Sete palabras das Irmandades da Fala

Os Cantares gallegos de Rosalía, no ano 1863, marcan o inicio do Rexurdimento e a constitución das Irmandades da Fala, en maio de 1916, significa a consolidación da recuperación literaria do noso idioma iniciada no XIX, ben que –aínda que o nome nos poida levar a engano– a lingua non constituíu a súa única contribución á nosa historia.

O 18 de maio de 1916, atendendo a chamada dos irmáns Villar Ponte, un grupo de destacados persoeiros reúnese nos locais da Real Academia Galega na Coruña e constitúe a Irmandade de Amigos da Fala. En pouco tempo, a iniciativa espállase por todo o territorio, de xeito que a finais dese ano xa existían media ducia e chegou a haber case trinta, repartidas en cidades e vilas.

As Irmandades perseguen rexenerar o país por completo, e entre os seus obxectivos iniciais, alén da lingua e a cultura, fomentarán o coñecemento do pasado e do presente de Galicia, pretenderán a descentralización política, a igualdade de dereitos da muller, o recoñecemento da personalidade xurídica das parroquias, a desaparición das deputacións ou a soberanía estética da nación galega, entre outras cuestións.

Consideraban básico o plano cultural porque do seu desenvolvemento fan depender a existencia mesma de Galicia como nación –eles definen o galeguismo como nacionalista– e, nese sentido, foron tantas e tan importantes as iniciativas emprendidas que supuxeron un pulo sen precedentes en cuestións como a diversificación da expresión literaria ou a normalización do idioma.

Coa fundación, en 1931, do Partido Galeguista, dáse por rematada a etapa das Irmandades, que supuxo o proxecto colectivo máis frutífero e proveitoso da nosa historia.

Cando os que agora vivimos xa non existamos, os galegos e as galegas de entón seguirán lembrando e recoñecendo estes homes e mulleres que, por mereceren, merecen máis de mil ou cen mil palabras. Pero, irmás e irmáns, como á sección lle chamamos Setestrelo, aquí van as nosas sete.

1

irmandade

Asociación de persoas que teñen os mesmos ideais, a mesma crenza en determinada materia, fundamentalmente de tipo relixioso

Irmandade deriva de irmán e de irmáns tratábanse os galeguistas do momento. Ademais, a posta en marcha desta iniciativa foi o resultado das inquietudes dos irmáns Villar Ponte, quen constituíron un tándem que colaborou intensa e dilatadamente, por riba das diferenzas ideolóxicas, que tamén había entre deles. Non se sabe certo se a idea foi de Antón ou de Ramón porque cada un deles quixo outorgarlle o mérito ao outro. En calquera caso, quen ocupou a presidencia desa primeira asociación foi o máis vello, Antón, e tamén quen tivo unha maior proxección e relevancia públicas.

Levaban ao pé de dous anos madurando a idea, analizando a lamentable situación, tanto de Galicia coma do seu idioma. Mentres noutros lugares os nacionalismos estaban en auxe, Galicia seguía sumida no caciquismo e o atraso, reducida a un papel marxinal dentro do Estado. E para que os galegos superasen o sentimento de inferioridade e defendesen os intereses da súa terra, cumpría, antes de nada, a reivindicación da propia personalidade, que debía comezar pola lingua e a cultura de noso.

Comezaron preparando o terreo cunha campaña de propaganda na prensa, que tivo especial acollida entre o grupo dos rexionalistas liberais da Coruña (Lugrís Freire, Carré Aldao, Vaamonde Lores, entre outros), quen acudiron á primeira xuntanza do que se bautizou como “Os amigos da Fala Gallega”, aínda que logo mudou o nome tomando o que sería coñecido para a posteridade, Irmandade.

Como diciamos, é un substantivo derivado de irmán, voz procedente do latín germanus, redución da expresión frater germanus coa que se denominaba a persoa que era irmán por parte de nai e de pai. Realmente o significado de ‘irmán’ correspondíalle ao substantivo frater, mentres que germanus engadía o sentido de ‘auténtico’ ou ‘verdadeiro’, pero mentres noutras áreas da Romania perduraron descendentes de frater, en galego e nas demais linguas peninsulares este parentesco pasou a denominarse con formas procedentes de germanus.

2

asemblea

Reunión de persoas que pertencen a un mesmo grupo ou asociación para tratar sobre asuntos determinados

O exemplo dos irmáns Villar Ponte callou axiña en distintos puntos de Galicia, de xeito que aos dez días da xuntanza da Coruña xa pronunciaba Lois Porteiro o discurso inaugural da Irmandade de Santiago. Antes de que remate o ano xorden outras catro e a finais de 1918 chegan a sumar case a trintena dentro de Galicia e tres máis fóra de aquí, aínda que o número exacto é complicado de fixar. Nacen como organismos autónomos e non contan cunha dirección ou con órganos compartidos, de xeito que a primeira e transcendental xuntanza entre todas é a Asemblea de Lugo.

A palabra asemblea tomouse do francés assemblée, participio do verbo assembler ‘xuntar’, sentido básico que se mantén, aínda que para nós as persoas que acoden a unha asemblea teñen cousas en común como a pertenza a un grupo ou asociación. E cando as decisións se someten á asemblea falamos dun funcionamento asembleario ou de asemblearismo.

As asembleas convocadas polas Irmandades foron sete. Na de Lugo, aprobouse o Manifesto que supuxo a adopción do nacionalismo como identidade política. Tamén recolleu reivindicacións como a autonomía integral para Galicia, a cooficialidade do galego e o castelán ou o dereito foral galego. Na segunda das asembleas, quedou patente a división interna que chegaría ao nivel de ruptura definitiva na cuarta, celebrada en 1922.

Aínda houbo outras tres convocatorias de asemblea máis ata que na VII Asemblea, de 1931, se acordou crear un partido político e disolver as Irmandades. A da Coruña seguiría existindo ata o 36, pero o punto final na existencia das Irmandades considérase que o pon a Asemblea de Pontevedra coa fundación do Partido Galeguista.

3

nacionalismo

Doutrina política que, no caso das nacións sen estado, defende a liberdade da comunidade nacional na decisión da forma política que quere adoptar para si

O nacionalismo propiamente dito comeza coas Irmandades, en concreto na Asemblea de Lugo –a asemblea nacionalista polo título do Manifesto alí aprobado–. Como paso previo e introdutorio á enumeración das reivindicacións establécese que, dado que Galicia conta con todas as características esenciais da nacionalidade e o rexionalismo non dá resposta a todas as súas aspiracións, os alí reunidos defínense, de maneira rotunda e definitiva, como nacionalistas galegos. Coa sinatura do Manifesto, quedou consagrado o nacionalismo como identidade política das Irmandades.

Realmente as manifestacións nacionalistas xa comezaran con anterioridade, pois, mesmo antes da constitución da Irmandade da Coruña, Antón Villar Ponte publicara o folleto Nacionalismo gallego. Nuestra ‘afirmación’ regional, no que compila artigos seus aparecidos na prensa onde incide na preocupante situación do idioma e na necesidade da súa defensa e promoción como cuestión previa indispensable para lograr melloras de carácter económico ou político.

Os movementos galeguistas iniciáranse no XIX e foron mudando a súa denominación ao tempo que ampliaban os seus horizontes reivindicativos. Comezaron co provincialismo, que se opoñía á división administrativa de Galicia en catro provincias en lugar de unha soa, como fora ata daquela. Deu paso ao rexionalismo, dentro do cal se distinguían tres correntes, que coincidían na súa concepción de Galicia como rexión con dereito a un funcionamento autónomo dentro do Estado. O galeguismo nacionalista recolle e leva máis lonxe as súas posturas.

Para denominar a ideoloxía básica das Irmandades, Antón Villar Ponte considerábase o primeiro que utilizara o termo nacionalismo, palabra que para Cabanillas estoupa coma os foguetes. Trátase dun termo derivado de nación, concepto básico deste ideario, emparentado con formas como nacemento ou nacenza, todas elas procedentes do verbo latino correspondente a nacer, nasci. E aínda que Villar Ponte fose o primeiro en adoptar o termo e quen publicou a Doctrina nazonalista, o autor da Teoría do nacionalismo galego e quen pasa por ser o seu principal ideólogo foi outro intelectual das Irmandades, Vicente Risco.

4

normalización (lingüística)

Proceso levado a cabo nunha comunidade lingüística para promover o uso e igualdade funcional da súa lingua con respecto a outra coa que está en contacto

Enténdese por normalización o proceso que emprende unha comunidade lingüística –que conta cunha lingua propia, pero situada nun plano de inferioridade con relación a outra– co obxectivo de crear as condicións necesarias para que o seu medio de expresión acceda a ámbitos de uso nos que non estaba presente, é dicir, que pase a ter unha situación normal. Como se ve, normalización deriva de normal, adxectivo que partiu dunha forma do latín tardío normalis, inicialmente aplicado só á xeometría, xa que se refería a aquilo feito coa norma (escuadro de carpinteiro), que evolucionou ata adquirir o sentido co que hoxe en día o aplicamos.

“Toda a nosa personalidade está na nosa lingua”, di A. Villar Ponte, e desde logo os logros das Irmandades con relación á dignificación e normalización da lingua foron meritorios. A actividade das Irmandades incrementou considerablemente a conciencia sobre a importancia do cultivo e da defensa do idioma.

Polo que respecta ao ámbito literario, amplíanse tanto as temáticas coma os xéneros cultivados e para  facelo chegar ao público, empréndense iniciativas como a creación de editoriais ou a fundación de compañías de teatro de afeccionados. Pero, ademais, a lingua faise presente en novos ámbitos como a política, as publicacións científicas, a Igrexa ou a prensa, onde vai estar presente especialmente nas páxinas do boletín A Nosa Terra, voceiro da Irmandade da Coruña, que se redacta integramente en galego.

Tamén se intentou avanzar no eido da estandarización e creación dun rexistro culto con traballos como as gramáticas de Carré e Lugrís Freire, o dicionario de Carré Alvarellos ou o vocabulario de Mosteiro. E non foron poucas as iniciativas con relación ao ensino.

5

afirmación

Acción e efecto de afirmar ou afirmarse

Defendía A. Villar Ponte que a lingua era o eixe central das súas actuacións políticas, porque a entendía como o camiño de ouro da redención e do progreso como pobo, mentres que, sen ela, a conciencia deste desaparecería. Esta é unha idea recorrente nos seus artigos, onde se refire ao idioma como a mellor arma, o escudo da personalidade colectiva ou o elemento esencial da formación do home, de xeito que a morte da lingua supoñería a morte do pobo, polo que as súas propostas, coma as das Irmandades, ían na liña de avanzar no proxecto de afirmación colectiva a través da lingua.

Nos artigos da prensa que trataron de orientar a opinión pública neste sentido insístese na idea e mesmo se recolle no título do folleto de A. Villar Ponte Nacionalismo gallego. Nuestra ‘afirmación’ regional. Retomando o tema, o outro teórico destacado do nacionalismo, Risco, definiu esta ideoloxía como o esforzo de afirmación vital dun pobo que non quere morrer.

Segundo a psicoloxía, a afirmación consiste na delimitación e fortalecemento da personalidade fronte a outras ou fronte ao medio no que nos atopamos, proceso propio da adolescencia, que se manifesta habitualmente en condutas de oposición. E para designar este concepto, tomamos a voz afirmación, derivada de firme, procedente do latín vulgar firmis, que se asociaba coa idea de ‘sólido’ ou ‘forte’.

Esta proposta de afirmación nacional non foi allea ao momento que se estaba a vivir no contexto europeo, onde xurdían no mapa nacións que ata daquela formaran parte doutros estados e tivo moi presente tamén o que ocorría ao outro lado da Península. O logro das Irmandades neste sentido, foi, segundo Castelao, o de iniciar o novo ciclo de reafirmación galega.

6

federalismo

Sistema de goberno dunha federación, caracterizado pola independencia de cada estado en materia lexislativa, xurídica e administrativa, e pola dependencia dun poder central en canto á política internacional ou de defensa

Os republicanos federalistas constan como un dos colectivos que entraron desde un principio a formar parte das Irmandades porque, aínda que de escasa entidade, en Galicia tamén houbera un movemento federalista na época da Primeira República cando proliferaron os cantóns, que tiveron vida efémera e non deixaron unha pegada fonda entre nós.

Non obstante, a influencia federalista era intensa entre os irmáns Villar Ponte, admiradores dun teórico importante deste movemento, Pi i Margall, e estivo desde un principio entre as bases ideolóxicas das Irmandades, que retoman a proposta rexionalista de Brañas transformándoa segundo estes postulados. Así, no Manifesto de Lugo, que senta os principios do nacionalismo, recóllese a aspiración a unha federación da Iberia, na que se pretende que entre tamén Portugal.

Pode que a denominación deste sistema ou teoría política nos chegase a través do francés, pero, en calquera caso, está formado a partir de federal e na base desta familia de palabras está o substantivo latino foedus, -eris, que tiña o significado de ‘pacto’ ou ‘alianza’. Aínda que aplicamos federalismo principalmente para a organización dun estado como a que presentan, por exemplo, Alemaña ou os Estados Unidos, tamén se utiliza referido a organizacións como partidos políticos ou sindicatos cando cada un dos organismos asociados conserva certa liberdade ou poder. A diferenza con outro concepto próximo, a confederación, radica en que neste caso están moito máis limitadas as atribucións do poder central.

A aspiración do federalismo vai ser asumida pola organización política xurdida das Irmandades, o Partido Galeguista, que defendía unha federación ou confederación das nacións ibéricas.

7

soberanía estética

Soberanía: Calidade de soberano, de quen ten a autoridade suprema / Estética: Ciencia que trata da beleza e da arte

Se en datas relativamente recentes se alzaron voces pedindo que as construcións galegas se fixesen con certo criterio para evitar as continuas deturpacións urbanísticas, xa a principios do século XX clamaron as Irmandades por que en Galicia se proclamase a soberanía estética, á que se dedica o punto VII do Manifesto de Lugo.

A palabra soberanía deriva de soberano, tomado do latín superanus, que nos leva, tirando do fío, ata a forma latina super ou supra ‘enriba’. Isto xa nos orienta en canto ao significado, pois non hai autoridade que se sitúe por riba de quen exerce o poder soberano.

Como parte da soberanía completa e sen cativezas que ambicionan os asinantes do Manifesto, recóllese como último punto a consideración dos aspectos artísticos o cal, atendendo á súa idea da cultura como base obxectiva da nación, non era, nin moito menos, un tema menor. As liñas de actuación propostas afectarían a arquitectura, tanto no medio rural coma no urbano, a protección de monumentos e da paisaxe e, no ámbito educativo, a creación dunha escola musical galega.

Coma noutras reivindicacións das Irmandades, tiveron que pasar moitos anos para que fosen atendidas e con menor extensión da que se reclamaba daquela. Evidentemente, a delonga non fixo máis que contribuír á deterioración da estética que pretendían salvagardar. Polo momento non foi posible, tal como reclamaban, unha Galicia dona absoluta de si mesma.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!.

Cubre a enquisa aquí