

5

soma

Parte máis alta que queda entre dous regos. Corpo, por oposición a psique. / Conxunto de células non reprodutoras dun organismo.

A soma substantivo feminino refírese sempre a unha elevación, xa que ese é o significado básico da forma latina da que procede, ben sexa esta o adxectivo summus, –a, –um, ‘o máis alto’, conservado na actualidade na forma culta do adxectivo sumoa, ben a forma substantivada en feminino summa,-ae, con varios significados posibles – por exemplo, 'a cousa máis alta; o apoxeo; a cantidade formada pola reunión ou adición das partes; a totalidade, o conxunto’– que é a base da nosa operación matemática suma.

Soma, substantivo masculino, é o xeito culto de denominar a parte física do ser humano, por oposición á compoñente psíquica. Procede do grego sôma, –atos, onde tiña o significado de ‘corpo’. A partir dela, temos outras palabras derivadas máis presentes na fala habitual como poden ser somático, somatización ou o adxectivo psicosomático, propio da terminoloxía médica para referirse a todos eses trastornos ou enfermidades que afectan o soma pero son de orixe psíquica.

6

sima

Cavidade natural e profunda no terreo./ Capa da codia terrestre situada debaixo do sial e constituída fundamentalmente por sílice e magnesio.

A palabra sima para denominar unha cavidade natural que se abre no chan ten unha orixe difícil de precisar e probablemente remota, xa que é posible que haxa que buscala nas linguas dos pobos anteriores á chegada dos romanos. Polo tipo de léxico ao que pertence, pode ser que os romanos a adoptasen das linguas indíxenas, pois era o que adoitaban facer coas palabras referidas ás realidades concretas máis presentes na vida cotiá dos pobos que conquistaban. Outra posibilidade é que sima evolucione a partir dunha forma idéntica existente no propio latín, co significado de ‘garganta estreita’.

O sima, substantivo masculino, ten relación coa xeoloxía e designa unha das capas da codia terrestre. Este termo é un bo exemplo da formación de palabras a través da lexicalización dunha sigla, debido ao seu uso xeneralizado. Neste caso, o nome fórmase pola combinación das primeiras silabas de sílice e magnesio (si+ma). Do mesmo xeito creouse a palabra sial que é outra capa da codia terrestre formada por silicio e aluminio.

7

radio

Forma abreviada de radiodifusión, radiotelefonía / Aparello para recibir emisións producidas por radiodifusión. Elemento químico metálico do grupo dos alcalinotérreos, moi radioactivo, de cor branca prateada. O seu símbolo é Ra.

Radiodifusión e radiotelefonía son substantivos femininos, razón pola que tamén ten este xénero a súa forma abreviada, radio, que empregamos máis frecuentemente, xa que as abreviacións léxicas orixínanse xeralmente na linguaxe coloquial e familiar, e cando acadan un éxito lingüístico suficiente dáse a súa lexicalización como substantivos comúns, impoñéndose sobre as formas plenas, como tamén é o caso de moto (motocicleta), tele (televisión) ou foto (fotografía).

A súa orixe hai que buscala no latín radiu, onde tiña múltiples significados, desde un instrumento de medición xeométrica ata o raio dunha circunferencia, un raio de luz ou tamén os ósos longos que sustentan as ás das aves así como un dos do brazo no ser humano. Cada unha destas acepcións está presente na lingua actual a través de distintas palabras nas que o radio funciona como elemento de composición, como radial ou radiografía, por citar dous exemplos.

Por outra banda, do verbo latino radiare, que para os romanos significaba ‘irradiar’, parte o nome con que a parella de científicos Marie e Pierre Curie bautizaron o elemento químico, radio (Ra), en 1898, pola razón de que era altamente radioactivo (rad-ioactif) xa que desprendía do seu núcleo raios alfa, beta e gamma en grandes cantidades.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir