Sete palabras “con patas”

Atopamos palabras no Dicionario que parece que van botar a andar e saír “por patas”, mais non convén quedar coa primeira impresión. O que hai agochado na terminación –pata(s) é en orixe un substantivo grego, páthos, que significaba ‘padecemento’, ‘sentimento’ ou ‘enfermidade’. Na terminoloxía médica actual, herdada da nomenclatura creada no século XIX, o sufixo toma o significado de ‘o que padece de’, porén, en casos contados adopta, a maiores, outra acepción, referida ao ‘profesional dunha actividade médica’. Ás veces, a terminación –pata aparece acompañada do sufixo –ía, e o conxunto resultante indica “que se padece unha doenza”; é o que expresan miopatía (doenza muscular) ou gastropatía (doenza dixestiva).

Tamén quedou soterrado o vocábulo grego en palabras como patoloxía “estudo das enfermidades e dos trastornos que orixinan” ou patóxeno “que produce enfermidade”, adoptando nestes casos a forma de prefixo. Gardan certo parentesco palabras como simpatía, empatía ou apatía, xa que a súa orixe se remonta ao latín pati e este ao grego pathein ‘sufrir’, ‘experimentar’. Sobre destas “patas” vai o Setestrelo seguinte, a ver se non resulta moi patético…

1

cardiópata

Persoa afectada de enfermidade cardíaca

Na lingua do día a día é habitual empregar frases do tipo padecer do corazón, estar enfermo/a do corazón ou estar mal do corazón. Todas elas son a forma non especializada de referirse ás doenzas relacionadas con este músculo. Mentres que o nome do corazón é unha palabra patrimonial, presente no idioma desde a alta Idade Media, e nacida no latín vulgar *coratine(m) que literalmente significaba ‘gran corazón’ grazas ao sufixo aumentativo, a partir do clásico cor, cordis ‘corazón’ do que derivan os termos do italiano cuore, do francés coeur ou do catalán cor.

Porén os termos médicos relacionados co corazón son neoloxismos do XIX que se constrúen sobre o equivalente do grego cardia, onde representaba a víscera pero tamén como a sede do valor. Deste xeito temos cardiopatía, ‘enfermidade do corazón’, en relación co anterior unha persoa cardiópata é aquela afectada dunha cardiopatía, sendo un termo propio da linguaxe técnica dos médicos de uso reducido fóra da literatura médica. Na lingua común atopamos un sinónimo bastante máis habitual que é o adxectivo: cardíaco.

2

homeópata

Médico que se dedica á práctica da homeopatía

Curar a enfermidade aproveitando o mesmo que a provoca é un principio que sosteñen algunhas prácticas médicas, e é tamén a expresión abreviada do fundamento da homeopatía, un sistema terapéutico que xorde no século XVIII en Alemaña, difundido na obra Organón de Samuel Hahnemann, onde se argumenta que unha substancia activa que provoca síntomas patolóxicos na persoa sa pode aplicarse na enferma en doses mínimas para tratar a doenza, empregando asemade substancias minerais, orgánicas e vexetais que potencien o sistema inmunolóxico.

Homeópata e homeopatía, en alemán homöopath e homöopathie, nacen a proposta do devandito médico saxón, quen idea as dúas palabras facendo unha sorte de xogo lingüístico: Hahnemann recolle a forma grega homoios, que significa ‘semellante’ ou ‘da mesma clase’, e xúntaa con páthos ou patheia.

A homeopatía non está considerada unha práctica médica científica, chegando a Organización Mundial da Saúde a afirmar que “non cura nada” e algún organismo internacional a cualificala de “fraude de dimensións planetarias, consentida ou non regulada polos gobernos”; os remedios que receitan son vistos por algúns expertos como placebos que deberían os seus posibles efectos curativos á suxestión.

3

osteópata

1. Que padece algunha doenza dos ósos / 2. Persoa que utiliza o método terapéutico da osteopatía

Esta palabra procede do grego e nesa lingua, ostéon, oûn significa ‘óso’, valor co que aparece en múltiples compostos cultos que aluden a esta parte da anatomía: osteoporose “redución da densidade do tecido óseo”, osteíte “inflamación dun óso” ou osteoplastia “operación de cirurxía plástica feita nun óso”. A partir de aí, créase o termo que designa as persoas que padecen algún tipo de enfermidade dos ósos ou o profesional que se dedica á osteopatía, o “método terapéutico que se basea fundamentalmente na utilización das mans para tratar trastornos da estrutura corporal”.

Dentro da terminoloxía médica, osteopatía é un neoloxismo creado no século XIX polo doutor estadounidense Andrew Taylor Still, quen desenganado polos efectos secundarios dos medicamentos tradicionais optou polas técnicas manuais, partindo da idea de que o propio organismo ten certa capacidade de auto-curarse. Canda o nome da disciplina xorde o do profesional que a practica, osteópata, e ambas as formas asumen tamén o significado da enfermidade e o enfermo, respectivamente.
Non podemos considerar os osteópatas como médicos, nin a osteopatía como medicina científica, se ben a súa actividade profesional está regulada de xeito detallado en diversos países da nosa contorna.

4

psicópata

Persoa que padece un trastorno da personalidade que se manifesta fundamentalmente polo seu comportamento antisocial

No século XIX, a terminoloxía científica en xeral e a médica en particular tivo o seu gran período de desenvolvemento e foi a época en que se orixinou esta palabra. Na súa aparencia, psicópata está moi próxima da lingua grega de onde se toman os termos que a compoñen, como acontece adoito cos cultismos. En grego, psic– podía equivaler a ‘mente’ ou ‘alma’, polo que o sentido etimolóxico alude a un trastorno mental,  o mesmo que outros termos co mesmo prefixo como psicose ou psicótico.

Tendo en conta os trazos que describen a conduta do psicópata, pódese considerar sinónimo o termo sociópata –resultado dunha construción semellante, mais neste caso partindo do latín socius -a -um– que sería aquel que padece de sociopatía, o “trastorno de conduta caracterizado polo desprezo das normas sociais”. E tamén entender como un eufemismo para agochar esta realidade a frase: individuo con personalidade antisocial.

5

neurópata

Que padece enfermidade do sistema nervioso ou que sofre neurose

Este adxectivo pode empregarse para describir a persoa que padece unha neuropatía –disfunción ou patoloxía que afecta o sistema nervioso central–, mais tamén para quen sofre unha neurose –trastorno emocional por mor de conflitos non resoltos onde o paciente é consciente do seu estado–, que garda relación co uso na lingua coloquial da palabra neura “alteración nerviosa, obsesión, manía”, en frases do tipo “aquel é un neura” ou “non te poñas neura”.

Toda esta nomenclatura científica xorde de raíces de orixe grega: en concreto, neur(o)- procede do termo neûron, -ou, que significaba ‘nervio’ ou ‘fibra’, ao que se lle engaden as terminacións correspondentes para crear neuropatía, neurópata ou neurose –onde o sufixo achega o sentido de ‘proceso patolóxico’– considerada un trastorno polos especialistas, xa que é unha enfermidade dos nervios pero sen lesións físicas evidentes.

6

frenópata

Enfermo mental

Os tolos, loucos ou dementes tamén son coñecidos como frenópatas e ata hai ben pouco eran encerrados en manicomios que nalgún tempo se denominaron frenopáticos, un termo que hoxe percibimos como anticuado e non apropiado.

En grego clásico phrén, -ós significaba ‘diafragma, tecido que envolve un órgano’ e por extensión acabou indicando ‘pensamento’, ‘intelixencia’, de aí que o prefixo freno– actual teña dúas posibles significacións, a “mental” en frenópata ou frenopatía e a de “diafragma” en frénico, como sinónimo de diafragmático, ou frenite ‘enfermidade do diafragma’.

Inda que o máis habitual nos manuais é atopar frenópata como enfermo, cómpre indicar que o vocábulo tamén pode aparecer usado inadecuadamente coa acepción de ‘profesional da psiquiatría’, por influencia doutras linguas, en lugar de psiquiatra, que é o termo recomendado.

7

telépata

Dise da persoa capaz de comunicarse por telepatía

Ao parecer, a primeira vez que se empregou o termo telepatía foi no ano 1886, na obra Phantasms Of The Livings (As pantasmas dos vivos), escrita polo británico Frederic Myers, un dos fundadores da Society for Psychical Research (SPR), entidade que naceu coa pretensión de investigar os fenómenos espirituais dun modo racional e ecuánime. Daquela o que temos é unha adaptación ao galego do anglicismo telepathy, que Myers creou á par de telaesthesia.

No Dicionario, a telepatía aparece descrita como a “comunicación directa de pensamentos e sensacións, entre dúas ou máis persoas, sen intervención dos sentidos”, e na súa familia léxica atópanse tamén telépata e telepático, “relativo ou pertencente á telepatía”. Este grupo de palabras foi creado por combinación do prefixo tele-, procedente do adverbio grego clásico téle, ’de lonxe’ ou ‘ao lonxe’, e mais a terminación -patía, derivada da palabra patheia ‘sentimento’. O sentido etimolóxico sería daquela ‘sensacións desde lonxe’, e desde aí derivou ao significado que hoxe recolle o Dicionario.

Cómpre indicar que a comunidade científica non admite como probatorio da existencia desta comunicación os diversos experimentos presentados, entendendo que as coincidencias atopadas son máis froito da casualidade ou do profundo coñecemento entre persoas que non das habilidades particulares destas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir