Ricardo Carballo Calero (1910-1990), tamén Carvalho Calero como gustaba de escribir o seu nome na derradeira etapa da súa vida, considerouse a si mesmo como escritor ante todo poeta, mais unha das súas primeiras afeccións foi o teatro. Por iso este Setestrelo é unha breve incursión na súa dramaturxia, caracterizada pola experimentación temática e formal.
Carballo Calero descubriu o teatro no seu Ferrol natal sendo só un neno, na sala Jofre, onde acudía con frecuencia cos pais tanto a gozar de espectáculos en vivo como dun cinema aínda mudo. Aquelas sesións inspirarían os seus primeiros textos dramáticos, libretos en forma de zarzuela escritos por un cativo que tamén foi ávido e precoz lector de clásicos, dende Calderón (1600-1681) a Shakespeare (1564-1616), e tamén renovadores coma Ibsen (1828-1906).
O fillo (1936) é a primeira obra da súa autoría que se conserva, unha peza coa que quixo contribuír á modernización do teatro galego, seguindo a premisa de desvincular a lingua dos ambientes populares. A súa publicación viuse truncada pola sublevación fascista. Doce anos despois, Carballo Calero enviaríaa ao certame do Centro Galego de Buenos Aires, no que sería premiado co galardón de teatro que levaba o nome de Castelao. En diante seguiría a escribir teatro en distintos momentos da súa carreira, sempre pensando na súa representación, empregándoo asemade como ferramenta pedagóxica co seu alumnado do Colexio Fingoi de Lugo, onde foi pioneiro da animación teatral escolar en galego. Alzamos o pano e comprobámolo!