Luz Pozo Garza aos 11 anos. Fonte: Arquivo gráfico de Alvarellos Editora
Chámame
cun hálito de ave
cun hálito de neve
cun hálito de nave
¿Hai alguén que me aprenda a voar?
“Na varanda de Ponte Vecchio”, Prometo a flor de loto (1992)
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 21 de xullo de 1922 – A Coruña, 20 de abril de 2020) deuse a coñecer no mundo literario nos anos grises da década de 1940. A súa voz singular emerxeu dende o primeiro momento cunha autenticidade e orixinalidade que marcaron oito fecundas décadas de creación poética en que foi referente de tantas xeracións de poetas. No Día das escritoras, volvemos con necesidade a eses seus versos cheos de paixón pola vida. Luz Pozo Garza aínda que nos deixou hai dous anos, reencontrámola sempre na súa poesía. No Portal das Palabras lembranos o legado con esta humilde homenaxe de sete palabras luminosas coma ela.
1
Luz
Axente físico que fai visible os obxectos, en contraste coa sombra ou a escuridade circundante.
‘“Gañarás a luz”, promete León Felipe, xa que toda a poesía do mundo pode ser un único poema.O que varía é a luz. (...) Se é certo, cada poeta engade unha faísca de claridade ó poema total. Imos coa pequena lámpada na noite ata que a revelación, que xacía nas sombras, se fai lúcida e sobrevive. Quizais sexa iso a poesía: a clarificación da idea na conciencia. (...) Habería, verdadeiramente, que engadir unha certa luz nova ó poema total. A luz propia que fai fuxir das nosas tebras”.
Códice Calixtino (1986)
Luz Pozo Garza en 1944. Imaxe cortesía do Arquivo Alvarellos Editora
Poucas veces un nome di tanto da persoa que o leva. A luz foi sempre un símbolo central da poesía de Luz Pozo Garza, porque o seu é un corpus poético “redondo, curvo, cálido, incandescente, luminoso e iluminativo”, define a crítica literaria Carmen Blanco, encargada da edición da súa antoloxía Memoria solar (2004). A propia autora apelou a esa relación entre a creación e o nome que herdou da nai en poemas como “Primeira memoria”: Tería que dicir co poeta / “Vin a sombra, sen ollada, sen lámpada”. / Mais a luz vai comigo. / Abrín os ollos.
As orixes da palabra luz suxiren tamén calidades tanto do seu carácter como da súa poesía: o substantivo chéganos do latín lux, lucis que significaba 'luz', 'claridade' ou 'día'. Xunto ao significado que podemos chamar literal, ten tamén outro simbólico ou estético asociado a conceptos positivos como a pureza, o coñecemento ou a liberdade, igualmente moi presentes na voz poética de Luz Pozo Garza. Ela mesma reflexiona no limiar de Códice Calixtino que a poesía quizais sexa a clarificación da idea na conciencia, onde a luz simboliza tamén a voz poética persoal.
Cuberta da antoloxía Memoria Solar (2004)
Derivada da voz luz atopamos luzada que, entre outros significados, fai referencia á primeira luz do día. Na nosa lingua temos outras moitas palabras para chamarlle a eses primeiros sinais da mañanciña como abrente, abrente do día, alba, alba do día, albor, alborada, amañecer, amencer, aurora, clarexa, luzada do día, rompente, rompente do día. Mais, incluso na escuridade se pode ver a luz, e por iso temos expresións como “luzada da noite” ou “luzada da Lúa” para nos referir ao luar, á luz que a Lúa desprende no medio da noite.
2
Nordés
Punto do horizonte entre o norte e o leste e a igual distancia de ambos. Zona ou lugar situados nesta dirección. Vento que sopra desa parte.
Eu era unha nena
Que medraba na mariña lucense
(...)
Era un ceo limpísimo
neste espacio extremado das Fisterras
Era un xardín aberto xusto na nordesía
Na seducción da luz
“Eu era aquela nena”, Vida secreta de Rosalía (1996)
Nordés. Cuberta de Luís Seoane
A Mariña lucense marcouna dende nena. Luz Pozo Garza naceu en 1922 en Ribadeo, e en 1929 trasladouse coa familia a outra vila mariñeira do norte de Galicia, Viveiro. Tras a guerra civil volvería residir nesta última localidade ata 1964.
Os anos á beira do Cantábrico deixaron pegada na súa obra, en poemas como “Ondas do mar de Viveiro” (1955), e mereceron unha homenaxe especial no volume Ribadeo, Ribadeo (2002). Alí sopra o nordés, que tamén se deixa sentir no mar de Vigo porque, como fixera Martín Codax, Luz Pozo tamén lle canta á este anaco da costa galega, convertido en espazo de amor na madureza, poética e vital, da autora: “Nas Cíes descubrimos a pericia das aves / e a medida celeste onde reside a luz / Bañámonos nas ondas / a compartir sulagos con dóciles palmípedas / e cunchiñas de nacre / Era o verán / Chegaban ventos fríos do primeiro cuadrante / os ventos tersos do Nordés".
Cuberta da biografía de Luz Pozo Garza (2014)
O nordés lembra outro labor destacado na traxectoria de Luz Pozo, o de crítica literaria, no que foi unha das pioneiras. A escritora fundou en 1975 e dirixiu, xunto ao pintor e poeta Tomás Barros, a revista de literatura Nordés, aínda que tivo que figurar como subdirectora por mor da forte discriminación de xénero mesmo legal que imperaba no franquismo. Máis adiante dirixiría tamén a publicación Clave Orión, que continuou co espírito de Nordés.
Nordés é unha palabra composta que se emprega para denominar o punto cardinal situado entre o norte e o leste, e tamén o vento que sopra nesa dirección. Os nomes dos puntos cardinais (norte, sur, leste e oeste) non proceden do latín. Parece que se incorporaron á nosa lingua dende o francés, pero a súa orixe primeira está en formas anglosaxoas. En concreto norte ten a súa etimoloxía no inglés antigo norþ, que pasou ao francés como nord; e a voz leste remítenos tamén ao inglés antigo ēast, que se importaría ao galego a través do francés est. A razón que explicaría esta orixe é que era o léxico que se empregaba na navegación, unha paixón pouco coñecida da nosa poeta, que obtivo o título de patroa de embarcación. A carón da palabra nordés temos a variante nordeste, as dúas apuntando á Mariña lucense que arrolou a nena Luz.
3
Liberdade
Dereito e posibilidade de poder actuar unha persoa segundo os propios criterios e de decidir por ela mesma aquilo que lle atinxe, sen estar sometida ás imposicións doutros.
Miña dona Liberdade
leva o aceno esgazado,
o herdo esfiañado,
non ten leito nin teito.
“Miña dona Liberdade”, Concerto de outono (1981)
O académico e amigo da autora Xesús Alonso Montero defínea como poeta do amor con maiúsculas, porque o amor é fío condutor de toda a súa obra. Pero o canto de amor de Luz Pozo Garza é tamén sempre un canto á liberdade radical. “Igoal que pra Paul Eluard a libertade non é somentes un ideal político autónomo, sinon unha necesidade esencial, pra Luz Pozo Garza atingue o símbolo do nó, o miolo e urdidume do seu propio ser”, escribiu dela o seu compañeiro Eduardo Moreiras no limiar de Concerto de outono.
Ilustración de Luz Pozo Garza para o poema "O prisioneiro" do libro Concerto de Outono
A liberdade é, implícita ou explicitamente, tema de moitos dos seus versos e mesmo deu nome a unha das seccións dese libro, “Miña dona liberdade”, e ao poema que a abre. Mais, á marxe do papel, tamén guiou unha vida persoal que tratou de vivir afastada dos convencionalismos. Luz Pozo foi, de feito, pioneira en moitos aspectos. En plena posguerra comezou a publicar poemas en Las Riberas del Eo e outras publicacións periódicas galegas e de fóra de Galicia, e en 1949 veu a lume o seu primeiro poemario, Ánfora. Este volume, en castelán, foi moi ben acollido pola crítica e sería gabado especialmente polo poeta da xeración do 27 Gerardo Diego. Pouco despois, en 1950, con só 28 anos, era nomeada académica correspondente da Real Academia Galega.
Liberdade procede do latín libertas, -atis 'liberdade, condición de persoa libre'. Fórmase sobre a base do adxectivo latino liber que evoluciona ata o noso “libre”. Esta etimoloxía está na orixe dunha prolífica familia de palabras na nosa lingua. Cultismos como liberto –a, que era como se denominaba na antigüidade os escravos que conseguían a súa liberdade, ou liberación; verbos como: librar, liberar ou deliberar; incluso palabras patrimoniais como libras ou libracións, que son os nomes que denominan a placenta e as membranas expulsadas do útero despois do nacemento.
4
Sensualidade
Calidade do que é sensual.
O teu canto, sin verbas, no meu peito,
quente música, a túa, que me molla.
O meiodía craro da túa gorxa
brincando, meu paxaro, pol-o sangue.
Aturuxo de xílgaro ou de chuvia,
de auguiña fresca, pol-a miña vena.
Así o teu canto, neno que nacera
Con vos de río, en liñas musicales.
“A túa música”, O paxaro na boca (1952)
Detalle da ilustración de Luz Pozo para o poema "Os amantes de Castrelos" en Concerto de outono
Ánfora (1949) foi unha obra excepcional na España da época pola sensualidade e polo erotismo dos seus versos. De igual xeito, o seu primeiro libro en galego, O paxaro na boca (1952), foi totalmente innovador nas letras galegas, nun momento en que apenas comezaba a se recuperar timidamente a edición de libros en galego tras a guerra civil. O título inaugurou a colección Xistral, creada en Lugo por Manuel María e o pintor Ánxel Johán.
O paxaro na boca (1952)
Luz Pozo avanza nesta estrea o tema intimista amoroso que tanto marcará a súa poética e faino identificando o eu feminino con elementos da natureza que serven tamén para reivindicar o gozo, o pracer. A adopción de símbolos da natureza, con significados diversos, será outro trazo característico da súa poesía ata a madureza, na que a sensualidade adopta novas formas e acompaña por veces versos marcados pola saudade.
Sensualidade é outra palabra que nos chega do latín, do tardío sensualitas, que significaba a ‘facultade de percibir sensacións’ ou ‘sentir’, e derivado á súa vez do termo sensualis, adxectivo que indicaba ‘aquilo relativo aos sentidos ou ás sensacións’. O vocábulo que chegou a nós sufriu polo camiño unha modificación semántica nalgunhas das acepcións. A primeira que recolle o Dicionario da Real Academia Galega para sensual coincide coa latina, “propio dos sentidos, que procede ou é producido polos sentidos”, mentres que as seguintes conectan co significado que adquire a calidade de sensual en obras como O paxaro na boca: o “que agrada ou causa pracer aos sentidos” e, aplicada ás persoas, “a que busca todo aquilo que agrada ou causa pracer aos sentidos, en especial no aspecto sexual”.
Sensualidade ten como sinónimo sensualismo. Pódese dicir que o termo suxire un gozo harmónico, mesmo dotado da elegancia, que tamén define a poesía de Luz Pozo.
5
Música
Arte de combinar os sons harmonicamente seguindo unhas determinadas regras.
Para ouvir música de Bach
pon a faciana nos meus seos nunha versión
vitral apaixoada. A man
eiquí no van.
“Tocata e fuga”, Concerto de outono (1981)
Luz Pozo licenciouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Oviedo en 1963 e un ano despois converteuse en profesora de lingua e literatura de ensino medio, mais a primeira formación académica da poeta foi a música. A autora recibiu clases de piano e violín dende nena, en 1944 completou a carreira elemental de piano e solfexo en Madrid, e en 1949 obtivo o título superior de piano polo conservatorio da Coruña.
Detalle da ilustración de Luz Pozo para a cuberta de Concerto de Outono
A influencia da nai foi decisiva tanto no amor de Luz Pozo Garza polas letras como pola música e mesmo o debuxo. A ela dedicoulle o seu derradeiro libro, Pazo de Tor, pero dalgún xeito a pegada de Luz Garza Feijoo na filla queda reflectida no conxunto dunha obra na que abundan as referencias á música e á arte. Un bo exemplo é Códice Calixtino, unha escrita, en palabras da súa editora Carmen Blanco, plástico-musical chea de alusións á tradición musical –dende Martín Codax a Chopin– e que se serve do valor simbólico da súa lingua. Máis cómpre non esquecer Concerto de outono, o título co que deixa atrás a etapa bilingüe e se instala definitivamente como poeta en galego. O propio título deste volume deixa clara esa relación simbiótica, latente tamén no ritmo, na musicalidade de toda a obra da autora.
A palabra música remítenos primeiro ao latín ars musica, que designaba a ‘arte música’. A expresión latina bebe á súa vez do grego mousiké téchne, que se refería ás ‘artes relativas ás Musas’. As musas na mitoloxía da antiga Grecia eran as gardiás das artes, entre elas a poesía cantada, que co tempo deu lugar á música por unha banda e á poesía pola outra.
Tamén dende o grego, por vía latina, todas as linguas da contorna toman a mesma designación. En portugués, castelán e catalán tamén lle chaman música; en francés, musique; en inglés, music; e en alemán, musik.
O mesmo étimo lévanos curiosamente ata o museo, palabra que nos chega, do latín musēum, que significaba ‘lugar consagrado ás musas' ou 'edificio dedicado ao estudo', e procedía tamén do grego mouseîon. Foi no séc. XVIII, a raíz da Revolución francesa, cando se tomou a palabra museum para designar un edificio de determinadas características (a imitación do Museo de Alexandría) no que é posible contemplar unha colección de obras de arte.
6
Diálogo
Conversación entre dúas persoas ou máis.
Agora conversamos dúas mulleres galegas nun diálogo, que é un acontecemento de liberdade dos suxeitos. Rosalía fala e eu respondo.
Diálogos con Rosalía (1996)
En 1996 Luz Pozo, xa consagrada como unha das grandes voces da literatura galega, convértese en académica de número da Real Academia Galega. O seu discurso será o primeiro deste tipo concibido no código da poesía. A prosa cédelle o protagonismo aos versos neste ensaio cuxo título, Diálogos con Rosalía, xa evidencia outra vontade da autora: a de conversar coa tradición poética galega e universal, o que na terminoloxía literaria se denomina intertextualidade.
Vida secreta de Rosalía (1996)
Se falamos dos diálogos con Rosalía, cómpre lembrar que antes do discurso de ingreso na RAG xa conversara intensamente con ela nas “Verbas a Rosalía” do Concerto de outono ou que volveu facelo na Vida secreta de Rosalía (1996). Na serie “Homenaxe” do Códice Calixtino, fálalles a Ánxel Fole, Paul Éluard, Aquilino Iglesia Alvariño, Luís Seoane ou Luís Pimentel; en Rosa tántrica (2016) dialoga con Borges á procura dunha iluminación mística e noutros versos tamén establece lazos con Pura Vázquez, Rilke, San Juan de la Cruz ou Paul Valéry. Pero o diálogo principal é o que Luz Pozo Garza desenvolve co tamén poeta Eduardo Moreiras (1914-1991), o seu segundo home. El inspira moitos dos seus poemas e a el está dedicado o elexíaco Prometo a flor de loto (1992), que mereceu o Premio de Poesía Miguel González Garcés.
O termo diálogo chegou a nós do latín dialogus, bebendo á súa vez do grego diálogos, onde significaba xa ‘conversa’. O vocábulo é o froito do encontro da partícula dia- ‘entre’ e o substantivo logos ‘palabra meditada’, unha explicación etimolóxica que moi ben lle acae á poesía de Luz Pozo. Desta palabra xorde dialogar, “manter un diálogo”, e tamén, cun significado moi diferente, monólogo, a voz que empregamos cando unha persoa fala e as demais se limitan a escoitar.
Se o diálogo non é moi transcendente, daquela podemos dicir que estamos a charlar. E se hai confianza de abondo, podemos mesmo parolar, parrafear ou leriar. Volvendo ao terreo máis formal, falamos por último dun parente latino de diálogo, coloquio, que se define como “conversa entre especialistas sobre un tema que pode ser variado”. Procede do latín colloquium, substantivo deverbal de colloquor, verbo formado de cum 'con' e loquor 'falar', e que significa xa que logo ‘falar con’ ou ‘conversar’.
7
Elegancia
Calidade do que ten ou está feito con bo gusto, do que é sinxelo e ben proporcionado.
Como naquela rosa sempre ilesa de tanto amor
transito polos parques remotos deste inverno
en Dublín.
E séntome a ler un vello libro
“rose upon the road of time” na saudade de Yeats
ou na paixón azul de Lady Gregory
para os días de asombro
“... Sad roses of my days!”, As arpas de Iwerddon (2005)
Luz Pozo Garza na presentacion do seu libro Pazo de Tor (2019)
Este poema do libro de inspiración gaélica de Luz Pozo Garza foi un dos recitados na homenaxe que a Real Academia Galega lle rendeu en 2017 co gallo do seu 95 aniversario. Escolleunos a poeta Yolanda Castaño, para quen son boa mostra da mestría de Luz Pozo Garza na combinación da sutiliza, da elegancia e do equilibrio. A palabra elegancia foi tamén empregada nesta celebración polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes, para definir a homenaxeada. E outra autora do século XXI, María do Cebreiro, titulou Elegancia sentimental e nobreza espiritual as páxinas que lle dedicou con motivo do Premio Trasalba que Luz Pozo recolleu en 2019.
Elegancia chega á nosa lingua dende o latín elegantia que significaba ‘gusto’, ‘delicadeza’ ou ‘distinción’, todas elas calidades presentes na obra e na persoa de Luz Pozo Garza. O substantivo derivou do adxectivo elegans, que significaba ‘refinado’ ou ‘distinguido’ no latín clásico. A voz está emparentada co verbo eligere ‘escoller’ ou ‘elixir’.
A elegancia normalmente asóciase co bo gusto, a beleza e a sinxeleza. Afíns semanticamente son termos como galanura, a calidade de quen é galante, gallardo ou do que é de bo gusto; ou donaire, o que se move con elegancia e desenvoltura, particularmente ao andar. Pero se falamos de Luz Pozo Garza, debemos conxugar o verbo voar e pecharmos esta homenaxe convocando as aves que poboan a súa poesía. En especial, por suposto, a garza.