
A Mesquita Azul na brétema. Istanbul, 2007 © Aviad2001/Wikipedia
É un supoñer: un dez de agosto calquera collemos un avión en Lavacolla. Tocounos asento de xanela na banda esquerda. A nave engala e con algo de sorte vemos as torres da sé compostelá. Voamos cara a Istanbul e, quizais sabendo da historia do noso destino pola guía que estamos a ler, lembramos que hai máis de mil anos, nun día coma este de 947, un xeneral do Califato de Córdoba, Almanzor (Al-Mansur, en árabe ‘O Vitorioso’), saqueaba e destruía a catedral que vai quedando atrás polo oeste. Hai que dicir que nós, o reino cristián dos galegos, tamén lles faciamos algunha que outra… Antes de adormecer concluímos que a idea de que as diferenzas relixiosas –reais ou ben como desculpa– foron causa de guerras, opresión e violencia ao longo da historia é ben certa.
O islam naceu en Arabia no século VII coas prédicas de Mahoma. Na actualidade, ten máis de 1.500 millóns de seguidores en todo o mundo, a maioría en África e Asia. Historicamente a nosa interacción co mundo mahometano non foi tan intensa coma a doutras zonas da península, mais polo xeral, mantivemos boas relacións con eles, fundamentalmente de carácter comercial. Hoxe en día, 16.000 persoas, veciños nosos, forman a comunidade islámica en Galicia.
A raíz do atentado contra a revista Charlie Hebdo, Mustafa Alhendi –presidente da Unión de Comunidades Islámicas de Galicia– dicía, en declaracións a La Voz de Galicia, que eses grupos terroristas non representan os musulmáns nin a relixión islámica: “O masacre foi unha acción desalmada que merece a nosa máis enérxica condena”, continuaba, asegurando a seguir que a sociedade galega non ten un fondo xenófobo, mais que algunhas persoas da súa comunidade estaban preocupadas por se veren acusadas ou culpabilizadas sen que fixesen nada. Temos a sorte de vivir nunha sociedade que asume a Declaración Universal dos Dereitos, que no seu artigo 18 di: “Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión; este dereito inclúe a liberdade de cambiar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de manifestar a súa relixión ou a súa crenza, individual e colectivamente, tanto en público coma en privado, polo ensino, a práctica, o culto e a observancia”. E xa se sabe que calquera dereito implica o deber de practicalo…
Espertamos cando avisan que imos aterrar. Veremos a área metropolitana encrechada como un ourizo cos máis de 3.000 minaretes doutras tantas mesquitas. Máis tarde, paseando pola zona de Sultanahmet, diante de Santa Sofía e de camiño á Mesquita Azul, escoitaremos os muecíns dicir que Alá (Deus en árabe) é grande.
Lede pois, se vos presta, este Setestrelo de termos do islam e salaam alaikum, que a paz sexa convosco e coa vosa lectura.