Sete palabras con nome propio

Fragmento retocado de Pantaleón nunha representación da Commedia dell’arte. Cadro da escola flamenga do século XVI.

En todas as linguas podemos atopar unha manchea de voces que xorden do nome propio dun persoeiro que cede o seu apelativo para a creación dun termo común. Este tipo de vocábulos denomínanse epónimos, “personaxe que dá nome a un pobo, un lugar, unha época etc.”. Moitas son palabras utilizadas na linguaxe científica, como pasteurización (de Louis Pasteur) ou daltonismo (de John Dalton), pero os epónimos podemos atopalos en calquera ámbito: a salsa bechamel leva o nome de Louis de Béchameil, un financeiro francés afeccionado á gastronomía; a nicotina dos cigarros tamén foi nomeada en homenaxe a un galo, o embaixador Jean Nicot, quen elaborou un dos primeiros dicionarios da lingua francesa; e cando nalgures se fai un boicot, habería que lembrarse de Charles Cunningham Boycott, un administrador de terras británico que adquiriu sona por ser especialmente tirano cos seus empregados.

Buscar epónimos no Dicionario é unha forma entretida de aprender máis de léxico e de historia, e podemos levar sorpresas ao coñecer a orixe de termos moi asentados na lingua común. Neste Setestrelo, imos ver sete destes epónimos inesperados…

1

cesárea

Operación cirúrxica que se realiza practicando unha incisión no abdome e no útero para extraer o feto

Hai que dicir que a explicación máis coherente parece que o termo cesárea proceda do verbo latino caedere, ‘cortar’, ‘efectuar unha fisura’, vinculado á Lex regia, que logo pasaría a chamarse Lex Caesarea; nela ordenábase que, ante a morte dunha parturiente, se lle extraese a criatura para, no mellor dos casos, salvar a vida do bebé, ou cando menos poder soterrar nai e fillo por separado. O avance da cirurxía fixo o resto, de xeito que o vocábulo pasou de denominar ese corte primeiro para extraer os bebés das mortas a ser o nome dunha intervención feita a mulleres vivas, que hoxe en día permite acadar a supervivencia de nais e fillos, nunha alta porcentaxe de casos.

Con todo, existe unha explicación alternativa á historia da palabra cesárea, entendéndoa como epónimo ao poñela en relación co nome propio do emperador Xulio César, quen presuntamente nacera logo dunha intervención feita á súa nai Aurelia, no ano 100 a.C. No terreo puramente mitolóxico, dise que a primeira cesárea sería a que realizara Apolo para extraer o seu fillo Aesculapius do ventre da ninfa Coronis; os mesmos Buda e Brahma tampouco serían froito, parece ser, dun parto natural. O certo é que, malia este tipo de relatos cadraren ben cunha visión mitificada e divina do momento do nacemento, moi aquelada para dramatizar a orixe de emperadores e grandes personaxes históricos, parece improbable que na antigüidade, cuns medios moito máis limitados, puidese ninguén sobrevivir a un proceso semellante.

2

clementina

Variedade de mandarina moi doce, de cor laranxa escura e xeralmente sen pebidas

Conta a historia que o frade Clemente Rodier descubriu, entre as laranxeiras (Citrus sinensis) do seu viveiro, preto da cidade de Orán (Alxeria), unha diferente a todas as demais que daba un froito doce e do gusto da rapazada do orfanato, polo que se converteu desde entón nun alimento habitual. En honor do frade, púxoselle o nome ao froito: clementina (Citrus x clementina).

O nome propio do seu descubridor vén do latín clemens, -ntis, ‘clemente’, cognome romano, de alta difusión na época cristiá, e empregado por dezasete papas e varios santos. Deste étimo xurdiron, xa no romance, outras variantes: amais de Clemente e Clementina (versión feminina), temos Clemenzo e Crimenzo, que se conservan, aínda que escasamente, como topónimos.

A clementina é un híbrido entre mandarina e laranxa amarga. É estéril, non ten pebidas e ten unha monda delgada e doada de estonar.

3

linchamento

Acción e efecto de linchar

Dentro da terminoloxía criminal, os asasinatos que se cometen agochados no anonimato dunha multitude, van relacionados frecuentemente ao termo linchar, que tal como está definido no Dicionario da Academia consiste especificamente en “matar sen xuízo previo un sospeitoso”; a consecuencia é o linchamento e quen o perpetra chámase linchador. Dadas as características destes actos, son considerados fóra de lei e están penados.

Lingüisticamente, o termo procede do apelido Lynch, cunha orixe probablemente británica ou irlandesa, e sinálanse dous homes como posibles responsables do epónimo. Por unha banda, fálase do coronel Charles Lynch que durante a guerra de independencia dos EE.UU, ao redor de 1782, permitiu a execución dun grupo de políticos do partido conservador británico, sen xuízo. Porén, outros especialistas prefiren atribuírllo ao capitán William Lynch, quen en 1780 organizou un comité para manter a orde durante a revolución sen aterse necesariamente ao que se consideraba legal, o que posteriormente se coñeceu como lei de Lynch.

4

maniqueísmo

Toda doutrina ou actitude que opón de forma ríxida, e mesmo reducionista, os principios do ben e do mal

Maniqueo ou maniqueísta son os adxectivos con que se caracteriza o pensamento de quen explica a realidade baseándose en principios antagónicos e excluíntes, dentro dunha visión dualista do mundo e a sociedade.

Estes adxectivos xorden do substantivo maniqueísmo, que historicamente, foi o nome dunha doutrina relixiosa, xurdida no século III d.C., segundo a cal o Universo creárono dous principios antagónicos, o do Ben e o do Mal, que coexisten en permanente conflito. O seu inspirador e divulgador foi un profeta de orixe persa ao que se lle atribúe o nome de Mani ou Manes, a partir do cal se formaría na sociedade romana o termo manichaei -orum para chamarlles aos numerosos ‘herexes da seita de Mani’, e desde aí finalmente evolucionaría o sentido dos termos ata chegar ao que se lle dá na lingua moderna.

5

masoquismo

Comportamento de quen parece compracerse co sufrimento ou as situacións difíciles

É un termo que xorde no ámbito da psicoloxía, describindo unha parafilia ou perversión sexual na que o pracer vai unido co sufrimento, físico ou psíquico, experimentado polo propio individuo. Na lingua coloquial, o vocábulo popularizouse nun uso máis xeral, referido ao “comportamento de quen parece compracerse co sufrimento ou as situacións difíciles”, como se recolle na definición do Dicionario.

A súa orixe remóntase ao nome dun escritor do século XIX, Leopold von Sacher-Masoch, nacido na cidade de Lviv, que actualmente pertence a Ucraína. Foi na súa época un autor recoñecido tanto pola súa obra literaria coma pola súa produción xornalística. Valorábase tamén o respecto con que falaba das minorías étnicas, ao punto de que mesmo a comunidade xudía lle manifestaría o seu agradecemento. Mais tamén escribiu algunhas novelas, como A Venus das peles, nas que os personaxes mantiñan comportamentos sexuais que provocaron escándalo. Máis tarde, en 1886, o psiquiatra alemán Richard von Krafft-Ebing publicou a obra Psicopatía sexual na que, baseándose nos comportamentos descritos por Masoch, acuña o neoloxismo masoquismo. 

6

morfina

Alcaloide do opio, que ten propiedades analxésicas e somníferas

O cultivo mais o uso terapéutico do opio ou durmideira (Papaver somniferum) é coñecido desde a antigüidade –os sumerios chamábana a planta da felicidade–, pero o descubrimento da morfina atribúeselle a un farmacéutico alemán, Friedrich Sertürner, quen nos primeiros anos do XIX decidiu comercializala como analxésico e para o tratamento do alcoholismo.

Dise que Sertürner creou o nome da nova substancia baseándose no do deus grego Morfeo, o deus dos soños, por súa vez fillo de Hipnos, o deus do sono, por ter a morfina propiedades soporíferas, como indutora do sono. Sobre o nome propio do deus engadiu a terminación –ina, formación parella á que se observa en varios outros vocábulos deste ámbito como queratina, bilirrubina, vitamina etc. Con todo, o máis probable é que ás linguas romances chegase a través do francés morphine e non vía o alemán morphin.

7

pantalón

Peza de vestir cinguida ao corpo na cintura, que baixa ata os nocellos cubrindo cada perna por separado

Esta palabra toma a forma do nome propio dun dos personaxes da Commedia dell’arte, D. Pantaleón, estereotipo de vello veneciano, cobizoso e namoradeiro, de nariz ganchudo e queixo bicudo que se vestía, á moda da súa cidade, con calzas longas. Por outra parte, a onomástica deste personaxe débese a que os veciños de Venecia, naquela altura, eran chamados os pantaleóns ou pantaloni porque o patrón da cidade era San Pantaleón, mártir de Nicomedia (Turquía). Del dise que foi quen de perdoar os seus verdugos e de aí o seu nome, xa que en grego panta- significaba ‘todo’ mentres que eleémon se usaba co sentido de ‘compaixón’.

A moda de cubrir o corpo da cintura ata os pés cunha peza de roupa  individualizando cada perna é relativamente recente, da época da Revolución Francesa: os revolucionarios, os sans culottes, vestían pantalóns en tanto que as clases distinguidas e acomodadas empregaban os culottes, unha especie de calzóns que ían do van aos xeonllos. A nova vestimenta popularizouse entre os homes europeos, e paulatinamente, ao longo do século XX, tamén entre as mulleres.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir