Sete palabras de Antonio Fraguas

A biografía de Antonio Fraguas (1905-1999) é un percorrido por boa parte da historia galega do século XX. O protagonista do Día das Letras Galegas de 2019 participou nas principais iniciativas galeguistas do primeiro terzo do século, desde as Irmandades da Fala ao Seminario de Estudos Galegos, e dedicouse desde moi novo á recollida das expresións culturais que comezaban a esmorecer nuns tempos de cambios profundos. Fíxoo como investigador incansable, interesado en temas tan diversos como as lendas e crenzas, as festas e romarías, o culto aos mortos, os xogos ou a arquitectura tradicionais. Pero don Antonio soubo ademais transmitir a paixón pola preservación do tesouro que é a cultura popular como mestre comprometido co seu alumnado e como unha das persoas fundamentais na posta en marcha do Museo do Pobo Galego.
Mergullámonos no seu universo vital e intelectual a través de sete palabras que tenden pontes entre os principais espazos da traxectoria do último galeguista histórico.

1

aldea

Núcleo pequeno de poboación, de carácter rural e con poucos veciños.

Antonio Fraguas naceu o 28 de decembro en Insuela, unha aldea da parroquia de Loureiro, en Cotobade (Pontevedra). Alí medrou xunto á súa nai, Teresa, e mamá Antonia, unha muller analfabeta da que aprendeu algunhas das cousas máis importantes da vida. Foi fillo de nai solteira ata que aos seis anos o seu pai, canteiro de profesión, regresou da emigración en Brasil coa idea de volver alá para lle dar ao rapaz un futuro como maquinista de trens. O destino do pequeno cambiaría grazas a un profesor que soubo ver nel a súa capacidade para o estudo, e foi así como xa adolescente chegaría ao Instituto de Pontevedra para estudar o bacharelato.

Antonio Fraguas, con traxe claro, á saída da misa do domingo de Ramos en Loureiro (1913). Foto de J. Pintos cortesía de Manuel Méndez

Naqueles anos 20 do século pasado eran poucos os rapaces do rural que acadaban esta etapa educativa. Chamábanlle “Antonio o da aldea”, unha marca da súa orixe humilde que el converteu en motivo de honra: o neno de Insuela era un alumno avantaxado e, cada vez máis consciente da súa orixe, converteuse nun adolescente comprometido coa dignificación da súa lingua materna e do mundo rural do que procedía.
Na lingua temos diversos xeitos de lles chamar aos lugares onde se asentan as persoas que poden clasificarse segundo diversos criterios: urbano ou rural, a densidade de poboación ou mesmo a localización dentro ou fóra do núcleo. Así temos arrabalde, que é o espazo que está arredor dunha poboación. Se esta é moi grande e con moita xente, temos a urbe, pero se é pequena e é rural, daquela falamos da aldea, “núcleo pequeno de poboación, de carácter rural e con poucos veciños”, que ten como sinónimo lugar e que pertence a unha entidade maior que é a parroquia. Esta é á súa vez un división inferior ao municipio e nunha sociedade cristiá estaba baixo a dirección dun párroco.
Todos e todas temos unha aldea de onde vimos ou á que volvemos. O termo non é exclusivo da nosa lingua, tamén está presente noutras da Península como o castelán e o portugués, coa forma aldeia. Procede do vocábulo árabe hispánico adday’a que bebe do clásico day’ah onde tiña un significado semellante ao actual e mesmo ‘campo’. É un termo, de introdución tardía no idioma, que non é dos máis frecuentes como formador de toponimia, pero sen dúbida é moi abondoso o seu uso como substantivo común. Atopamos pegadas disto na frase ser da aldea, á que se lle outorgou certo matiz negativo, como vimos na propia biografía de Fraguas, e no refrán Máis vale can da vila que rico da aldea, claramente pexorativo. Coa penuria que se pasaba na aldea e a laboriosidade dos traballos temos que entender a frase Quen deixa a vila pola aldea, mal lle foi nela. Porén na actualidade hai unha tendencia moi marcada á volta ás orixes e todo o mundo presume da casa na aldea e mesmo se devece por ter un chalé na aldea.

2

dicionario

Libro que contén palabras dunha lingua ou dunha ciencia ou materia determinada, ordenadas alfabeticamente e acompañadas dunha definición ou doutro tipo de explicación.

No Instituto de Pontevedra, Antonio Fraguas foi alumno de destacados galeguistas como Castelao, o seu profesor de debuxo, ou Losada Diéguez, quen máis o marcaría. Arredor daquelas aulas, canda outros compañeiros, fundou a Sociedade da Lingua co obxectivo de gañar para o idioma propio o prestixio que lle fora privado durante séculos. Este foi tamén un dos propósitos que guiaran a fundación, en 1916, das Irmandades da Fala, das que sería máis adiante membro. Aquela iniciativa xuvenil fixou entre os seus principais retos nada máis e nada menos que dotar o idioma galego dun dicionario propio. Fraguas redactou moitas voces, pero o proxecto non chegou máis alá.

Fraguas, á dereita, con Sebastián González, amigo dende a etapa en Pontevedra (Santiago de Compostela, 1931). Fonte: Museo do Pobo Galego, Fondo A. Fraguas

A propia Real Academia Galega estaba a traballar naqueles anos no Diccionario gallego-castellano, que ficou abandonado en 1928 na voz “cativo”. Na actualidade o Dicionario en liña da institución, na que Antonio Fraguas ingresaría como membro de número en 1942, conta con máis de 65.000 voces e está en permanente actualización e ampliación.

A denominación dicionario procede do vocábulo do latín medieval dictionarium, inda que se supón que é o acurtamento da frase dictionarius liber, que era o ‘libro das palabras’, onde atopamos dictio, que significaba ‘palabra’ ou ‘xeito de dicir’ e que está vinculado co verbo panrománico dico, ‘dicir’. O profesional que se dedica á súa redacción é o dicionarista. Daquela, se a Sociedade da Lingua dese rematado aquel dicionario, Fraguas sería tamén dicionarista, que é o especialista en lexicografía “técnica de elaborar dicionarios e vocabularios”.

Con alumnos do Instituto de Pontevedra e o profesor Alfredo de la Iglesia (1922). Fonte: Museo do Pobo Galego, Fondo A. Fraguas.

Este último termo na súa orixe tamén remite ás palabras, pero desta volta ao equivalente grego lexis que permite a formación do termo lexikós ‘o que se di das palabras’. Tamén se podería dicir que redactaba un glosario, “dicionario en que se explican ou comentan termos antigos, raros ou especializados dunha lingua, dun texto etc.”. A raíz desta palabra mándanos ao latín tardío glosa que bebía do clásico glossa e que non era outra cousa que un ‘termo raro ou palabra escura’.

3

etnógrafo

Especialista en etnografía.

Tras a etapa pontevedresa, Antonio Fraguas trasládase a Santiago de Compostela para estudar a carreira de Filosofía e Letras. Nesta cidade entra en contacto axiña cos membros do Seminario de Estudos Galegos, creado en 1923 co obxectivo de estudar a historia de Galicia e preservar o seu legado cultural. Como membro deste proxecto desde 1928, participará activamente en labores relacionadas coa arqueoloxía, como a catalogación de xacementos castrexos. Nesta altura empeza tamén a publicar artigos sobre crenzas, tradicións e outros aspectos do rico patrimonio inmaterial que conforman as distintas expresións da cultura do pobo galego. Inicia así a súa carreira como etnógrafo, o perfil académico no que sen dúbida máis destacou, e no que con moita frecuencia regresou ao seu Cotobade natal.

Fraguas (primeiro da segunda fila pola esquerda) con outros membros do Seminario de Estudos Galegos na comarca do Deza. Fonte: Museo do Pobo Galego, Fondo A. Fraguas

A etnografía é a ciencia “que ten por obxecto o estudo e descrición dos grupos humanos e dos seus caracteres antropolóxicos, culturais, sociais etc.”, e a persoa que se dedica ao seu estudo é o etnógrafo ou etnógrafa. Os termos mencionados fórmanse coa base etno-, do grego éthnos ‘pobo’, ‘tribo’ ou ‘raza’ á que se lle engade os sufixoides –grafo e –grafía, ambos formados a partir do termo heleno graphé ‘escrito’, ‘documento’ ou ‘descrición’. Deste xeito etnia designa o “conxunto de individuos humanos que posúen unha serie de caracteres físicos, unha cultura e unha lingua comúns, e que adoitan compartir o mesmo hábitat”. Antonio Fraguas, como o destacado etnógrafo que foi, contribuíu enormemente á conservación da nosa cultura popular. Se hoxe sabemos explicar quen somos como pobo e de onde procedemos, é grazas ao traballo de figuras como o protagonista do Día das Letras Galegas 2019.

No Dicionario tamén atopamos etnolingüística para designar a parte da lingüística que estuda o idioma dunha comunidade en relación coa súa cultura.

4

locutor

Profesional da radio ou da televisión encargado de ler as noticias, anunciar e presentar os programas etc.

A de Antonio Fraguas foi unha das voces pioneiras da radio en Galicia e en galego. En 1933 naceu en Santiago a primeira emisora do país, Radio Galicia, inaugurada o 15 de xaneiro. Un par de meses despois rexistrouse a primeira emisión de contos galegos do coñecido personaxe “O vello dos contos”, interpretado por Xosé Mosquera Pérez. Xunto a el, Fraguas foi o primeiro locutor de continuidade da emisora, e con el e Conchita Frade e Elena e Dolores Sanluis gravou Vaites... vaites!, unha peza cómica que fora premiada no certame de obras de teatro que convocaran as Irmandades da Fala de Betanzos.

Fraguas, primeiro pola esquerda, co elenco de Vaites... vaites! (1933). Fonte: Museo do Pobo Galego, Fondo A. Fraguas

A voz de Fraguas proxectou tamén nesta primeira radio galega desde poemas ata pezas relacionadas coa economía ou a etnografía, porque como locutor tampouco esqueceu o seu afán de divulgación da cultura de noso.

A palabra radio é o acurtamento do termo técnico radiofonía, a proxección do son a través das ondas. A súa aparición levou ás casas novidades e acontecementos que se producían lonxe e fixo que o mundo se ampliase como nunca antes máis alá do local. Pero tamén permitiu, con locutores coma Fraguas, ampliar a proxección da lingua e da cultura propias e contribuír á súa dignificación. O termo locutor, -a designa o “profesional da radio ou da televisión encargado de ler as noticias, anunciar e presentar os programas etc.”. É unha creación procedente do latín tardío locutor que significa ‘o que fala’. O vocábulo, á vez, deriva do verbo deponente latino loquor ‘falar’ ou ‘expresarse’ e del tamén procede a palabra locución, que se refire ao “xeito de falar” do locutor. E se este “tende a falar moito”, dise que é locuaz, mais é un modo culto de expresalo. Entre nós tamén diriamos que é un faladeiro, un falangueiro e mesmo un lingoreteiro, aínda que o noso protagonista non era destes últimos, xa que este adxectivo se lle aplica ao “que fala de máis, que fai críticas ou conta cousas que debía calar”.

5

represaliado

Persoa que sofre ou sufriu represalia.

En novembro de 1933 Antonio Fraguas debutaba na Estrada como profesor de Xeografía e Historia do instituto da vila pontevedresa. Ademais de exercer con gran dedicación a docencia e continuar os seus traballos etnográficos e arqueolóxicos, involucrouse na vida política como membro do Partido Galeguista local, do que foi elixido secretario. A actividade política intensificouse no seu último ano na Estrada, na primeira metade de 1936, cando percorreu cada recuncho do concello na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. Pero a sublevación fascista daquel verán truncaríao todo, tamén o seu proxecto vital. Á volta das vacacións regresou para realizar os exames de setembro, mais non foi posible: os golpistas obrigárono a borrar con sosa cáustica as pintadas a favor do Estatuto e sometérono a outras vexacións públicas. O 20 de maio de 1937 a “Comisión de Depuración de Enseñanza” prohibiulle exercer no ensino público.

Coa súa dona Teresa Martínez no ano 1934. Fonte: Fundación A. Fraguas

O Antonio Fraguas represaliado refuxiouse durante a guerra civil en Loureiro. Botaba o día nos montes e pola noite regresaba á casa familiar. O acoso dos golpistas continuaría unha vez rematada a contenda e tivo que montar unha academia privada debido ao veto que sufriu en varias ocasións nas oposicións de educación polo seu pasado político.

No dicionario hai palabras que transmiten felicidade, outras son divertidas ou fermosas pero tamén as hai dolorosas, como represalia “acción hostil tomada contra alguén en resposta a algunha mala actuación ou a un dano recibido”. Vén do latín medieval reprensalia, que procedería á súa vez de reprehendere ‘censurar’ ou ‘acusar’ e que pertence á terminoloxía xurídica para referirse, cando alguén foi expoliado ou damnificado na súa terra por outro sen recibir a compensación debida, ao dereito que se outorga ao damnificado a tomar unha presa ou prenda na terra do agresor como garantía de que vai recibir unha indemnización. Posteriormente adquiriu na fala popular o significado que atopamos no dicionario e que vimos arriba. Son continuadores desta voz medieval, o catalán represàlia, o italiano ripresaglia (na actualidade rappresaglia), o francés represailles, ou o castelán represalia. Sobre esta forma aparece o verbo represaliar, que é “exercer a represalia”. Quen padece a represalia é o/a represaliado/a. Non é novo, por desgraza, nada do que se menciona, mais tanto os termos represaliar e represaliado/a son vocábulos de recente incorporación no DRAG.

6

vocación

Inclinación dunha persoa cara a unha determinada actividade ou modo de vida, en especial a artística ou a relixiosa.

Aínda son moitos os alumnos e alumnas que lembran con cariño a don Antonio, ou San Antonio, como lle chamaban polo seu bo carácter. Tras anos arredado do ensino secundario por mor da represión franquista, en 1950 superou por fin as oposicións e incorporouse como catedrático ao daquela Instituto Masculino de Lugo. Alí permaneceu varios anos, sempre compaxinando o seu labor investigador coa docencia comprometida, tomando o territorio máis próximo, como xa fixera na Estrada, como espazo natural de estudo e aprendizaxe. Foi tamén unha teima súa como docente mirar especialmente por aquel alumnado de orixe, coma el, humilde, nuns tempos nos que a equidade distaba de ser unha prioridade do sistema educativo.

En 1959 trasladouse definitivamente a Santiago de Compostela, onde continuou a dar clases ata a xubilación no Instituto Rosalía de Castro, un labor que desenvolveu tamén na Facultade de Filosofía e Letras, sempre dando mostras da fonda vocación que sentía polo ensino.

Fraguas cun grupo de alumnas do Instituto Rosalía de Castro. Fonte: Fundación A. Fraguas

A palabra vocación procede do termo latino vocatio que significaba ‘acción de chamar’ ou ‘convite’, e que remite ao latín vox, vocis ‘voz’. Ten unha vertente relixiosa que se relaciona coa chamada de deus; pero no ámbito pagán está vinculado coa chamada cara a unha profesión ou unha actividade artística. Para indicar que algo está relacionado coa vocación falamos de vocacional. Tamén cómpre mencionar un vocábulo propio do ámbito relixioso, advocación, que designa cada un dos nomes cos que a comunidade católica lle rende culto á Virxe. A mesma palabra tamén se refire ao título que recibe un templo en conmemoración dun santo, da Virxe ou dun feito sagrado. O noso don Antonio, por moito que lle concedese o título de santo o seu alumnado, non o foi, pero se houbese que asignarlle un templo, ese sería sen dúbida o Museo do Pobo Galego. Preme no seguinte termo para saber máis del!

7

museo

Edificio onde se gardan e se expoñen ao público coleccións de obxectos que presentan un interese histórico, artístico, técnico etc.

O proxecto do desaparecido Seminario de Estudos Galegos atopou continuidade tras a morte do ditador no Museo do Pobo Galego. Don Antonio foi o seu primeiro director, desde a inauguración en 1977 ata 1989, cando tras o pasamento de Xaquín Lorenzo sucedeu a este na presidencia do padroado da institución.

A colección do museo antropolóxico de referencia de Galicia, situado no antigo convento de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela, está composta fundamentalmente por fondos etnográficos, aínda que tamén recolle obxectos arqueolóxicos e artísticos. As salas permanentes están dedicadas ao mar, aos oficios, ao campo, ao traxe tradicional, á música, ao hábitat e a arquitectura, á sociedade e á prensa e á imprenta. Dispón tamén de seccións de arqueoloxía e de arte.

Fonte: Fundación A. Fraguas

A palabra museo créase desde o equivalente latino museum, pero este viña do termo grego museion onde significaba ‘lugar onde residían as musas’. As musas (en grego mousa) eran cada unha das nove deusas que dominaban a ciencia universal e presidían as artes. Por extensión, o sitio onde desenvolvían o seu labor pasou a ser o ‘lugar no que se exercía a poesía’ e logo a designar a ‘escola’. No baixo Renacemento adoptou a acepción moderna en alusión ao centro de alta cultura creado en Alexandría por Ptolomeo I. Da súa familia léxica temos museografía, que é “conxunto de técnicas e prácticas da organización e funcionamento dos museos”, e a museoloxía, a “ciencia que trata sobre os coñecementos e técnicas relativas á organización e instalación dos museos”.

No caso do Museo do Pobo Galego os seus obxectivos dende a súa creación son investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos. Para iso creouse un padroado, palabra que bebe da latina patronatus, que remite a pater ‘pai’. Don Antonio foi, como fundador, padroeiro ou padrón, que non che é outra cousa que o “defensor” ou “protector de algo ou alguén”. No ámbito familiar o padrón é a persoa máis vella da familia á que se lle ten respecto e se acode a pedir consello. Non se pode negar que Fraguas tamén actuou como tal!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir