Xa hai máis de douscentos anos de Waterloo, o derradeiro combate de Napoleón, unha batalla decisiva na historia de Europa que o duque de Wellington, á fronte dunha ampla coalición organizada polas potencias europeas, gañou nesa localidade valoa o 18 de xuño de 1815.
Malia guerrear con todos os países da contorna, producindo a morte de millóns de europeos, o máis interesante da figura de Napoleón é a fascinación que provocou e segue provocando. Sirva como exemplo a admiración que chegou a ter no seu tempo por parte de persoeiros como Beethoven ou o mesmo tsar de Rusia. Ambos os dous acabaron decepcionados, iso si, pero non se puideron subtraer inicialmente ao seu magnetismo.
Marabíllanos que se defina como exemplo de ambición ou mesmo megalomanía ao tempo que se recoñece a súa intelixencia, o seu talento, a súa brillantez como estratego ou a súa valentía. O mito esaxerouse ata tal punto que se lle atribúe ao seu inimigo Wellington a afirmación de que a súa soa presenza no campo de batalla equivalía a contar con 40.000 soldados.
Mais a súa contribución á historia non se limita a cuestións militares, xa que foi un gobernante activo que promoveu multitude de reformas. Pensemos que os códigos civís actuais están baseados no que el promoveu e sobre todo que, a pesar da súa derrota, os principios, institucións e organismos xurdidos da revolución acabaron por espallarse, facendo mudar o pensamento político, e a historia. Van aquí logo sete termos relacionados con este corso universal.