Algún experto en arqueoloxía dixo que entre nós “o megalitismo vén de serie”, referíndose a que temos unha topografía granítica que chama a atención pola súa exuberancia. Estarmos no finisterrae atlántico trouxo a necesidade de dotarmos as formacións rochosas de contido simbólico e de erguermos construcións megalíticas que falan de límites, tanto espaciais coma funerarios, tanto da terra como da fronteira entre a vida e a morte.
O creado na prehistoria coas grandes pedras estivo desde sempre envolto nun halo de misterio. Arredor delas a imaxinación popular soubo tecer multitude de lendas sobre tesouros e seres máxicos, que forman parte da tradición literaria oral e tiveron tanto éxito que poucos megálitos coñecidos se salvaron de ser espoliados, buscando o ouro mais as pedras preciosas dos tesouros narrados.
Hoxe en día, non é común ir procurar riquezas aos dolmens. Antes ben, algúns pasan por merendeiros vellos que cómpre refacer, para desgraza do patrimonio do país. Porén, na lingua conservamos unha terminoloxía megalítica moi rica, con múltiples termos propios como mámoa, medoña, medorra, dolmen e outros recollidos doutras linguas. Neste Setestrelo, chantamos sete palabras como sete antas. Verás como brillan.