O amigo das palabras

Sete voces son ben poucas para debuxar con precisión as facianas variadas nas que Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936 – Vigo, 2020) destacou como mente lúcida e mestre da palabra. Este setestrelo só aspira a ofrecer, cando menos, algúns trazos fundamentais de quen lles aprendeu tantas palabras da nosa lingua a varias xeracións de galegos e galegas. Tanto foi así que o seu Diccionario galego-castelán (Galaxia, 1968) chegou a ser coñecido como “o Franco Grande”. Foron moitas as persoas que volveron acariñar as súas tapas con saudade e recoñecemento cando o pasado 31 de marzo de 2020 o seu autor finou. Pero a verdadeira paixón de Xosé Luís Franco Grande era a palabra literaria, como ben demostrou como poeta, ensaísta e columnista. Velaquí sete termos para recordalo en todas as súas dimensións.

1

dicionario

Libro que contén palabras dunha lingua ou dunha ciencia ou materia determinada, ordenadas alfabeticamente e acompañadas dunha definición ou doutro tipo de explicación

Ós rexos labregos de Tebra, de quenes adeprendín case todo.
A todos os que asistiron ás miñas crases de galego, en Vigo, anque de min adeprenderan tan pouco.
E a Tebra, miña terra, onde teño as raíces máis fondas, por enriba de todo, anque esta ‘restitutio’ non é, nin pode ser, ‘in integrum’.

Estas palabras sentidas do limiar do Diccionario galego-castelán, dedicáballelas X. L. Franco Grande ás súas raíces, a Tebra e aos seus labregos rexos. Este traballo, fundamental para a lexicografía galega moderna, saíu do prelo na súa primeira edición en 1968, cando xa se albiscaba unha apertura mínima que permitiría, a partir de 1970, ensinar galego nas escolas. O seu grande éxito fixo que chegase ata unha oitava edición aló polo ano 1983. “O Franco Grande” xuntaba máis de 40.000 palabras co obxectivo, en palabras do autor, de encher un baleiro, aínda en pleno franquismo, poñendo “un novo instrumento de traballo nas mans deses milleiros de persoas que, espalladas por todo o país e en gran número fóra del, devecen por ter un coñecemento cabal da súa propia fala, que falan acotío, pero que non estudaban deica agora”.

Diccionario Galego-Castelán, 1968

A denominación dicionario procede do vocábulo do latín medieval dictionarium, inda que se supón que é o acurtamento da frase dictionarius liber, o ‘libro das palabras’, onde dictio significaba ‘palabra’ ou ‘xeito de dicir’ e estaba vinculado co verbo panrománico dico, ‘dicir’. O profesional que se dedica á redacción deste tipo de obras é o dicionarista, un especialista en lexicografía, a “técnica de elaborar dicionarios e vocabularios”. Calquera das dúas palabras, dicionarista ou lexicógrafo, definen o traballo que X. L. Franco Grande levou a cabo.

As voces lexicografía e lexicógrafo tamén nos remiten ás palabras, pero desta volta toman como base o equivalente grego lexis que permite a formación do termo lexikós, ‘o que se di das palabras’.

2

agoar

Desexar moito unha cousa, en particular certos alimentos ou a comida

“O dicionario é un amigo que axuda e que nunca se enfurruña con un anque un abuse del”.

Nun mundo no que os ordenadores eran aínda só aparellos de uso moi limitado, "o Franco Grande" naceu vizoso grazas ao traballo artesanal do autor, que redactaba as entradas en pequenas fichas que ía gardando nunha caixa de zapatos. Fíxoo atendendo, sen máis interese que o servizo á cultura galega, o encargo de dous referentes da recomposición do galeguismo tras a guerra civil, Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, que lle confiaron o proxecto para a Editorial Galaxia pola súa capacidade de levar adiante o traballo en moi pouco tempo. "Dixéronme: ‘Pensamos en ti porque es unha persoa disciplinada. Intimamente, non mo considero, pero a vida obrigoume a selo", confesaba hai cinco anos á TVG o académico, que sempre compaxinou o seu labor literario e o activismo cultural coa profesión de avogado.

Cando o futuro comezaba. Correspondencia con Ramón Piñeiro

Pero as obrigas laborais nunca lle deixaron ata a xubilación o tempo que tanto agoaba para construír a obra literaria que querería, unha frustración que paliaba procurando sempre seguir a escribir na prensa. Esta súa arela expresámola cun dos verbos que recolleu na súa Tebra natal, agoar, e que tamén incorpora hoxe o dicionario en liña da Academia co mesmo significado. Nas súas palabras, defíneo como “desexar algo vivamente” nunha entrada que inclúe ademais, cun significado semellante, a frase “estar a agoar” que explica como “estar morrendo por algo”.

Agoar forma parte, en calquera caso, dunha ampla listaxe de verbos que nos transmiten esa mesma idea. Algúns deles podemos consideralos variantes da voz “agoar”, como é o caso de degoar, e outros probablemente estean emparentados con ela, como gorar, degorar, degoirar ou degoxar. Pero amais destes, a nosa lingua amosa unha importante riqueza léxica para expresar que desexamos algo con ansia. Adoecer, alangrear, devecer, eslumecer, rabiar, reloucar e tolear son só algúns exemplos.

3

choer

Pórlle un valo a un terreo

“Eu, illado niste encerro teño que ir por onde me sinalan os demáis; tí, alá fora, onde tes que ir por un vieiro choido”.

Vieiro choído, 1957

Xosé Luís Franco Grande foi premiado en varias ocasións nas Festas Minervais polos poemas que escribiu sendo estudante universitario en Santiago de Compostela. A súa é, de feito, unha das voces máis destacadas da xeración que tomou o nome deste certame literario que a USC promoveu por primeira vez no século XVI, pero o primeiro libro que publicou foi a obra de teatro Vieiro choído, que inaugurou a colección Illa Nova de Galaxia no ano 1957.

Choer é un verbo patrimonial galego que X. L. Franco Grande non esqueceu como lexicógrafo. O dicionario da RAG, coma o seu, recolle para el distintas acepcións que poden resumirse nun sinónimo: pechar. Está ben documentado dende a Idade Media e, ao parecer, non chegou a existir daquela en portugués, onde tampouco se rexistra actualmente.

Vieiro choído, 1957

Alén de elevalo ao título de Vieiro choído, Franco Grande conxugou choer en versos coma os de Entre o si e o non (1967), unha obra singular nas letras galegas da súa época que mereceu o Premio Nacional de Literatura Rosalía de Castro. Nun momento de hexemonía da poesía social dos epígonos de Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luís Franco Grande deixaba claro o seu criterio independente cun libriño que afondaba na procura da identidade humana, que se estende por case a totalidade da súa creación poética, a través doutros títulos coma Herdo de memoria e tempo (1987) e Xoguetes do tempo (2015).

Entre o si e o non, 1967

Iso que eu son está choído en min; / algunha cousa levo sempre enriba / que non se sabe ben: / entre o sí e o non anda iso que eu son...”, declaraba na apertura do seu primeiro libro de poesía. Entre o si e o non é en definitiva, como proxectan estes versos, unha obra existencialista na que o autor ispe o seu eu máis íntimo ante o lector. Choer adquire nela un sentido metafórico que se xustifica nas raíces do termo, no latín claudere, que xa significaba ‘pechar’, ‘asediar’ ou ‘encerrar’. O propio X. L. Franco Grande deu como variantes no seu dicionario chouver, e mesmo ampliou a familia léxica co substantivo choedor, choedora, que sería ‘a persoa que cerra paredes’, e tamén choeira, que é ‘a herdanza ou leira pechada cun cerrume’. Para desfacer os valos temos ademais o verbo deschoer ou deschouver.

4

esperanza

Sentimento que fai crer que algo que se desexa pode chegar a realizarse

Anos escuros, sen dúbida. Mais — e penso que nada esaxero — nos que tamén algunha luz se fixo, nos que se crearon esperanzas reais, nos que se asentaron algúns alicerces para o porvir.

Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60), 1985

Os anos escuros, 1985

A Xosé Luís Franco Grande tocoulle vivir a dureza da posguerra, marcada pola ausencia de liberdade, pero o tempo que compartiu como estudante na Compostela dos anos 1950 con outros mozos e mozas que axiña destacarían nas nosas letras foi tamén un período cheo de esperanza. O seu testemuño daquela época quedou plasmado no volume Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60), biografía imprescindible de toda unha xeración que recuperou o espírito da Nós e serviu de ponte do galeguismo coas vindeiras. O volume foi reeditado e ampliado no ano 2004.

Os anos escuros, 2004

A palabra esperanza, que o dicionario define como o “sentimento que fai crer que algo que se desexa pode chegar a realizarse”, deriva do verbo esperar, “permanecer certo tempo nun lugar ou situación ata que se produza algo” e remítenos a un étimo latino sperāre.

A forma “espranza” con síncope do a, común nun rexistro menos formal da lingua, como sucede noutras palabras como “esprito”, rexístrase de xeito abondoso nos textos literarios. Estes usos obedecen, probablemente, a un intento de reflectir a lingua popular nuns casos e noutros, a unha intención diferencialista que busca evitar a coincidencia co vocábulo do castelán.

5

amizade

Sentimento de afecto e confianza entre amigos

A amizade é cultura. Xa dixera Cicerón que ‘nisi in bonis amicitiam esse non posse’ (só a amizade é posible entre os bos). O cultivo da mente e das formas ábrenos á cultura, como dixo Josep Pla: «Coñezo moitos homes que leron moitos libros e son incultos, e moitos outros que non leron ningún e son moi cultos».

"A soleira", 30 de marzo de 2020, La Voz de Galicia

A ilusión da esperanza (1991) é outro libro esencial que nos legou X. L. Franco Grande. Nel xuntou trinta e oito retratos de persoeiros relevantes na historia do galeguismo do século XX, dende Ramón Cabanillas a Xavier Rodríguez Baixeras. O obxectivo do autor, coma na crónica dos seus anos universitarios, volveu ser paliar a ausencia da memoria histórica que tanto o preocupaba. Pero non foi o único, nin quizais o principal. “Este libro quere ser varias cousas. Pero, por riba de todas, un tributo que debo ós meus amigos”, comezaba. A segunda edición, ampliada ata o medio cento de retratos que rematan co do académico correspondente Xulio Ríos, veu a lume en 2019 e foi o último traballo que publicou en vida.

Derradeiro artigo de Xosé Luís Franco Grande en La Voz de Galicia

A importancia que para X. L. Franco Grande tiña a amizade, os amigos e amigas, queda reflectida tamén na súa última columna, publicada en La Voz de Galicia o 30 de marzo de 2020, un día antes do seu pasamento. As súas liñas de despedida son toda unha defensa do “sentimento de afecto e confianza entre amigos”, que é como o dicionario define estoutro termo tamén de orixe latina. Formouse a partir do latín vulgar *amicitas, procedente da palabra amicitia, que significaba ‘amizade, simpatía, alianza ou pacto’. Por baixo desta voz, recoñecemos o termo amicus ‘amigo’, o punto de partida dunha gran familia de palabras como amigar, amigable ou amigábel.

A nosa amizade desígnase de forma idéntica en portugués e tamén parte da mesma orixe común noutras linguas próximas: en italiano dise amicizia; en francés, amitié; en catalán, amistat, e en castelán, amistad.

6

escudrumar

escudriñar

“Escudrumar na nosa vida familiar, cando é posible, que non sempre o é nun país tan facareño como o noso, é un acto cultural que axuda a iluminarnos a nós mesmos e a mellor comprender ós que nos antecederon”.

O Antigo Réxime nunha familia do Baixo Miño, 1998

Tras o pasamento de Leandro Carré Alvarellos, autor do primeiro dicionario galego do século XX (1928), a Real Academia Galega nomeou en 1978 a Xosé Luís Franco Grande como sucesor na súa cadeira. O escritor leu vinte anos despois o seu discurso de ingreso, unha investigación onde reviviu, a través de documentos familiares, as vicisitudes dos seus antepasados e o espírito ilustrado dalgún dos seus membros. A alocución remata animando a toda persoa que poida a escudrumar na historia familiar propia como un xeito de comprendérmonos mellor a nós mesmos e como sociedade.

Discurso de ingreso na RAG de Xosé Luís Franco Grande

Escudrumar é un verbo ben documentado na historia da nosa lexicografía e aparece recollido en 11 das 32 obras recompiladas no Dicionario de dicionarios, entre elas a de Franco Grande. O verbo é unha variante da estándar que recolle o dicionario da RAG, escudriñar, “observar algo atenta e minuciosamente co fin de atopar algo oculto ou que a simple vista pasaría desapercibido”. Volvemos estar fronte a un termo que deriva dunha forma do latín vulgar, *scrutiniare, que procede á súa vez do clásico scrutinium que significa ‘acción de visitar ou de escudriñar’.
O lexicógrafo Joan Corominas salientou que no galego das cantigas podemos atopar a variante escodruñar. Tamén se referiu á forma empregada por X. L. Franco Grande escudrumar ‘escudriñar coa vista’ que –sostiña– xunto a outras formas como escudruñar, esculcar e esculdriñar terían o influxo de escolmar, “coller o mellor ou o que interesa dun conxunto de cousas.

7

coherencia

Relación ou unión harmónica, sen contradicións, dunhas cousas con outras

“O máis importante na vida é ser coherente, ter algo no que crer e algo que amar. O demais sobra”.

X.L. Franco Grande en “Galegos”

Outra política para outros tempos, 2013

Estas palabras de Xosé Luís Franco Grande nunha entrevista para a televisión autonómica sintetizan, de novo, a importancia que o escritor sempre lles deu aos seus seres queridos, familia e amigos, mais tamén a súa visión de Galicia e o seu xeito de defendela ao longo de toda a vida. “Como lle gustaría ser recordado?”, pregúntalle a continuación o xornalista. “Como boa persoa, coherente, bo pai, bo avó, unha persoa que aportou algo sobre todo á clarificación do seu país”, despídese.

O adxectivo coherente lévanos etimoloxicamente ao latín cohaerens –tis, participio activo do verbo cohaerere, onde tiña o significado de ‘estar pegado'. Del deriva o substantivo coherencia, que alude á “relación ou unión harmónica, sen contradicións, dunhas cousas con outras”, unha calidade que sempre caracterizou a acción e o pensamento de Xosé Luís Franco Grande. A súa obra, cando xa marchou, seguirá a demostrárnolo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir