Fotograma de Norma Rae de Martin Ritt (1979)
Achégase o Día Internacional da Muller. As orixes desta conmemoración que reivindica a fin de calquera desigualdade por motivos de xénero están no movemento obreirista e sufraxista de comezos do século XX en América do Norte e Europa. Viaxamos no tempo para lembrarmos mulleres pioneiras do feminismo -a doutrina que está detrás desta celebración- mesmo antes de que se lle puxese nome. Pero antes de entrarmos en materia, por que xusto co gallo do 8 de marzo?
O primeiro Día Nacional das Mulleres celebrouse nos Estados Unidos o 28 de febreiro de 1909. O Partido Socialista de América escolleu a data en honor á folga de traballadoras do téxtil de Nova York para denunciaren as condicións laborais que sufrían. En 1911 espallouse e celebrouse por primeira vez, un 19 de marzo, o Día Internacional da Muller coa participación de varios países europeos. A mobilización adquire tamén un par de anos máis tarde unha mensaxe de protesta contra a guerra mundial que se achega, e xa en 1914 as mobilizacións céntranse en Europa arredor do 8 de marzo. Nas vésperas da revolución, as mulleres rusas elixen tamén o 8 de marzo para iren á folga na que reclaman “pan e paz”.
Xa en 1975, durante o Ano Internacional das Mulleres, a ONU empeza a celebrar o 8 de marzo o Día Internacional da Muller. Catro décadas despois, a data cobra unha significación especial nun contexto que moitas voces cualifican de nova vaga feminista.
Doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller.
Feminismo é un neoloxismo procedente do francés. Segundo a filósofa gala Geneviève Fraisse, o termo procede da medicina, eido no que foi empregado na segunda metade do s. XIX para referirse a unha feminización por enfermidade do corpo do home. En 1872 Alexandre Dumas fillo usou por primeira vez o adxectivo féministe, en L'Homme-Femme, cun sentido pexorativo. Dez anos despois, Hubertine Auclert, xornalista e pioneira do sufraxismo galo, apropiouse da palabra e empregouna para referirse á loita pola igualdade entre mulleres e homes, a realidade que segue a designar na actualidade.
Creado sobre o termo latino femina ‘muller’ ao que se lle engade o sufixo –ismo como designador de ‘movementos sociais’. Como tamén é unha formación neolóxica do século XX a denominación machista: “ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade de dereitos entre o home e a muller”, procedente do inglés pero creado sobre a palabra do español de México: macho.
Calidade de igual.
“O feminismo é un fillo non querido da Ilustración”, asegura a filósofa Amelia Valcárcel. Neste contexto, no século XVIII xorden voces precursoras que denuncian a incoherencia e inxustiza que supón negarlles a cidadanía ás mulleres, excluíndoas da configuración da democracia moderna. Unha delas é a de Olympe de Gouges (1748-1793), autora da Declaración dos dereitos da muller e da cidadá (1791). O texto é unha resposta á Declaración dos dereitos do home (1789) que, baseándose en Rousseau e o seu Contrato social (1762), proclama a liberdade, igualdade e fraternidade como paradigma, pero só para o xénero masculino. A súa autora foi condenada a morrer na guillotina.
Estamos ante un substantivo abstracto de orixe culta xa que procede do latino aequalitas ‘calidade do que é igual’. Este termo créase, á súa vez, sobre o adxectivo aequus ‘igual’ ou ‘equilibrado’ do que atopamos derivados en galego como equidade ‘calidade de quen é equitativo’, e a propia palabra equitativo ‘o que é xusto’, e un chisco máis agochado atopámolo convertido en prefixo nos vocábulos: equilátero ‘de lados iguais’ ou equidistante ‘que está a igual distancia’.
Acción e efecto de vindicar.
Mary Wollstonecraft (1759-1797) é outra precursora destacada do espírito do 8 de marzo. En 1792 publicou Vindicación dos dereitos da muller, un ensaio dedicado en boa medida a replicar os tratados sobre educación de Rousseau e a subordinación natural das mulleres que defenden. Igual que Olympe de Gouges, a pensadora británica defende a igualdade de todos os seres humanos e outórgalle ademais á educación categoría de reivindicación política. Mary Wollstonecraft morreu aos poucos días de nacer a súa filla Mary Shelley, a creadora de Frankenstein, cinco anos despois da publicación da súa Vindicación dos dereitos da muller.
A palabra que nos ocupa relaciónase co verbo vindicar que significa na súa primeira acepción ‘defender’ e na segunda ‘reivindicar’, onde a súa orixe está en vindico ‘reclamar’. A forma do substantivo é culta tamén xa que chega da forma latina vindicatio que significaba, ademais dos significados actuais de vindicación, ‘vinganza’. Ambas as dúas son variantes eruditas dos termos vingar e vinganza.
Non facer o que manda unha lei, unha orde ou unha obrigación establecida.
Rosalía de Castro (1837-1885) merece ser proclamada primeira feminista galega e pioneira dun novo paradigma literario feminino na literatura española. Así o defende a filóloga Pilar García Negro, para quen o feminismo da autora fundacional das letras galegas contemporánea é “correlato lóxico da súa posición vital, filosófica e política na vida”. “Las literatas. Carta a Eduarda” (1866) é boa proba disto. Neste ensaio escrito en forma epistolar, Rosalía analiza o que significaba ser escritora no século XIX e reflicte os prexuízos que tivo que sufrir como muller transgresora que foi na época que lle tocou vivir.
Na actualidade pódese dicir que é un vocábulo culto, que atopamos, sobre todo, na linguaxe literaria e xornalística escrita e moi vinculado ao ámbito legal. Deriva da forma latina *transgredere que procede da clásica transgredior, que significaba ‘pasar ao outro lado’, figuradamente ‘expoñer completamente’. Da mesma familia é o termo transgresor ‘que transgride’ ou ‘infractor’ e tamén transgresión ‘acción de transgredir’ ou ‘infracción’, mais é curioso que en xeoloxía describe o ‘avance do mar sobre o territorio’ recuperando o sentido orixinal latino.
Función que lle corresponde a alguén nunha determinada situación.
A ferrolá Concepción Arenal (1820-1893) tamén desafiou os roles de xéneros establecidos. Cando a lei aínda prohibía as mulleres acceder aos estudos superiores, vestiuse de home para acudir ás aulas universitarias e converteuse na primeira licenciada de toda España. O seu pensamento feminista queda reflectido en obras como A muller do porvir (1868), onde critica as teorías que defendían a inferioridade feminina baseada en supostos motivos biolóxicos.
Esta palabra ten a súa orixe nun vocábulo do latín medieval rollus ‘pergamiño enrolado’ que viría dun orixinario clásico rotulus ‘rolo’, diminutivo de rota ‘roda’. Pero como a roda imos dar unha volta máis xa que se aventura que coa acepción propia da socioloxía e psicoloxía que estamos vendo sería unha adaptación do termo inglés role, que o tomaría do termo francés rôle ‘pergamiño en forma de rolo’.
Aversión ás mulleres.
En 1881 saía do prelo Follatos, o segundo libro en galego escrito por unha muller. A súa autora é outra precursora do pensamento feminista no contexto do século XIX, Filomena Dato. A autora incluíu neste volume o poema “Defensa d' as mulleres”, 420 versos contra a misoxinia, nos que recorda mulleres que pasaron a historia e defende a capacidade intelectual feminina. A composición fora premiada catro anos antes nun concurso convocado en Ourense inspirado na memoria do padre Feixoo e a defensa que fixera da muller o frade no século XVIII.
O vocábulo é unha creación culta derivada do grego misogunía ‘horror ás mulleres’, que na altura era unha palabra composta polo verbo mis(o), ‘odiar’ e o substantivo gin(o) ‘muller’. Ao redor do primeiro elemento da formación créase toda unha relación léxica cargada de rancor: misóxino ‘o que odia ás mulleres’, misantropía e misántropo, o odio á humano. Sobre o termo gino- tamén atopamos un abano de palabras como son xinecocracia, ‘o goberno feminino’; xineceo ‘parte reprodutora feminina da flor’; xinecoloxía, ‘parte da medicina que estuda e trata as enfermidades do aparato xenital feminino’ ou xinecólogo, -a ‘especialista en xinecoloxía’.
Facer que alguén garde silencio./ Gardar deliberadamente silencio sobre algo.
Un dos lemas para o 8 de marzo podería ser o dereito das mulleres a gozaren d'Un cuarto propio. Virginia Woolf (1882-1941) titulou con esta metáfora da emancipación feminina o ensaio sobre mulleres e literatura que publicou en 1929. Nel sostén que para poder dedicarse a esta disciplina unha muller debe gozar de independencia económica e persoal. O texto critica, entre outras cousas, como as mulleres foron silenciadas como creadoras ao longo da historia tomando como exemplo unha ficticia e talentosa irmá de Shakespeare.
Lingüisticamente estamos ante unha creación tradicional sobre o substantivo silencio “ausencia de ruído” ou “quen permanece calado”. O termo desenvólvese desde o equivalente latino silentium, que derivaba do verbo silere ‘non dicir palabra’. Desde o verbo silenciar chéganos o adxectivo silenciado, -a, ‘o que ten que gardar silencio’, que parte do participio pasado da forma verbal.