Sete palabras da informática

Unha das áreas que máis neoloxismos leva xerado nas últimas décadas é a relacionada cos computadores. A innovación continua nas máquinas, no software e nos sistemas de comunicación electrónica foi facendo necesario bautizar novos dispositivos, novas accións e novas ideacións. E foi aparecendo léxico que case sempre ten a súa orixe en expresións do inglés, lingua franca do mundo da informática.

 

En todo o mundo temos que ir adaptando esta nova terminoloxía ás nosas linguas. Algunhas veces resolvemos con solucións propias e outras adoptando as foráneas ou con adaptacións que permitan expresar conceptos que non hai moito nin imaxinabamos.

Se apaixonante é estar ao día na innovación tecnolóxica, non o é menos na léxica, mais é ben saber que os dicionarios teñen tempos distintos aos do día a día, xa que a innovación implica caducidade tanto na tecnoloxía coma nas palabras que a expresan. Hoxe propoñemos sete voces consolidadas e ben comúns introducidas non hai moito no noso Dicionario.
 

 

1

barra de desprazamento

Control gráfico que permite moverse horizontal ou verticalmente polo contido dunha xanela dunha aplicación ou sistema informático

A barra de desprazamento é un elemento que forma parte do que se denomina interface gráfica de usuarios (GUI). A voz resulta da adaptación da palabra inglesa scrollbar, composta polo verbo scroll que significa ‘moverse cara a arriba, abaixo, ou a través da pantalla para mostrar o texto ou os gráficos que aparecen nela’ e mais bar ‘barra’, pola forma de rectángulo alongado que adoita ter este elemento.
 

Entre outros compoñentes, na interface gráfica podemos atopar a barra de ferramentas, que resulta dun proceso de adaptación semellante a partir do inglés toolbar, o cursor, que nos leva polas iconas da pantalla e indica a posición de escritura nun documento, ou o separador (tab), que nos permite acceder a múltiples documentos, directorios ou localizacións sen necesidade de cambiar de ventá.

 

2

báner

Recadro publicitario nunha web, que xeralmente permite acceder a páxinas do anunciante ao premer sobre el

Boa parte do modelo de negocio de Internet baséase na publicidade, e un dos formatos máis comúns é o dos báners. De feito un báner publicado no ano oitenta do século pasado pasa por ser o primeiro anuncio na Rede.

 

O termo é un anglicismo adaptado do orixinal banner, unha ‘bandeira ou pancarta publicitaria’, que pasou a designar eses anuncios en forma de recadros ou pequenas xanelas que polo xeral, ao lles facer unha prema, lévannos á web dos anunciantes ou a un seu espazo preparado ao efecto.

 

3

charla / leria

Comunicación escrita simultánea entre diversas persoas a través de Internet

A comunicación case inmediata é un dos cambios revolucionarios que leva consigo Internet. Primeiro só a través de texto, logo nas charlas en liña e agora vendo incluso os nosos interlocutores nunha videoconferencia ou videochamada.
 

Nas salas de lerias, nas aplicacións de diversas redes sociais ou a través da mensaxería instantánea non se para de charlar ou leriar con outra xente conectada. Ambos os dous verbos recollen perfectamente o significado do inglés to chat, que orixinariamente se definía como ‘ter unha conversa lixeira e nun ton familiar ou informal’ pasando logo a ter o significado actual no mundo da comunicación dixital. O anglicismo resulta, pois, innecesario.
 

 

4

tableta

Computador persoal de man co que se interactúa por medio dunha pantalla táctil

O termo tableta adaptámolo do inglés tablet ou tablet computer, e pasou a ter este contido semántico por evolución dun significado primario de ‘lousa ou prancha de pedra ou outro material que se emprega para escribir sobre ela’. Procedería do francés tablette e este á súa vez do latín medieval tabuleta, diminutivo do tabula latino.

 

A evolución das capacidades do hardware, así como os avances na súa produción, foron parellos ao desenvolvemento do software que permite que usemos as tabletas, unha especie de pequenos computadores con pantalla táctil que non necesitan dun teclado externo nin dun rato.

Un dos primeiros deseños que se asemellaría ao que son na actualidade as tabletas sería o Dynabook, que o seu creador denominaba ‘ordenador para nenos’.

 

5

chave electrónica

Dispositivo electrónico que xera códigos e contrasinais que permiten identificar un usuario

Un servizo común que utilizamos os internautas é a banca electrónica. Os bancos procuran ofrecer cada día sistemas e software máis seguros para que poidamos realizar as nosas operacións con tranquilidade. Para iso deseñáronse dispositivos como a chave electrónica, que permite ter un sistema persoal de códigos de acceso de xeito que sexa case imposible que alguén interfira nas nosas contas bancarias.

 

Esta denominación adaptámola do inglés security token que é un dispositivo usado para que os usuarios autorizados dun servizo electrónico teñan un sistema doado e seguro de autenticación. Estas chaves electrónicas xeran contrasinais dinámicos OTP (One Time Password). Como normalmente o seu tamaño é pequeno, pódense meter comodamente no peto ou na carteira e o seu deseño permite levalos nun chaveiro, de aí a denominación.

 

6

parche

Ficheiro executable que contén modificacións dun programa informático, principalmente para depurar fallos, engadirlle funcionalidades, mellorar a súa seguridade, incorporar unha tradución ou actualizalo

É unha palabra do léxico común empregada como un aquel que permite ‘amañar ou reparar algo’ e sobre este significado engadiuse unha acepción especializada para o ámbito da informática. O vocábulo procede etimoloxicamente do francés antigo parche ou parge, ‘badana, coiro’ e este do latín Parthica (pellis), ‘coiro de Partia’, ou ‘coiro usado polos partos’, un antigo pobo que habitaba o territorio do actual Irán. O novo significado procede da palabra equivalente no inglés patch, que é unha `peza de software que permite actualizar un programa, depurar os seus fallos ou melloralo’.

 

Cando os parches que un programa ou sistema operativo necesitan forman un considerable número de arquivos para instalar coñecémolos por actualizacións, adaptando o termo inglés updates.

7

web

Conxunto de información de dimensión global baseada nun sistema de ligazón de recursos, utilidades e contidos que se soporta na estrutura física de Internet / Sitio web / Páxina web

Web é unha palabra inglesa que se instaurou nas nosas comunicacións como un estranxeirismo imprescindible. Na lingua de orixe ten un primeiro significado de ‘rede, malla, arañeira’, en xeral de algo tecido ou relacionado con fíos e conexións máis ou menos complexas.
 

O Dicionario dinos que é un substantivo feminino e que se escribe con maiúscula inicial cando é sinónimo de Rede ou Internet. Así no lugar de dicir, "Vou consultar uns datos en Internet" podemos atopar exemplos como "Atopei a información que buscaba na Web". Ademais desta, ten outras dúas acepcións moi habituais: sitio web, tradución do inglés website, que fai referencia ao “conxunto de documentos informáticos publicados baixo un mesmo dominio e subdominio por unha empresa, organización ou particular”. Outra acepción é a de páxina web, tradución do inglés web page, que na linguaxe habitual  se denomina de tres formas diferentes: web, páxina ou páxina web.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir