Sete palabras para as cantareiras

Composición sobre unha imaxe de Freepik

Se hoxe falamos, escribimos e mesmo facemos ciencia en galego é grazas, entre outras moitas razóns, a unha serie de mulleres que, de xeito inconsciente, o conservaron e o preservaron cada vez que improvisaban unha copla, un romance ou unha cantiga coa que arrolaban un bebé no berce, animaban o traballo nas leiras ou animaban a festa nos fiadeiros ou nos seráns.

As seis mulleres homenaxeadas no día das Letras Galegas 2025 son unha pequena mostra para representar todas aquelas que fixeron posible que se manteña viva unha tradición que, ademais de ser artística, contribuíu a crear unha comunidade feminina e solidaria (a das compañeiras) que resistiu os embates dunha vida dura na Galicia rural e que se fixo valer nun ambiente onde prevalecía o rol masculino,–lembremos que os gaiteiros gozaban dunha sona que as cantareiras non tiñan–; non menos importante é o seu papel como autoras de letras nunha lingua minorizada e aldraxada, contribuíndo deste xeito á súa conservación.

Grazas a todas elas hoxe podemos presumir do éxito mundial da música tradicional galega (o Tradi galego). Son moitas as agrupacións, conxuntos e grupos que, baseándose no acervo que nos deixaron estas mulleres, fan unha actualización deste e conseguen que a mocidade se engaiole coa poesía oral tradicional; sen sermos moi exhaustivos, mencionamos Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Tanxugueiras, Faltriqueira, Aliboria… e que nos desculpen todos e todas as demais.

1

transmisora

Que transmite, que fai chegar algo a alguén ou a algún sitio

A literatura de tradición oral é ‘aquela que comprende o conxunto de textos literarios que residen na memoria e que se coñecen grazas a que circulan dentro dunha comunidade a través da oralidade’. Ata a consolidación da escrita toda a literatura era oral, mais a partir do emprego dun código gráfico, sexa cal for, a literatura de tradición oral é aquela que se aprende e se difunde de boca a oído. Normalmente para facilitar que as mensaxes permanezan na memoria estas dispoñen de elementos rítmicos e musicais de carácter poético–mnemotécnico (métrica, rima, retrousos…) que facilitan a memorización dos textos; pero o papel fundamental é o das persoas que, logo, os transmiten de boca a orella para que permanezan na comunidade ao longo da historia.

Aquí aparecen as protagonistas das Letras 2025, as cantareiras, porque son as transmisoras dese conxunto de coplas, cantigas, cancións e romances que configuran a literatura de tradición oral en lingua galega.

A palabra transmisor, -a é un adxectivo que procede do latín tardío transmissor, -ōris que, á súa vez, se relaciona co verbo transmitto que significa ‘enviar dun lugar a outro’, ‘transportar’ ou ‘transmitir’. Este adxectivo substantivouse no masculino, transmisor, para designar o “aparello que se utiliza para transmitir ordes, mensaxes, sinais etc.” Podemos considerar palabras próximas a este adxectivo: difusor e difusora cuxo significado é “que difunde”, voz relacionada co verbo difundir na acepción “dar a coñecer algo a un gran número de persoas”; sen dúbida ningunha, as protagonistas das Letras 2025 resultaron ser óptimas difusoras do acervo da literatura de tradición oral. Atópase nunha circunstancia semellante a palabra divulgador e divulgadora que nos levan ao verbo divulgar na acepción ‘dar algo ao coñecemento do público’, herdeiro do verbo latino divulgāre, ‘divulgar’, ‘publicar’ ou ‘propagar’. Na lingua actual, tanto divulgador, -a como divulgación están asociados á idea de facer accesible un contido con certo grao de especialización, de aí que xurdan os/as divulgadoras científicas.

2

improvisadora

Persoa que improvisa

Na poesía oral tradicional convén mencionar a importancia da improvisación. Esta maniféstase de modos diversos. Na poesía popular o verso máis empregado é o octosílabo, e, entre nós, a estrofa propia do canto improvisado é a cuarteta.

Dorethé Schubarth, despois da súa investigación para o Cancioneiro, afirmou que as cantareiras destacaban por seren coñecedoras de moitas melodías distintas, e salientou a orixinalidade das composicións así como a capacidade de improvisación que posuían as cantareiras. Eran unhas excelentes improvisadoras.

O substantivo improvisador e improvisadora que designa a ‘persoa que improvisa algo’, vincúlase co verbo improvisar na acepción de “facer algo, un discurso, unha poesía, sen mediar preparación e estudo previo”, que ten a súa orixe no latín improvīsus, que significaba ‘imprevisto’, ‘repentino’ ou ‘inopinado’.

Estas improvisadoras convértense en inventoras de coplas, se nos cinguimos ao sentido que nos indica o DRAG “crear coa imaxinación [un conto, historia etc.]”. A quen non lle dixeron de pequeno iso de que es un rapaz ou unha rapaza con moita inventiva?, onde inventiva se refire á ‘capacidade de inventar’. Está claro que para improvisar cantigas ou dar respostas enxeñosas nas regueifas (disputa dialéctica improvisada e en verso, especialmente entre os asistentes a unha voda) cómpre ter inventiva e tamén retentiva ('facultade que permite reter na mente e facer presentes, mentalmente, cousas ou palabras') que é sinónimo de memoria.

3

compañeira

Persoa que realiza algún tipo de actividade xunto con outra, pertence a unha mesma asociación etc.

Hai tempo (tampouco tanto) organizábanse reunións espontáneas ao rematar o día, unhas veces motivadas porque a veciñanza se xuntaba para realizar determinados traballos agrícolas (a esfolla ou a herba seca); outras, no inverno a maior parte das veces, xuntábase a xente para realizar labores que se desenvolvían no interior das casas, como ocorría nos fiadeiros; e tamén, para que o imos negar, por pura diversión: as ruadas, os seráns ou as foliadas. As mulleres eran as encargadas de achegar a música a estas actividades, nas que o cantar era unha obriga para facer o labor máis levadío. Cantaban como “mínimo” unha parella de mulleres ou mozas, acompañándose dos pandeiros, ferriños, pandeiretas, latas, cunchas etc.; así, nas aldeas había parellas que cantaban sempre xuntas, compañeiras que non cantaban unha sen a outra.

Axúdame compañeira
ia face-la fuliada
porque si ti non m’axudas
eu sola non valgho nada.

Informantes: Delfina e Elisa, 48 e 52 anos
Compiladora: Dorothé Schubarth
Añobres, Moraime, Muxía, 1979
Fonte: Cancioneiro popular galego

De feito, Rosa e Adolfina, que eran tía e sobriña, convertéronse nun dúo indisoluble que amenizaba o remate das tarefas agrícolas comunais. As Pandeireiteiras de Mens eran seis tocadoras que pertenceron á Agrupación Folclórica Aturuxo da Coruña, e grazas a elas foi posible recuperar coplas, bailes e melodías que só elas sabían por herdanza das súas antecesoras, pero que ninguén rexistrara de maneira formal. Eva Castiñeira, de pequena, antes de marchar para a Coruña a traballar, cantaba coa súa irmá Engracia e outras veciñas nas festas e bailes do lugar.

O substantivo compañeiro, -a, no contexto exposto, significa “persoa que realiza algún tipo de actividade xunto con outra, pertence a unha mesma asociación etc.”. Trátase dunha voz derivada que toman como base “compaña”, que procede a forma do latín vulgar *compania, formada coa com- 'con-' e o substantivo panis 'pan'.

Relacionadas coa palabra compañeira están as voces amiga, camarada e colega. Amiga designa a persoa que mantén unha relación de afecto e confianza con outra, e procede do latín amicus que tiña un significado semellante ao actual. O vocábulo camarada témolo que entender como a “persoa que, con respecto a outra, ten os mesmos costumes, ocupacións ou certos lazos de familiaridade”. O termo orixínase na palabra “cámara” e designaba as persoas que compartían o mesmo apousento, significado a partir do que se chegou ao que ten actualmente. A voz colega, segundo nos informa o Dicionario, sinala a ‘persoa que, respecto outra, exerce a mesma profesión ou actividade’, e procede do equivalente latino collēga 'compañeiro nunha maxistratura’, vocábulo formado sobre o verbo lego (escoller).

4

pandeireta

Pandeiro pequeno e redondo con ferreñas, que se toca movéndoo cunha man e golpeándoo contra a outra

Aghora que me puxeron
a pandeireta na manhe
se me peta na cabeza
tocarei hasta mañánhe.

Informantes: Delfina e Rosa, 68 e 64 anos
Compiladora: Dorothé Schubarth
A Vila da Igrexa, Cerceda, 1980
Fonte: Cancioneiro popular galego

Aínda que as cantareiras eran quen de se acompañaren nas súas coplas con instrumentos de percusión variados e se amañaban co que tiñan a man (latas do pemento, unha tixola ou unha botella), o certo é que o máis habitual era que se axudasen da pandeireta.

Os bailes de pandeiretas eran moi populares e moi acaídos porque non precisaban dunha infraestrutura particular (nin palco, nin orquestra, nin músicos de fóra...), só tocadoras e ganas de se divertir.

A pandeireta era un instrumento modesto que se adquiría nas feiras a quen vendía peneiras, pero na actualidade realízase en obradoiros especializados. Garda certa semellanza co pandeiro, aínda que é considerablemente de menor tamaño, habitualmente ten 26 cm. de diámetro; tamén é característico dela ter un maior grupo de ferreñas.

O pandeiro toca ben
porque as ferreñas son novas
o ghuapo qu’anda bailando
toca ben as castañolas.

Informantes: Jesusa, 48 anos
Compiladora: Dorothé Schubarth
A Paínza, Numide, Tordoia, 1979
Fonte: Cancioneiro popular galego

Faise de madeira de piñeiro ou nogueira, que se curva e se monta ata facer un círculo, cun furado para meter o polgar e termar dela ao tocar. Un dos lados recóbrese cunha pel fina de cabra ou ovella ben tensada, e nos laterais colócanse as ferreñas, que son uns ‘discos de metal co bordo rizado e lixeiramente cóncavos que se insiren no marcos das pandeiretas, pandeiro ou pandeiras’. O normal é que unha pandeireta teña nove pares de ferreñas.

Por un proceso de metonimia, a palabra ferreñas pasou a designar tamén o “instrumento musical tradicional, formado por un aro de madeira no que van suxeitas unhas ferreñas que soan ao seren axitadas”.
O termo pandeireta é un derivado apreciativo do vocábulo pandeiro, que procede do latín pandorium que derivaba de pandura ‘instrumento musical de tres cordas’. A voz pandeireta non aparece rexistrada nos dicionarios galegos ata o de Valladares (1884), e posteriormente tamén a recolle Carré (1951); pero pandeiro está presente xa na Colección de voces y frases de la lengua gallega do Padre Sarmiento.

5

patrimonio

Conxunto de cousas materiais ou inmateriais de certa antigüidade e importancia recoñecida, pertencente a unha colectividade

Segundo a Unesco, o patrimonio cultural dun territorio non son só os seus monumentos e as coleccións de obxectos representativos, senón que abrangue tamén as tradicións ou as expresións herdadas dos nosos devanceiros e transmitidas aos descendentes destes. Algunhas mostras deste patrimonio serían as diferentes manifestacións das tradicións orais, determinados usos sociais, ritos, festas, saberes e técnicas relacionadas coa artesanía tradicional.

A literatura de tradición oral en galego e, en particular, o labor das cantareiras podémolo considerar un exemplo do patrimonio propio, xa que cumpre perfectamente as premisas sinaladas pola Unesco. Este organismo outórgalle valor ao feito de que se trate dunha manifestación de carácter tradicional mais que, á vez, estea posta en valor e viva na actualidade socialmente. Sobra indicar que, grazas ás novas cantareiras, temos asegurado a conservación do tradicional, pero sen deixar de anovar en coplas e composicións diversas. Por outra banda, reclámase que o patrimonio cultural de noso sexa integrador e que non nos ille dos demais; pois por mor das similitudes coas manifestacións doutras culturas podemos establecer vínculos de afinidade con todas elas e mesmo certa relación de irmandade. Esta afinidade podémola encontrar coas mulleres que interpretan as cançons populares occitanas (composicións orais moi semellantes ás galegas transmitidas nas aldeas e vilas do sur de Francia); ou coas que fan o kan ha diskan, unha composición de orixe bretoa que ten certo parecido coa regueifa galega, xa que se cantan a dúas voces e tratan temas cotiáns e populares; tamén podemos atopar certa similitude coas intérpretes das boghes, as cancións tradicionais de Sardeña, que inclúen arrolos e cantos de traballo ou festivos.

A voz patrimonio procede da latina patrimonium que significaba ‘os bens que deixaban os pais en herdanza’, ‘patrimonio’ ou ‘riqueza’. Outras voces que podemos empregar para indicar ‘aquilo que nos transmiten os e as devanceiras’ poden ser herdanza, na acepción “todo aquilo que se herda”, formada a partir do verbo herdar, que provén do latín tardío hereditāre, da familia de haerentia e de haerēre 'estar unido'. E tamén legado 'cousa ou cousas non materiais que se transmiten á posteridade', que vén do latín legātum.

6

cancioneiro

Colección ou libro en que se recollen cantigas medievais, cancións, romances, coplas, panxoliñas etc.

Imaxe da páxina web da Fundación Barrié que recollen os volumes do Cancioneiro Popular Galego

A literatura oral vincúlase cos cancioneiros, dado que grazas a eles puidemos rexistrar, conservar e ter localizadas moitas composicións. Os cancioneiros son recompilacións de cancións, coplas e letras da tradición popular; cancións que se comparten entre as persoas dunha comunidade e se difunden de maneira oral ata que, por medo de que a transmisión oral falle, xorde a necesidade de transcribilas nos diferentes cancioneiros.

As cantigas, que están deseñadas para seren cantadas e facilmente memorizadas, teñen metros sinxelos e rimas doadas. A través delas tamén se pretendía a consolidación de certos valores ou sentimentos colectivos. A lingua dos cancioneiros sérvenos para recoñecer a evolución da lingua e a conservación de expresións populares que se perderían polo propio devir e modernización das entidades sociais.

Na historia particular da literatura galega as manifestacións orais xogaron un papel decisivo na conservación, non só da tradición, senón da propia lingua, tantos séculos marxinada. As mulleres foron fundamentais na transmisión da literatura oral. Elas cantaban e creaban nos ámbitos máis diversos, e grazas a elas consérvanse historias de todo tipo, contribuíndo a manter viva a cultura propia, aínda que, ás veces, quedaron escurecidas por se manifestar maioritariamente na esfera privada.

O termo cancioneiro, definido polo DRAG como 'colección ou libro en que se recollen cantigas medievais, cancións, romances, coplas, panxoliñas etc.' fórmase sobre o substantivo canción que na primeira acepción do Dicionario designa a “composición, xeralmente en verso, á que se lle pon música para ser cantada”, e que procede do equivalente latino cantio que nos leva ao verbo cano ‘cantar’. En galego temos como vocábulos próximos cantar, cantiga ou cántiga.

7

folk

Xénero musical que inclúe as cancións tradicionais, as inspiradas no folclore e outras orixinais, xeralmente de carácter contestatario

Durante os séculos escuros o uso culto da nosa lingua practicamente desaparece. A música tradicional foi unha forma de cultivar a nosa lingua por medio de composicións propias da literatura oral: panxoliñas, arrolos, cantos de cego... No século XIX, co éxito do Romanticismo, comézase a lle outorgar importancia a todo o acervo propio da tradición oral. A propia Rosalía de Castro en Cantares gallegos (1863) escribe seguindo os parámetros da poesía de transmisión oral e, convértese, asemade, nunha das primeiras compiladoras de poesía popular. Tamén Murguía e outros moitos folcloristas afeccionados, como Marcial Valladares, Xosé Casal, ou Lois Tobío Campos realizaron as primeiras recollidas de melodías e tamén de letras. A Sociedad El Folk-Lore Gallego, fundada en 1883, foi quen de emprender a tarefa de elaborar a compilación máis completa do XIX, o Cancioneiro popular gallego (1885-1886) de Xosé Pérez Ballesteros, que xuntou dous mil seiscentos cantares en galego.

Pero no século XX, a emigración da aldea á cidade ou a outros países por motivos económicos provocou que aquelas posibles transmisoras comezasen a esquecer os hábitos do rural e tamén as composicións pertencentes á literatura de transmisión oral; a isto hai que engadirlle que a ditadura franquista tampouco axudou porque se desprezou a lingua propia e calquera creación que a usase. Tras a morte do ditador, comeza un rexurdir da música folk que chega aos nosos días.

O vocábulo folk é a abreviatura do termo folclore “conxunto de tradicións, costumes, manifestacións artísticas etc., dun pobo”. A palabra provén do inglés –folklore–, voz formada, a partir de folk, ‘pobo’, ‘xente’ ou ‘raza’ e maila estoutro termo -lore que se corresponde con ‘saber’ ou ‘ciencia’.

O traballo de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina contribuíu a dar a coñecer o saber das cantareiras, entre elas, as nosas protagonistas Adolfina Casás Rama (1912–2009) e Rosa Casás Rama (1914–2005). Richi Casás, sobriño destas cantareiras, publicou Fuliada na Vila, onde ofrece unha proposta actualizada a partir das achegas das súas familiares. En 1981 Eva Castiñeiras (1925-2008) subiu a un escenario canda a súa irmá nunha actuación de Milladoiro, e foi probablemente a primeira vez que en Galicia as pandeireteiras compartían táboas cun grupo folk. O éxito das Pandeireteiras de Mens –Manuela Lema (1913-1993), Teresa García Prieto (1914-1979) e Prudencia (1905-1993) e Asunción Garrido Ameixenda (1915-2007)–comeza no ano 1973 da man do folclorista Manuel Caraville, quen as convidou a tocar o seu repertorio de cantigas no Teatro Colón e desde alí a percorrer medio mundo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir